Sociedade mestiza e loitas transversais

Resulta a todas luces evidente que o contrato social, esa gran metáfora e experimento intelectual da Modernidade, fai parte fundamental do instrumental de fundación e lexitimación do Estado moderno. Mais tamén resulta evidente que, tanto coma modelo coma na súa realización histórica, ese contrato serve aos intereses dunha minoría privilexiada que, a través do enorme potencial dos seus medios de poder, ten a capacidade para excluir, marxinar ou afastar a inxentes cantidades de persoas do goce dunha cidadanía plena. Machismo, clasismo, etnocentrismo, elitismo, colonialismo e outros xeitos de exclusión e opresión da alteridade, constitúen a mostra do incumprimento dunha promesa que anunciaba liberdade, xustiza e igualdade para toda a humanidade. E non só con respecto aos individuos, senón tamén con respecto a unha natureza alonxada do ser humano, mercantilizada e explotada sen límites en beneficio duns poucos e en perxuízo de moitos, nun proceso que vai camiño de nos conducir a un desatre ecolóxico sen precedentes.

Reformular o pacto é unha necesidade perentoria que esixe romper con toda unha serie de categorías e esquemas de pensamento que fan parte do parapeto protector dos modelos de dominación, dificultando tanto o a posta en cuestión de inercias ralentizadoras da mudanza social coma o progreso cara a novas formas e experiencias de radicalidade democrática. O propio concepto de contrato debería comezar a ser mudado por un novo concepto de alianza entre todos aqueles grupos que ficaron ou van ficando ao marxe da capacidade para decidir ou influir sobre as decisións políticas, económicas ou sociais que tan alto coste teñen para as nosas vidas e para as das vindeiras xeracións. Así, neste aspecto, cobra sentido a conceptualización de sociedade mestiza, entendida como aquela na que non hai cabida para proxectos e prácticas de opresión, desposuimento e aniquilación das identidades colectivas e das subxectividades individuais. Unha sociedade na que o rexeitamento do estraño e do alleo deixe de ser constitutivo da propia autoafirmación, desgraciadamente conseguida mediante a desaparición ou asimilación das diferenzas.

Enmarcado neste contexto de afloramento de manifestacións e reivindicacións da pluralidade de identificacións, asistimos, na actualidade, a unha situación de involución global, tanto máis agresiva canto máis medra a percepción do inxusto, da posibilidade da súa superación e da experimentación de vías emancipatorias. As loitas dos pobos polo seu recoñecemento e dereito a decidir, as loitas feministas, as do precariado, as ecoloxistas, as que se dan en defensa do público, polas pensións dignas, pola ampliación e estensión dos dereitos, así coma moitas outras desenvolvidas nunha morea de diversos ámbitos, están atravesando a xeografía física e política do planeta, á vez que son combatidas con dureza polos poderes monopólicos e oligárquicos que ven nelas unha ameaza para a súa posición privilexiada e hexemónica, ben acorazada de coerción.

Toda esta variedade de loitas, que moitas veces eran consideradas apolíticas, constitúen importantes lugares de conflito e de antagonismo e están a xerar mobilizacións sociais e políticas que desafían o actual modelo de apropiación e distribución dos recursos materiais e simbólicos. Pois ben, nunha sociedade mestiza no sentido antes exposto, non debemos estabelecer un rango xerárquico entre toda esta pluralidade de loitas, de tal xeito que unhas se consideren superiores e principais, mentres outras son relegadas a posicións de inferioridad e subordinación nunha escala que acaba desvalorizando aquelas que son situadas nos chanzos máis baixos provocando o desánimo e a frustración dos seus protagonistas. O recente exemplo da enorme capacidade de contestación que ultimamente, e no Estado español, amosou o soberanismo catalán, o feminismo e o movemento polo dereito ás pensións dignas obriga, como acertadamente indica Chantal Mouffe, a concebir a necesidade de estabelecer unha cadea de equivalencias entre as diferentes loitas democráticas a fin de poder ir creando unha articulación entre as diferentes demandas, presentes ou futuras, que signifiquen a posibilidade de consolidar avances na transformación social e de reconquistar aqueles espazos expropiados á soberanía popular.

Xa Lacan, Laclau ou Zizek desvelaron a importancia  das cadeas de significantes flotantes ou baleiros, difusos e sen ligazón, mais cuxa articulación exitosa está na base do espazo ideolóxico. Aproveitar o potencial de significantes como xustiza, cidadanía, liberdade, igualdade ou democracia, entre outros, para fornecelos e acolchalos de significados que non poidan ser apropiados polo discurso da reacción, pode facilitar enormemente a tarefa de articulación e encontro dos sectores que se resisten a aceptar e a acatar unha posición de subordinación imposta, precisamente, por unha gramática de dominación e desposuimento en favor dos poderosos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.