Sodes (somos) todas unhas mentireiras

Aula dun centro de ensino galego © Xunta

A mentira, segundo o dicionario, é a “acción de manifestar algo que non responde á verdade”; e a exaxeración consiste en “facer que algo sobrepase os límites do que se considera normal”. Hai unha terceira categoría que nunca aparece nos libros: a verdade incómoda, aquela que se parece tanto á mentira porque ninguén quere comprobar se é certa

A mentira, segundo o dicionario, é a “acción de manifestar algo que non responde á verdade”; e a exaxeración consiste en “facer que algo sobrepase os límites do que se considera normal”. As persoas adultas ensinamos estes conceptos, mais hai unha terceira categoría que nunca aparece nos libros: a verdade incómoda, aquela que se parece tanto á mentira porque ninguén quere comprobar se é certa.

Imaxinemos un lugar de traballo calquera, por exemplo un centro de ensino, cunhas alumnas e alumnos calquera, que un día deciden falar e din en voz alta algo que ata entón só comentaban entre elas, en voz baixa, na aula, nos recreos. Non teñen as palabras exactas mais saben que algo non funciona, saben que algo non é correcto e sábeno porque nas charlas, nos carteis, nas titorías, o profesorado repite: “non debedes calar se vedes algo inxusto, se alguén agride (física ou verbalmente) a un/ha compañeiro/a, hai que denunciar”. Por uns momentos, séntense valentes, escoitadas, por uns días, ata que chega un silencio perfectamente educado. A súa palabra comeza a parecer menos importante.

E nese punto, sen que ninguén o diga en voz alta, constrúese unha versión non oficial, pero efectiva. A versión de que exaxeraron, de que igual se confundiron ou que simplemente pretendían aproveitarse para ter unha mellor nota. Porque se realmente houbese algo no que declararon, algo tería pasado. Entón, o lóxico e matemático, o que todo adulto sensato entende, é que o problema non existía ou se existía non era realmente un problema.

Entón, por que non lles damos resposta? Por que cando fan o que lles pedimos, cando usan as ferramentas que lles demos, se encontran cun muro burocrático que non se move? A maquinaria superior non avanza ao mesmo ritmo e o resultado é cruel: alumnado que detecta fallos que as persoas adultas non saben (ou non queren) resolver

Este mecanismo actívase principalmente cando o que se denuncia é un comportamento sexista ou racista porque se non se produce unha investigación, tampouco hai unha desculpa, nin un cambio de actitude e o alumnado que falou aprende que a súa incomodidade non merece resposta, aprende que o racismo ou o machismo, cando o exerce unha autoridade, non é nin racismo, nin machismo: é un desafortunado malentendido, ou unha broma, ou unha exaxeración delas.

Mais paremos un momento e miremos o que realmente está a acontecer porque hai algo nestas situacións que debemos valorar e do que nos temos que sentir orgullosas. Ese alumnado que hoxe sinala un comentario sexista ou unha actitude racista está a facer algo que hai dez anos pouca xente faría pois moitas desas condutas pasaban por normais. Un chiste de mal gusto, un comentario sobre o corpo, unha pregunta sobre a orixe... iso non se denunciaba porque nin sequera se nomeaba. Non había palabras para designar esa incomodidade. Porén, hoxe, aprenderon a pórlle nome, a distinguir o que respecta do que humilla, a identificar un abuso de poder aínda cando vai disfrazado de broma. E isto que significa? Que algunha cousa estamos a facer ben e que o traballo silencioso de décadas está a dar o seu froito

Así aprenden, ao final, que a mentira é un sistema que fai que a verdade, cando incomoda, reciba o mesmo trato que a falsidade. E nese sistema, fican desprotexidas porque a protección, ao final, non son carteis bonitos, é que cando falas, o mundo cambie de sitio

Entón, por que non lles damos resposta? Por que cando fan o que lles pedimos, cando usan as ferramentas que lles demos, se encontran cun muro burocrático que non se move? A maquinaria superior non avanza ao mesmo ritmo e o resultado é cruel: alumnado que detecta fallos que as persoas adultas non saben (ou non queren) resolver.

Así aprenden, ao final, que a mentira é un sistema que fai que a verdade, cando incomoda, reciba o mesmo trato que a falsidade. E nese sistema, fican desprotexidas porque a protección, ao final, non son carteis bonitos, é que cando falas, o mundo cambie de sitio.

Por iso, todas sodes -somos- unhas mentireiras, non porque mintades, senón porque a verdade, cando ninguén a quere mirar, chámase así.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.