Solucións ideolóxicas para a crise demográfica galega

Permítanme a cita. Dicía Karl Marx que ser radical é ir á raíz das cousas. Algo que ninguén fai ó falar da actual crise demográfica galega.

Ser radical é ir á raíz das cousas. Algo que ninguén fai ó falar da actual crise demográfica galega

Segundo os nosos políticos e tertulianos, os culpables son os vellos, por vivir máis anos dos que lles toca. Logo as mulleres, por non querer ter os fillos que deberan (¡¿?!), e despois os mozos, por escoller o camiño da emigración. Estes últimos ademais son dobremente culpables. Por renunciar a ter fillos no país e por desprezar o futuro que este lles ofrece: paro e subemprego crónico. Non en van, a metade dos contratos asinados hoxe en Galicia o son para traballar en bares, no comercio ou en empregos sen cualificación profesional algunha.

A lonxevidade e a baixa fecundidade non son de por si causa de declive demográfico, senón que llo pregunten a Francia

Mais, nin vivir máis anos nin ter menos fillos está na orixe da actual crise demográfica. Historicamente Galicia sempre tivo unha poboación máis avellentada e as súas mulleres sempre tiveron menos fillos que as do resto do Estado. Neste último caso debido a que a xente casaba tarde e a que a mortalidade infantil era baixa. Malia isto, a poboación galega medrou no tempo. A lonxevidade e a baixa fecundidade non son de por si causa de declive demográfico, senón que llo pregunten a Francia.

O certo, é que nesta cuestión ninguén quere falar claro. Dicir que a orixe da crise demográfica actual está na intensidade que hoxe ten a emigración. Ou sendo un auténtico radical, nas causas que hoxe están a xerar esa emigración.

A orixe da crise demográfica actual está na intensidade que hoxe ten a emigración

É curioso que para poñerlle couto aínda non se teña elaborado un “Plan de Freada Emigratoria” ou algo así. Facelo sería perigoso. A comisión de expertos que tería que informar ó Parlamento debería determinar se os investimentos feitos nestes últimos 25 anos cos cartos da Unión Europea no Xacobeo, nos aeroportos, nos mal chamados “parques industriais”, nos portos exteriores, na Cidade da Cultura, nos paseos marítimos ou nas casas da opera, foron quen de crear un tecido produtivo de calidade e de futuro. Un tecido como polo que traballou no seu día o tan celebrado Paz Andrade. Consecuentemente, a comisión tería que ditaminar se eses investimentos serviron ou non para xerar ese benestar que, sen dúbida, tería estimulado a natalidade, evitado a emigración e minimizado os efectos do avellentamento. É evidente que non foi así, visto que o avellentamento considerase un problema, da emigración non se fala e UNICEF acaba de constatar que os estándares de vida dun terzo dos nenos galegos sitúanse por debaixo do limiar da pobreza.

O Parlamento debería determinar se os investimentos feitos nestes últimos 25 anos cos cartos da Unión Europea no Xacobeo, nos aeroportos, nos mal chamados “parques industriais” foron quen de crear un tecido produtivo de calidade e de futuro

 

Dito isto, propor desde a Xunta como remedio á crise demográfica axudas á natalidade ou ás familias dos que aínda non emigraron, ou ben a aquelas que non van a facelo nunca, é atacar os síntomas e non a raíz dun mal que segue, e seguirá, consumindo o alento vital e o capital humano de Galicia. E non só iso, senón que é tratar de poñerlle remedio con medidas ideolóxicas que buscan potenciar a familia tradicional e amosar que o rol “natural” das mulleres é ser nais na casa.

En definitiva, medidas que non solucionarán nada e cuxa posta en práctica é unha verdadeira perda de tempo e cartos, amén de fume cara a galería.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.