Somos máis?

Coñecer a xénese e o desenvolvemento da Mafia en Sicilia revélase un útil exercicio para entender o que acontece na Galicia de hoxe en día. Sicilia e Galicia manteñen características comúns. O cóctel caciquismo e corrupción non deixa de representar unha variante dulcificada da Cosa nostra. As sociedades rexidas por esa fórmula perniciosa amosan un obvio paralelismo con aquelas gobernadas pola mafia. Eis algúns puntos en común.

Sicilia e Galicia manteñen características comúns. O cóctel caciquismo e corrupción non deixa de representar unha variante dulcificada da Cosa nostra

Ámbalas dúas sociedades preocúpanse por artellar unha organización informal con normas fixadas de funcionamento; ámbalas dúas pretenden o enriquecemento dos seus integrantes a costa dos cartos públicos; ámbalas dúas cometen acotío fraudes, subornos, nepotismo, estafa e conspiración para o delito; ámbalas dúas premian e defenden os seus membros fronte a calquera outro concorrente facendo valer como único mérito necesario a pertenza ó clan; ámbalas dúas esfórzanse por amosar unha face externa amable…

Ámbalas dúas gozan, outrosí, dun certo grao de aceptación social. O seu éxito actúa incluso como captador de novos integrantes sen necesidade de apostolado. Apelan á mesquindade e seica hai mesquindade para repartir no país

Ámbalas dúas gozan, outrosí, dun certo grao de aceptación social. O seu éxito actúa incluso como captador de novos integrantes sen necesidade de apostolado. Apelan á mesquindade e seica hai mesquindade para repartir no país. Mesquindade que implica pensar en termos únicos e persoais e desprezar o interese colectivo, mesmo as clases marxinadas. “Únete a nós e irache ben”, ese semella o seu lema, que parece funcionar á perfección. Irache ben a ti, o resto tanto nos ten. Que si, que vivimos nunha sociedade eminentemente mesquiña.

Somos máis realmente? Se a resposta fose afirmativa, nin PP nin PSOE poderían conservar unha soa instancia de poder

Cabería reivindicar a resposta social, colectiva, común. Ese somos máis que agora se pon en dúbida (tétrica dúbida). Somos máis realmente? Se a resposta fose afirmativa, nin PP nin PSOE poderían conservar unha soa instancia de poder; se fose afirmativa, ninguén nesa longa listaxe de afectados podería continuar coa súa actividade pública; se fose afirmativa, tampouco cadanseus xefes, responsables últimos da pervivencia da trama, estarían lexitimados para ocupar as súas privilexiadas cadeiras; se fose afirmativa, ámbalas dúas organizacións serían obrigadas a un profundo proceso de refundación tralo cal cada un dos seus alicerces e dos seus departamentos ficarían saneados y libres de calquera resto de prea.

Tanto PP como PSOE defenden os seus membros o que supón protexer a propia organización. Queda nas mans da cidadanía

Mais nada disto está a acontecer. Non en Galicia e dende logo en España tampouco. Tanto PP como PSOE defenden os seus membros o que supón protexer a propia organización. Queda nas mans da cidadanía. Moito temo que os volvan/volvamos apoiar, lavando deste xeito todo pecado cometido. E así continuarán gobernando, as mesmas artes, iguais prácticas. E aí permanecerán tal como permanece a Mafia en Sicilia; e en Italia tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.