SON&MAR: Golpes (moi) Baixos

Presentación da programación da segunda semana do Festival Son e Mar © Deputación de Pontevedra

12 de setembro de 2026. Día elixido para a celebración dun dos concertos con entrada gratuíta que a Xunta de Galicia programou este verán para a utilización dun dos espazos dos que é titular na cidade de Vigo coa fin de contrarrestar a ampulosa programación do concello controlado polo líder supremo da cidade, o sociopopulista Abel Caballero, que ten por costume cada verán agasallar aos seus concidadáns coas actuacións dos “mellores artistas do mundo no mellor auditorio ao aire libre do mundo e para o mellor público do mundo”

12 de setembro de 2026. Día elixido para a celebración dun dos concertos con entrada gratuíta que a Xunta de Galicia programou este verán para a utilización dun dos espazos dos que é titular na cidade de Vigo coa fin de contrarrestar a ampulosa programación do concello controlado polo líder supremo da cidade, o sociopopulista Abel Caballero, que ten por costume cada verán agasallar aos seus concidadáns coas actuacións dos “mellores artistas do mundo no mellor auditorio ao aire libre do mundo e para o mellor público do mundo”.

O meu amigo Víctor, especialista en información local, estivo a tentar convencerme para asistir dende había un par de semanas e aínda que non son moi dado a este tipo de eventos gratuítos, xa que considero que son meras ferramentas políticas, finalmente decidín acudir. Quizais o único motivo que me animou a ir foi o feito de que ese día tería lugar unha homenaxe a Golpes Bajos, un dos grupos franquía da Movida, sobrevalorada corrente cultural dos anos 80 que supostamente tivo lugar na cidade olívica. Digo sobrevalorada e supostamente porque na miña opinión, foi algo ficticio, unha manobra política auspiciada polo entón alcalde socialista Manoel Soto, da que en realidade só cabe destacar a existencia de 3 ó 4 grupos que nun momento de inquietude cultural se abriron paso desde a periferia da capital en plena efervescencia postfranquista.

O cartel, baixo o título de 'A movida viguesa', incluía a un par de grupos do citado movemento cultural, Semen Up e Golpes Bajoos e outros artistas locais de recheo como The Killer Barbies, Stoned at Pompeii ou Los Feliz, grupo de Miguel Costas, que aínda que fose un indispensable membro de Siniestro Total nos seus inicios, non representan exactamente á Movida. Quizais un evento que pretendía rescatar ou homenaxear ás bandas da cidade naqueles anos xa carecía de sentido sen a presenza dos autores do magnífico 'Cuando se come aquí?', pero iso é outro tema que non nos incumbe neste momento.

Horas antes do confirmar a miña asistencia, enviei un whatsapp ao meu amigo no que lle advertía que eu só iría ver a actuación de Golpes Bajos, pois o resto carecía de interese para min. Como apostilla e despois de coñecer aos cantantes que acompañarían a Teo Cardalda engadín: “Podo prometer e prometo que vai ser decepcionante”. Quedei curto.

En canto cheguei ao recinto comprobei que a media de idade dos asistentes era de 50-60 anos e tamén outra circunstancia moi característica deste tipo de eventos de marcado carácter político propagandista: a deficiente calidade do son. Para garantir a asistencia do público neste tipo de seráns gratuítos, os organizadores adoitan escatimar recursos na instalación de equipos de son adecuados, xa que o que importa non é a música nin a calidade dos artistas en si; aquí do que se trataba era de contraprogramar a oferta do concello cun ciclo de concertos baixo o título de SON & MAR (“son e mar”, parece que foi o primeiro que se lles ocorreu ao celebrarse nunha explanada a escasos metros do mar, pero iso é o de menos). Iso si, para acceder era obrigatorio recoller unha pulseira provista dun chip, que ademais de ser útil para contar o número de asistentes e logo presumir do éxito da convocatoria, servía tamén para, previamente cargada, adquirir as bebidas e comida que alí se ofertaban. Estou seguro de que se a entrada non fose gratuíta o número de asistentes sería bastante menor e tamén estou seguro de que os alí presentes non caían na conta de que de gratuíto pouco tiña o evento, xa que finalmente financiábase con diñeiro público, é dicir o noso diñeiro.

Cartel do concerto © Son&Mar

Horas antes do confirmar a miña asistencia, enviei un whatsapp ao meu amigo no que lle advertía que eu só iría ver a actuación de Golpes Bajos, pois o resto carecía de interese para min. Despois de coñecer aos cantantes que acompañarían a Teo Cardalda engadín: “Podo prometer e prometo que vai ser decepcionante”. Quedei curto

Unha vez contextualizado o acontecemento, imos ao que me levou até alí: a actuación de Golpes Bajos. O setlist preparado por Teo Cardalda comezou coa interpretación dun dos temas da banda co membro fundador ao piano e acompañado de dous músicos profesionais que, xunto a Luís García (baixista orixinal do grupo), foron case os únicos que mantiveron o tipo durante o recital. Acto seguido, o compositor e pianista de Bouzas fixo unha breve presentación do que iamos presenciar lembrando a diversos personaxes e locais nocturnos desaparecidos da Movida, facendo fincapé na nostalxia, esa tristeza melancólica orixinada polo recordo dunha dita perdida ou como diría o meu amigo Javier “unha droga moi dura”.

A primeira en saír a escena para suplir ao insubstituíble Germán Coppini foi Mercedes Ferrer. A cantautora madrileña foi incapaz en todo momento de estar á altura e máis ben parecía cansa, desubicada ou con algún tipo de afectación. Continuas desafinacións, falta de adecuación ao espírito das cancións orixinais, arengas trasnoitadas ao público...en fin... un desastre. Volvería aparecer no escenario en dúas ou tres ocasións máis con idéntico resultado. O público presente permanecía inmóbil esperando pezas como “No mires a los ojos de la gente”, “Fiesta de los maniquíes” ou “Malos tiempos para la lírica”.

Acto seguido chegou a quenda do artista local Tony Lomba. Se o de Mercedes Ferrer resultou esperpéntico e case desagradable, o cantante vigués puido superar o despropósito. Empezou confundindo a letra dunha das dúas cancións que tiña previsto cantar, polo que ao cabo dun par de minutos tiveron que parar para reconducir a situación. A súa habitual forma de cantar, baseada practicamente na sátira e o humor non era compatible coa tristeza e solemnidade da voz de Germán Coppini, cantante inesquecible e inimitable onde os haxa, dotado ademais dunha presenza escénica única que facía de Golpes Bajos un grupo realmente orixinal e único no seu momento.

A incapacidade para afinar unha soa nota foi unha constante durante a achega de Lomba, que se empeñou en tentar animar ao público con coreografías simples e desacertadas, máis propias dun cantante de verbena que dun grupo de pop sofisticado. A base de percusión pseudolatina en plan bossa nova resultaba orixinal e sorprendente acompañada pola deliciosa voz de Coppini, pero agora quedaba totalmente deslucida pola do vigués, ao que só lle faltou gritar “!Azúcar!” en plan Celia Cruz para animar a un público que dende ese momento comezou paulatinamente a abandonar o recinto.

Non recordo se antes ou despois de Tony Lomba, o substituto de Coppini foi outra vella gloria do pop facturado en Vigo, o polifacético Antón Reixa, que tampouco estivo á altura, aínda que sabiamente dedicouse a practicamente rapear a letra, co que polo menos nos evitou outro intre de disonancias sonoras insoportables.

Houbo despois un momento de respiro coa aparición de Alberto Comesaña (Semen Up, Amistades Peligrosas) que despois de entrar ao escenario dirixíndose a Teo Cardalda para postularse como salvador do que el consideraba estaba a ser un desaguisado, interpretou a canción que tiña asignada con solvencia e profesionalidade.

A nostalxia pode ser unha droga dura, pero se a cortas moito con ingredientes de baixa calidade pode resultar tamén moi perigosa

Outro dos ilustres convidados foi Miguel Costas, membro fundador e peza fundamental do éxito de Siniestro Total nos seus inicios. A súa presenza limitouse a interpretar, folio en man coa letra, a versión do clásico italiano “Come Prima” que Golpes Bajos incluíran no seu álbum de estudio de 1984 A Santa Compaña. Costas limitouse a tentar entoar coa súa característica voz vándala e augardentosa a canción, non sen antes facer algún comentario gracioso típico do seu discurso habitual no escenario. Para min estaba a ser suficiente xa dende había tempo, pero confeso que ás veces me gusta regodearme observando cousas que aínda que me parecen horribles e quizais por iso ou por incredulidade acaparan a miña atención.

Antes de marchar foi a quenda de Silvia Superstar. Como era de esperar, a veciña de barrio de Teo Cardalda escolleu (ou probablemente impuxo á organización) para a súa colaboración “Malos tiempos para la lírica”, sen dúbida o maior éxito da banda e probablemente una das súas mellores composicións. A cantante de The Killer Barbies foi xunto a Alberto Comesaña do pouco salvable do concerto. Aínda que con lixeiros momentos de desafinación, resolveu con solvencia a súa participación e foi a única que propiciou unha pequena ovación do público ao final da súa actuación.

Cando marchaba puiden presenciar con tristeza un bo número de matrimonios sentados nunha zona habilitada para a oferta gastronómica con grandes mesas e bancos corridos ao xeito de romaría popular. Algo moi Partido Popular pero que nesta ocasión pola expresión das súas caras parecía máis a asistencia silenciosa e triste a un funeral, quizais o enterro da Movida

Prometinlle medio de broma, pero sendo consciente do que ía ver, ao meu amigo Víctor que sería decepcionante e desgraciadamente acertei na miña predición. Tamén comentei con el que probablemente fose máis acertado preparar esa suposta homenaxe a Golpes Bajos contando coa presenza de músicos locais da escena actual, que probablemente terían un pouco máis de pudor e ganas de facelo ben que os invitados que finalmente se subiron ao escenario, pero entendo que iso á Xunta de Galicia e a Luisa Sánchez, número un do Partido Popular en Vigo pouco lles importaba. Non había ningún interese en homenaxear á Movida. A movida en si consistía en tentar competir coa grandilocuencia da programación do Concello en mans desde hai case 20 anos do PSOE de Abel Caballero.

A nostalxia pode ser unha droga dura, pero se a cortas moito con ingredientes de baixa calidade pode resultar tamén moi perigosa.

Cando marchaba puiden presenciar con tristeza un bo número de matrimonios sentados nunha zona habilitada para a oferta gastronómica con grandes mesas e bancos corridos ao xeito de romaría popular. Algo moi Partido Popular pero que nesta ocasión pola expresión das súas caras parecía máis a asistencia silenciosa e triste a un funeral, quizais o enterro da Movida.

Para rematar, gustaríame facer referencia a unha entrada do dicionario da Real Academia Española e a un par de citas.

A terceira acepción da palabra sinvergüenza no dicionario da RAE di: desfachatez, falta de vergüenza.

Cita 1. Luisa Sánchez, lideresa do Partido Popular en Vigo, o día que se proclamou como número un da súa formación a nivel local: “Hoxe é un mal día para os socialistas”. Onte foi un mal día para todos.

Cita 2. Cañita Brava : “Ma, ma, ma... Borchenoso” (Mal, mal, mal... Bochornoso)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.