Sostenella e no enmendalla

O pasado xoves 22 de novembro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu sentenza a respecto dos recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística, o sindicato CIG e a plataforma Queremos Galego. A mensaxe foi clara: fica anulado o cerne mesmo da política lingüística emprendida polo PP, primeiro na recta final da oposición ao bipartito, despois xa como partido gobernante. De pouco serve dicir que os artigos derrogados por esta sentenza apenas supoñen o 5% do texto completo: son a base mesma da orientación política de dito decreto. Curiosamente xa advertira o Consello Consultivo de Galicia (CCG) que "o proxecto de decreto para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta" (referidas á educación infantil e á consulta ás familias). Tamén o Consello Escolar de Galicia se pronunciou negativamente sobre o mesmo.

De pouco serve dicir que os artigos derrogados por esta sentenza apenas supoñen o 5% do texto completo: son a base mesma da orientación política de dito decreto

A orientación do Decreto 79/2010 era ben clara. Xa no Preámbulo se marcaban as diferenzas co Decreto 124/2007 do bipartito: onde antes se falaba de facilitar o emprego do galego de xeito progresivo e xeneralizado en todos os niveis, o borrador primeiro, e o Decreto 79/2010 despois, eliminaba toda referencia á progresividade do coñecemento da nosa lingua. Galego? Un chisquiño si, ma non troppo. Tamén, no que ao emprego do noso idioma se refire, substituíuse o seu uso con carácter xeral na administración educativa por un morno fomento. Ademais (como demo imos aprender unha lingua sen usala?) cada alumno ou alumna poderase expresar no idioma que mellor considere, independentemente de que a materia que estea a recibir se imparta nunha lingua ou noutra. Se se chega a impartir Educación Física ou Filosofía en inglés, o alumnado tamén se poderá acoller a este dereito a se expresar no idioma que considere?

O reparto por terzos para galego, castelán e inglés (neste último caso dun xeito ficticio e sen profesorado especializado), así como a elección dos pais e nais da lingua de ensino dos seus fillos e fillas a través dunha enquisa, foi o colofón a tanto despropósito: o esperpento

O reparto por terzos para galego, castelán e inglés (neste último caso dun xeito ficticio e sen profesorado especializado), así como a elección dos pais e nais da lingua de ensino dos seus fillos e fillas a través dunha enquisa, foi o colofón a tanto despropósito: o esperpento. Ao considerar que a consulta só se podería realizar cada catro anos, para posibilitar a viabilidade económica do proceso, resulta que uns poderán elixir a lingua na que estudar, pero os de cursos posteriores, non. Tamén había que garantir a continuidade dos libros de texto (Anxo Lourenzo dixit). Maior prazo para eximir da matriculación en galego cando se veña doutra comunidade ou país [agora tamén semella que pretenden baixar o nivel de esixencia de coñecemento do galego en caso de non dispoñer dos cursos Celga ou nivel equivalente, ou opositar desde outras comunidades sen dita formación], menor empeño no coñecemento e potenciación do galego nos proxectos educativos de centro e a descafeinización dos equipos de normalización lingüística, son outra mostra da redución máis que considerábel da presenza do galego no noso sistema educativo. Por primeira vez, un presidente da Xunta pasaba á historia por facer retroceder ao galego no ensino. Chapeau, señor Feijoo.

Por primeira vez, un presidente da Xunta pasaba á historia por facer retroceder ao galego no ensino. Chapeau, señor Feijoo

Hai xurisprudencia sobre a cacarexada liberdade de elección por parte das familias. A enxurrada de liberalismo comenenciudo esfarélase ela soa: non ten base. É puro produto de caverna mediática. O ditame do TSXG, en consonancia coa xurisprudencia emanada do TC e do Supremo, considera falaz a liberdade de elección das familias para recibir as materias nunha ou outra lingua, así como tamén que o estudantado poida empregar como lingua vehicular a da súa elección; estas decisións non poden quedar ao chou, deben seguir consideracións de carácter pedagóxico. É responsabilidade da administración educativa planificar a educación. A sentenza do TSXG mesmo deixa ben claro que no actual marco legal cabe a discriminación positiva cara á lingua minorizada (no noso caso, obviamente o galego) por estar en clara inferioridade de condicións. Como xa dixemos máis arriba, como demo imos adquirir competencias lingüísticas nun idioma sen usalo? Se falamos de potenciar o inglés impartindo ata un 30% das materias nesa lingua, como impos rematar os estudos cun dominio acaído de dita lingua se nos negamos a empregala en Educación Física, ou Filosofía, ou…? Os tres mosqueteiros, Lourenzo, Vázquez e Feijoo, metéronse nunha boa lea para contentar a Galicia Mono-non-Bi-lingüe e á caverna mediática madrileña. No canto de recoñeceren o erro, teiman en repetilo.

Os tres mosqueteiros, Lourenzo, Vázquez e Feijoo, metéronse nunha boa lea para contentar a Galicia Mono-non-Bi-lingüe e á caverna mediática madrileña. No canto de recoñeceren o erro, teiman en repetilo

Coa feble escusa de que só lle anularon dous articuliños de nada tentan aparentar que aquí non pasou ren. E turrando cara a adiante din que van seguir cunha consulta que xa non terá carácter vinculante. E para que facela? Aplicar este Decreto 79/2010 puido ter custado preto dos 5 millóns de euros se temos en conta a consulta ás familias e a posterior retirada de ata 190.000 libros de texto, por estaren escritos en galego. Despois de tanta aldraxe cara ás nosas letras, aínda van querer seguir tirando os cartos por puro antollo? Nestes tempos de carencia nos que tanto teñen recortado os rozamentos do ensino público, aínda han querer queimar máis diñeiro de todos e todas nós para faceren a súa fogueira das vaidades?

Coa feble escusa de que só lle anularon dous articuliños de nada tentan aparentar que aquí non pasou ren. E turrando cara a adiante din que van seguir cunha consulta que xa non terá carácter vinculante

(PS) Serán quen de saltar a fogueira como se da noite de San Xoán se tratara, purificaren os seus males e volveren ao rego do consenso en torno á Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización Lingüística? Serán quen de se integraren no amplo consenso social formado en torno ás plataformas de defensa da lingua, os partidos políticos da oposición parlamentaria, os movementos de renovación pedagóxica, os sindicatos de ensino, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.