Sped up, burn out e hackear á humanidade

Velocidade Dominio Público

Entregueilles este xogo para unir palabras e non tiñan paciencia para buscalas, dime unha compañeira

Entregueilles este xogo para unir palabras e non tiñan paciencia para buscalas, dime unha compañeira. Outra ensíname os retratos feitos polo alumnado das aulas de fotografía de hai sete anos e os deste curso: a verdade é que os primeiros parecen profesionais, polos encadres, polo dominio da luz, pola capacidade de achegar a personalidade do retratado,… e os deste semellan fotos tiradas ao azar, selfies descoidados para ver como senta o outfit. Que está a suceder?

Leo que o último son as cancións sped up, temas acelerados que, na lectura optimista do artigo, permiten cumprir o soño: chegar antes aos retrousos!

Leo que o último son as cancións sped up, temas acelerados que, na lectura optimista do artigo, permiten cumprir o soño: chegar antes aos retrousos! Na radio pregúntalle a un científico se a realidade virtual pode mudar as nosas estruturas sinápticas. O científico contesta que unhas ratas foron enviadas ao espazo con catro días, e ata un mes e medio. Corresponde á franxa de idade humana que vai entre os cinco anos e os dezanove ou vinte. As ratas, coa falta da gravidade, non desenvolveron as redes neuronais encargadas de regular a potencia dos músculos das patas traseiras. 

Na clase explicamos como percibimos máis do que facemos consciente, como as micropercepcións non pasan á percepción molar co fin de optimizar a xestión da realidade: por adaptación filoxenética entendemos que certos estímulos son prescindibles e evitamos, así, a fatiga cognitiva

Na clase explicamos como percibimos máis do que facemos consciente, como as micropercepcións non pasan á percepción molar co fin de optimizar a xestión da realidade: por adaptación filoxenética entendemos que certos estímulos son prescindibles e evitamos, así, a fatiga cognitiva –e desperdiciar recursos enerxéticos-. Entrego unha fotocopia na que David Byrne (Como funciona a música) conta que gravar un directo sen seleccionar –ata certo punto- o son por pistas dá como resultado o caos, sons confusos para a mente. Por iso se grava, para unha reprodución sonora, unha voz e un grilo que canta, pero non o coche que pasa e o vento que brua. Realízase a selección que, en vivo, fai a mente. Ademais das posturas epistemolóxicas que se podan barallar aí, pensamos que a adaptación realizada pola especie é o contrario ao ofrecido polo mundo dixital, que nos dá, con aparente xenerosidade, saturación de estímulos. E non fai falta preguntarnos por que estamos tod@s burn out, turbados como aquel obreiro de Chaplin (Tempos Modernos) e coma o carteiro do filme de Tati (Día de festa). Isto é o progreso, tiña que repetir, para crelo. Tampouco fai falta que nos preguntemos quen decide que é o progreso, a evolución ou as boas prácticas docentes.

Séntome na sala de profesores e aparece ao meu carón unha revista antiga na que Harari, un personaxe non especialmente crítico, di: as corporacións están hackeando á humanidade. O realismo pode ser, xa vedes, máxico, ou temible. O caso é poder escoller.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.