Sucesor Designado

Pleno do Parlament de Catalunya © Parlament

Hai anos que sigo a serie protagonizada por Kiefer Sutherland no papel de Tom Kirkman, que chega á presidencia dos Estados Unidos por accidente. Literalmente. Os acontecementos destes días nos Estados Unidos ao redor da confirmación por parte do Congreso americano do resultado das eleccións fixéronme pensar na ficción de Netflix Designated Survivor. A pesar de que o seu punto de partida é un pouco irreal, a presidencia de Kirkman ten lugar nun contexto difícil -como o actual no país norteamericano- onde o seu rol de independente é clave para a reforma do sistema político.

O resultado do proceso de primarias de Junts é preocupante xa que o centro-dereita independentista retrocede en termos de democracia interna e resitúa a súa liña ideolóxica xunto á dereita máis conservadora, promovendo crenzas esencialistas e pseudohistóricas

Non é menor a diferenza de tradución entre a versión en inglés e o título en España. Non é o mesmo un sobrevivente designado -título orixinal que fai referencia ao membro do gabinete presidencial que non toma parte dun acto público de primeiro nivel por prevención en caso dun atentado masivo- que un sucesor designado. Quizais é que no noso país estamos máis afeitos a que a confección de listas electorais ou a elección de novos liderados pase por decisións centralizadas. De feito, as primarias organizadas a miúdo por algúns partidos cheiran a revestimento democrático; a verniz capilar para esconder a pulsión autoritaria dos grupos internos que controlan os aparellos partidarios. Persoalmente, creo que os partidos cunha organización territorial máis traballada son aqueles que mellor se democratizan, porque a descentralización é o mellor xeito de vixiar calquera poder central.

As primarias de Junts son un exemplo destes vicios. Un partido a medio construír, sen demasiada estrutura, aproveita para corrixir as súas primarias a través de pactos internos dos seus grupos internos. Unha vergoña con luz e taquígrafos; un exercicio de mercadotecnia democrática que acaba mal. A votación sobre a candidatura á presidencia da Generalitat foi gañada por Laura Borràs, que finalmente irá na lista por Barcelona no lugar numero 2 -por detrás de Carles Puigdemont-. Se isto non fora bastante absurdo, as primarias ás listas por Barcelona gañounas Joan Canadell, famoso por crer que Colon era catalán e que no ano 2016 advertía que quizais Donald Trump sería un bo Presidente dos Estados Unidos. Canadell compórtase nos medios coma se fose o sucesor designado por Borràs e Puigdemont, no caso de que a primeira sexa finalmente inhabilitada polo presunto caso de corrupción polo que a investiga o Tribunal Supremo. O ministro Salvador Illa, de feito, tamén foi nomeado candidato por vía urxente para mellorar as perspectivas electorais do PSC e di que fará a precampaña desde o seu despacho do Ministerio.

O resultado do proceso de primarias de Junts é preocupante xa que o centro-dereita independentista retrocede en termos de democracia interna e resitúa a súa liña ideolóxica xunto á dereita máis conservadora, promovendo crenzas esencialistas e pseudohistóricas como as que representa o Instituto Nova Historia. Sobre todo, porque o panorama que se nos presenta despois das eleccións necesitará de fórmulas políticas que poñan os dereitos sociais, a saída á crise e a saúde no centro da acción de goberno.

Os pactos e o diálogo -entre forzas e entre gobernos- estarán inexorablemente no centro do debate político. Aínda que algúns sucesores designados se atopen máis cómodos falando de verdades alternativas

Nesta nova etapa deberiamos fuxir do populismo, das solucións máxicas e de buscar todas as culpas a 600 quilómetros. Algúns discursos lembran as consignas dos brexiters, máis centradas nun nacionalismo intolerante e reactivo que nun proxecto político construtivo. A simplificación dos feitos e a amplificación das vitorias propias é un risco da polarización do mundo actual. Por citar un exemplo, aínda non me explico a euforia do Ministro de Agricultura e Pesca -e dalgúns prohombres do seu partido- polo acordo co Reino Unido sobre o Brexit. O sector da pesca en Galicia primeiro falou de alivio, para afirmar días despois a súa preocupación en relación co futuro inmediato. A realidade é crúa e non entende de fórmulas máxicas.

Volvendo a Cataluña, as eleccións producirán un Parlamento axustado, onde o primeiro lugar estará disputado por tres grandes espazos electorais que obterán ao redor dun 20% dos votos. O que aínda non sabemos é que maiorías parlamentarias poderán construír unha alternativa, que pasará con toda seguridade por unha coalición de goberno. Os pactos e o diálogo -entre forzas e entre gobernos- estarán inexorablemente no centro do debate político. Aínda que algúns sucesores designados se atopen máis cómodos falando de verdades alternativas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.