Anne Sexton fixo do monóxido de carbono o seu veleno gourmet. A poeta americana prendeu o motor do seu auto, gasificou a eito o seu garaxe e inhalou ata deixar de soportarse. Din que a densidade de osíxeno nos pulmóns desplómase e comeza a somnolencia. Este gas é inodoro, e incoloro, así que en principio non sentes máis que a fatiga que Méndez Ferrín sufriría vendo Sálvame ao carón dunha estufa. E caer esparexido na sesta eterna. Trátase dun poderoso e activo tóxico. Este tamén. Sexton cumpriu o obxectivo, de feito.
”E entón que?” “Entón mal…” “Sempre hai saída, tío…” “Si, o suicidio…” (sorriu) “ Iso xa o fixeches” “Por?” “Votaches PP” “Vai á merda…”. E sorrimos os tres
O fío deste artigo nace nun bar de menú do día. As cousas coas que conectas sempre acontecen na mesa do lado. Como ás veces a mala educación non é tan evitable como aseguran, decidín escoitar como dous homes pasaban de conversar sobre o estado da situación xeral –mentres eu confirmaba as súas sentenzas lendo a prensa do día- a falar da súa propia realidade. Un aínda estaba coa sobremesa, o outro xa comezara a facer esculturas de miga de pan: ”E entón que?” “Entón mal…” “Sempre hai saída, tío…” “Si, o suicidio…” (sorriu) “ Iso xa o fixeches” “Por?” “Votaches PP” “Vai á merda…”. E sorrimos os tres.
Cadaquén elixe a combustión precisa para desaparecer. Non é complexo atopar na rede foros abertos baixo o título: Métodos indoloros de suicidios. Está claro que asasinarte pola privada é doado. O incómodo é cando che obrigan a respirar o monóxido para anularte (consúltese o manual de instrucións de calquera campo de concentración durante o Holocausto).
Cadaquén elixe a combustión precisa para desaparecer
Hai xeitos dabondo para exterminar individuos incómodos, do mesmo xeito que o poder mal usado ten distintas capacidades para perforar liberdades, fulminar dereitos, e facer que unha sociedade enteira caia nun suicidio lento e angurioso. Agora que aos gobernos de turno se lles ocorre dinamitar os alicerces dalgúns dos nosos dereitos fundamentais poñendo como escusa unha situación económica que xa, de seu, deixou polo chan a nosa dignidade, é evidente que somos nós mesmos os que estamos a tributar polo veleno que nos fai desaparecer. O copago xa existe dende hai tempo.
Este é o business: desestruturar a sanidade pública, enfraquecer a educación de calidade e establecer un control absoluto dun medio de comunicación público para ao final pasarnos a conta. É coma darlle unha aperta á Venus de Milo sabendo de antemán que non vas ser correspondido. Cada vez que un goberno comete actos impuros miles de seres extraterrestres pregúntanse se os que non son dese partido pero acabaron votándoo sabían o que acontecería. Se eran conscientes de que era un suicidio por peteneras. “Agora pola túa culpa apando eu”, rematou a conversa naquel bar mentres o votante popular en paro pagaba os arroces á cubana, as albóndegas, a piña e o suspiro de Ballantines.
“Agora pola túa culpa apando eu”, rematou a conversa naquel bar mentres o votante popular en paro pagaba os arroces á cubana, as albóndegas, a piña e o suspiro de Ballantines
Imitamos a Robert E. Howard, aquel autor de novelas baratas de Texas (ao dicir Texas cómpre destacar que foi el quen creou a personaxe de Conan O Bárbaro, máis tarde gobernador deste Estado norteamericano) que aos dez anos escribiu uns versos anunciando o seu suicidio e con vinte reservou o nicho para logo pasar a cumprir o seu desexo. É dicir, viviu, coma nós, suicidado a sabendas.