Sumak Kawsay, unha utopía para o S. XXI

*Texto gañador no certame de artigos xornalísticos Cambia de papel, organizado por Implicadas no Desenvolvemento e que tiña como tema "o necesario cambio de papel da sociedade do Norte para erradicar a pobreza e a desigualdade nos países do Sur dende unha perspectiva de xénero".

Despois de 500 anos de colonialismo, por primeira vez as recentes Constitucións aprobadas por Ecuador e Bolivia recollen como alicerce a perspectiva ancestral dos seus pobos: o Sumak Kawsay, o Suma Qamaña, o Vivir Ben en harmonía integral. Esta é unha forma de convivencia cidadá baseada na complementariedade entre todos os seres vivos. O Vivir Ben parte da idea de comunidade fronte ao individualismo occidental e deixa de lado a mercantilización do mundo e a súa visión utilitarista. Neste sentido, contraponse ao Vivir Mellor a custa do outro, asume a responsabilidade coas xeracións futuras e defende unha economia para a vida asociada á sustentabilidade humana e ambiental fronte a orde económica dominante baseada na devastación das trasnacionais e na acumulación ilimitada. A soberbia Europa moito pode aprender deste novo paradigma, pois propón unha saída de esquerdas para as diferentes crises que padecemos.

A soberbia Europa moito pode aprender deste novo paradigma, pois propón unha saída de esquerdas para as diferentes crises que padecemos

O Sumak Kawsay xorde como unha reflexión interna a partir das innumerábeis loitas que as organizacións indíxenas levaron a cabo. Esta cosmovisión converxe coa revalorización dos coidados e a crítica ao concepto de crecemento que fixo o ecofeminismo. Tradicionalmente as mulleres foron responsábeis do mantemento da vida e do coidado das persoas máis vulnerábeis (crianzas, anciás e doentes), o que ao mesmo tempo lles permitiu desenvolver unha subxectividade relacional máis afectiva e atenta ás demais formas de vida. Se queremos unha sociedade máis xusta, é imprescindíbel reinvindicarmos a economía do coidado e, ao mesmo tempo, universalizarmos a súa ética até a levar á esfera pública e tamén ás relacións internacionais. Que outra maneira hai para construír a paz, se non é fortalecendo a soberanía política, económica, alimentar e enerxética dos pobos?

Como explica Silvia Federici, capitalismo, patriarcado e colonialismo representan tres aspectos dunha mesma estrutura de dominación, por iso as súas alternativas van ligadas

Como explica Silvia Federici, capitalismo, patriarcado e colonialismo representan tres aspectos dunha mesma estrutura de dominación, por iso as súas alternativas van ligadas. O consumo de mercadorias, a soidade do zapping e a exaltación do guerreiro alimentan a orde criminal deste sistema e, no entanto, podemos mudar a nosa cotidianidade de raiz, organizarnos e participar neste proceso de liberación centrado na preservación da vida e, por tanto, no recoñecemento dos límites da biosfera. O Sumak Kawsay é un horizonte de emancipación. Comecemos a experimentalo co máis próximo, coas nosas indíxenas galegas. Achegármonos ao seu mundo e comprendermos o profundo significado da lentura vira todo un desafío transformador que pon os nosos pés na T(t)erra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.