Sumas que restan

Nas últimas cinco convocatorias electorais non repetín ni unha soa vez a mesma papeleta. Pode parecer consecuencia dun desequilibrio persoal, pero no fondo trátase do diagnóstico dunha doenza colectiva. O diagnóstico chámase “crise da esquerda política” e a súa cura pasa pola renovación e a converxencia da que emerxan novos instrumentos políticos. Agora ben, a doenza ten outras complicacións asociadas cuxa presenza pode impedir a recuperación: infantilismo, sectarismo, personalismo, fanatismo…

O capital político en democracia dano os votos. Os votos din que IU e as súas federacións son o colector máis importante de recepción de votos na esquerda e, polo tanto, vertebradoras necesarias dunha alternativa global

O capital político en democracia dano os votos. Os votos din que IU e as súas federacións son o colector máis importante de recepción de votos na esquerda e, polo tanto, vertebradoras necesarias dunha alternativa global; que existe unha realidade plurinacional que implica que estean presentes forzas como ERC, Sortu ou BNG; que as propostas renovadoras como ICV, Chunta, Compromís ou MES, ocupan un espazo central nas súas comunidades. E que cando existen fórmulas unitarias coa combinación dos anteriores elementos –unidade, transversalidade, renovación– o resultado supera as expectativas (AGE).

As transformacións son procesos de maduración lentos, e cando se producen saltos cualitativos (na terminoloxía hegeliana) ou saltos de emerxencia (na terminoloxía cuántica) ou episodios disruptivos (na terminoloxía da socioloxía “movementista”), estes están condicionados por procesos de moita máis longa duración e profundidade que determinan o desenlace dos procesos de cambio.

Estou convencido que PODEMOS responde ao mesmo cansazo que algunhas persoas en Galicia están a ter con respecto a aparatos máis próximos

Comparto todas as análises negativas, e máis que se poidan facer sobre IU, e de feito teñen a súa parte alícuota na desafección; e estou convencido que PODEMOS responde ao mesmo cansazo que algunhas persoas en Galicia están a ter con respecto a aparatos máis próximos.

Cando se produciu a finais dos 90 a crise de IU con sectores da organización e con ICV e EU-EG, a organización levaba varios anos perdendo apoios sociais e electorais. Acertadamente ou non, necesitábase reaccionar. Cando se produciu a crise do BNG a finais da década anterior que desembocou na marcha de EI e +G, e posteriormente toda a reordenación da esquerda galega, a organización levaba varios anos perdendo apoios sociais e electorais. Era imprescindible reaccionar. Os procesos pretendían cambiar o rumbo de organizacións que perderan o pé e que xa non eran un perigo para a dereita.

PODEMOS pode ser, ademais dun síntoma, unha proposta de renovación, pero para iso faría ben en fuxir da lóxica de axustes de contas históricos e divisións ideolóxicas estériles

O proceso impulsado pola plataforma PODEMOS dáse nun momento de crecemento social e electoral de IU, cando IU sumada a ICV, Chunta, Batzarre, Espazo Ecosocialista e outros que se incorporarán a unha alianza máis ampla e plurinacional que podería poñer en perigo ao bipartidismo que sustenta o réxime. As sondaxes, mesmo as peores, danlle resultados nunhas xerais do 13%, isto quere dicir que nunhas europeas podería estar preto de crear unha sensación de previa de sorpasso a nada que fose capaz de integrar outras forzas. Unha pequena (gran) diferenza a ter en conta. PODEMOS pode ser, ademais dun síntoma, unha proposta de renovación, pero para iso faría ben en fuxir da lóxica de axustes de contas históricos e divisións ideolóxicas estériles.

Na transición trabucáronse, ben por defecto ou ben por exceso, tanto o PCE como as múltiples esquerdas rupturistas. Por outra banda, a dicotomía stalinismo-trotskismo é a estas alturas unha disputa para historiadores, máis cando o PCE procede dunha tradición eurocomunista. Hoxe mesmo, no aniversario de Gramsci, cabe lembrar, ademais da súa xenerosidade, algo que cada día está máis ausente nos dirixentes actuais da esquerda, que foi crítico cos marxismos existentes, e tentou liberar o socialismo do mecanicismo e o formalismo onde o metera o Programa de Gotha e a socialdemocracia alemá, e á súa vez puxo en evidencia os problemas ontolóxicos que formulaba o leninismo. Pola súa banda, o stalinismo constitúe a deriva bonapartista da revolución soviética, pero cabería dicir que o pensamento de Stalin e de Trotski son coincidentes en moitas cousas, pois elevan a categoría universal formulacións que Lenin elaborou para un contexto histórico e xeográfico.

Precisamos liberarnos do concepto leninista de partido vangarda se queremos construír as hexemonías sociais que imaxinaba Gramsci. E aquí se atopa o reiterado erro da esquerda: dar continuidade a modelos leninistas en lugar de modelos cooperativos. Calquera proxecto que non disolva os anteriores, ou cando menos non os recoloque, volverá a posuír un partido (grupo) guía no interior que xerará unha nova e cada vez máis grande frustración.

A esquerda necesita unha renovación ampla e novos instrumentos para o século XXI, sen ningún tipo de dúbidas, e por iso necesitamos seguir ensaiando e experimentando. Pero tamén necesita estratexias cooperativas de longo alcance

A esquerda necesita unha renovación ampla e novos instrumentos para o século XXI, sen ningún tipo de dúbidas, e por iso necesitamos seguir ensaiando e experimentando. Pero tamén necesita estratexias cooperativas de longo alcance (afastadas de aventuras electoralistas e de construcións colectivas alleas a caudillismos) e baseadas na intelixencia colectiva que poidan xerar alternativas fuxindo de populismos e de receitas simplistas. De non ser así, seguiremos na procura novas marcas e xogando ás cadeiras, mentres as elites do réxime (PSOE-PP-CiU) seguen dirixindo as nosas vidas e producindo moita dor nas persoas.

Como dicía Hegel, “nada grande se fixo no mundo sen unha grande paixón”, pero despois das europeas a vida política continúa, os problemas tamén e a esquerda deberá seguir presente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.