Sundarbans, a nación do tigre de Bengala

O mangleiral é o recibidor por onde entraron cantos conquistadores pasaron polo lugar © Moncho Iglesias Míguez

Bangladesh foi, durante séculos, unha parte de India, a da rexión de Bengala. Dominouna un imperio budista ata que no século xii os hindús tomaron o poder, que logo cederon a misioneiros musulmáns, e estes deseguida construíron fortes, mausoleos, palacios e xardíns, e abriron novas rutas comerciais. No século xvi, o imperio mogol espallouse ata esta rexión da que Daca foi capital e foi durante este período no que a Compañía Británica das Indias Orientais mercou tres cidades. Isto levou unha gran mellora das infraestruturas, aínda que tamén deixou un forte impacto negativo, xa que se estableceu unha política agraria feudal que provocou unha importante división política e relixiosa. 

É aquí onde se forma o mangleiral máis grande do mundo, un berce para especies naturais e animais únicas na Terra: Sundarbans, fermoso bosque (tradución literal do nome en bengalí)

Os hindús non só apoiaron as medidas establecidas polos británicos, tamén aceptaron o uso do inglés como lingua vehicular na educación. Os musulmáns, pola contra, rexeitaron a cooperación e pasaron a dedicarse case en exclusiva ao cultivo das terras. Foi por isto que os británicos dividiron Bengala en dous territorios: un habitado pola maioría hindú e outro de maioría musulmá. Así pois, anos máis tarde, tras a independencia de India en 1947, mentres a parte hindú pasou a formar parte deste país, a musulmá fíxoo de Paquistán, e así foi ata que declarou a súa propia independencia en 1971.

As divisións políticas non impediron que a unificación xeográfica se mantivese e que con elas sobrevivisen as mesmas tradicións nas comunidades que creceron arredor de todo o subcontinente indio. Dos 300 ríos que percorren Bangladesh, uns 50 nacen en terras indias, e tres deles desembocan nun delta na baía de Bengala. É aquí onde se forma o mangleiral máis grande do mundo, un berce para especies naturais e animais únicas na Terra: Sundarbans, fermoso bosque (tradución literal do nome en bengalí).

No delta conviven especies animais únicas no mundo como o cangrexo da lama, o crocodilo do estuario, o golfiño do Ganxes, a pitón india ou o tigre de Bengala, emblema de Bangladesh © Moncho Iglesias Míguez

O mangleiral é o recibidor por onde entraron cantos conquistadores pasaron polo lugar e o soportal onde se detén o tempo, pois aquí todo semella igual e distinto a un tempo. Todo pasa e nada queda entre estas factorías de verdor onde, cando cala o silencio, pode escoitarse o ruxir do tigre de Bengala. É aquí onde os fatos de monos gobernan ao seu antollo as lianas que penduran das árbores como estalactitas vexetais. Aquí, na patria do tigre de Bengala, onde non hai máis fronteiras que as augas doces mesturadas coas salgadas, hai xa tempo que se formou un arquipélago de illotes que tanto medran como desaparecen. Unha terra que unificou a auga e que o barro uniu, que procreou iguais entre as hamacas da noite de mareas, e que festexou a chegada salvaxe do ser humano no nome do tigre, da serpe, do crocodilo e do cangrexo.

No delta conviven especies animais únicas no mundo como o cangrexo da lama, o crocodilo do estuario, o golfiño do Ganxes, a pitón india ou o tigre de Bengala, emblema de Bangladesh. Todos eles son necesarios, pois son imprescindibles para manter o ecosistema; por exemplo, os cangrexos aliméntanse de cousas mortas e así limpan todo o que pode contaminar as augas, os delfíns coidan da saúde dos peixes do río e o tigre mantén o equilibrio entre a vexetación e as présas herbívoras que depredan. Porén, as pegadas do home dificultan a supervivencia da natureza como tal e transforman o hábitat das outras especies que antes da súa chegada vivían nel.

A crecida do nivel do mar non só está a causar o enchoupamento das terras e a desaparición de terreos antes destinados á agricultura

A crecida do nivel do mar non só está a causar o enchoupamento das terras e a desaparición de terreos antes destinados á agricultura. O aumento da salinidade das augas está a acabar coa vida destes animais, así como da vexetación. Amais, a necesidade de apropiación das persoas fai necesaria a talla indiscriminada de árbores, o que provoca a destrución do hábitat natural dos animais. Neste sentido, polo seu escaso número, amais de como icona dunha nación, o caso do tigre de Bengala é un dos máis salientables.

Segundo o último censo de 2018, só quedan 114 tigres en Bangladesh. A caza furtiva é un dos motivos principais do progresivo retroceso no número de félidos; secasí, os proxectos de conservación iniciados hai uns anos están a dar os seus primeiros froitos e devagar está a aumentar a poboación. Malia seren atacadas por humanos, estas feras da selva non adoitan comer carne humana. Estes témenos e para protexerse veneran a Dokkhin Rai, Señor do sur, que soe disfrazarse de tigre para dominar o mangleiral.

Segundo o último censo de 2018, só quedan 114 tigres en Bangladesh. A caza furtiva é un dos motivos principais do progresivo retroceso no número de félidos

As pregarias a Dokkhin Rai chegan a través da súa maior inimiga, Bonbibi, Dama do bosque. O primeiro é un zamindar, un aristócrata, e transfórmase en tigre para depredar as súas vítimas nos Sundarbans. A segunda é a defensora destas criaturas que foxen da tiranía do outro, unha deidade para os hindús e unha encarnación protectora para os musulmáns. Ambos grupos relixiosos, habitantes do delta de Bengala, cren no poder e na superioridade de Bonbibi e a ela se encomendan cando se introducen na espesura da xungla. Esta, sen atacar o seu adversario, fíxolle prometer que non lle faría dano a ninguén que a adorase, e así sucede. Disque un tigre estivo a piques de atacar un neno do lugar pero logrou salvar a vida grazas á axuda de Bonbibi. No momento no que semellaba que a fera ía devoralo, o rapaz rezou “kohe maa Bonbibi, kotha roile ei xomoi...” (“onde estás, madre Bonbibi, onde estás agora...”). E ao rematar a oración, desapareceu o perigo.

Coas pisadas da historia recoñecibles na xeografía, os Sundarbans son unha lección imprescindible onde a maxia é realidade © Moncho Iglesias Míguez

O escritor indio Amitav Ghosh recolleu lendas sobre a vida en Sundarban. Entre as historias que relata, describe as partes máis agrestes da selva como o territorio de Dokkhin Rai e advirte que deixar calquera pegada humana representa unha invocación demoníaca. “Esta prohibición é tan potente que os aldeáns non ouriñan nin defecan nin cospen mentres recollen mel ou leña. Non hai ningunha dúbida de que o medo á ira do demo é moito máis efectiva que as normas seculares contra o lixo, pois na categoría de sancións preventivas, unha multa municipal non pode valer o mesmo que a posibilidade de morrer por mor das tormentas e inundacións, dos tigres e dos crocodilos”.

Recoñecida por toda a xente que habita no mangleiral de Bengala, os leñadores e meleiros, que viven grazas ao traballo no máis profundo da selva, son os máis fieis a Bonbibi. Aínda que a dama do bosque os guía nas súas incursións e por iso é case imposible que topen un tigre, hai outros ataques que poden ser perigosos, como os das abellas. Estas fabrican un tipo de mel recoñecida en todo o país e que se lle dá aos acabados de nacer como protección. Crese que cando un bebé molla a lingua neste ouro líquido queda protexido de calquera enfermidade durante anos.

Cando chega a primavera florean os Sundarbans. O arquipélago inúndase de vexetación e as flores do possur, do goran e da hargoza agroman, e con elas o néctar que produce as 200 toneladas de mel anuais que saen destas terras. Os moualis, como se coñece aos apicultores da zona, fan fachicos coas follas dunha planta chamada karu e préndenlle lume para espantar así as abellas e poder traballar. Deste xeito, esta medicina natural de sabor doce e amargo á vez, perfila as variadas cores do lugar.

As abellas que producen este mel do delta de Bengala son as máis grandes de Asia, igual que as colmeas que constrúen entre penedos e árbores, enormes trobos naturais acaroados onde cada primavera se destila mel a cachón. Un líquido que protexen estes insectos con muros de contención que forman elas mesmas e que dificultan o traballo dos colectores, arriscados e desprotexidos, cazadores do mellor mel do país.

Coas pisadas da historia recoñecibles na xeografía, os Sundarbans son unha lección imprescindible onde a maxia é realidade

Os carreiros da selva están feitos de auga e lama, e cando esta seca é posible apreciar as pegadas dalgunha destas especies que habitan o territorio. As máis comúns son as do cangrexo, que grafitea as zonas húmidas con figuras punteadas do máis diverso estilo petroglífico; as máis apreciadas, por seren case imposibles de ver, as do tigre. As súas gadoupas agochan corpos que poden chegar a exceder os dous metros de lonxitude e os 150 quilos de peso, e os seus ruxidos poden escoitarse ata a dous quilómetros de distancia. Con todo, as palabras do tigre son cada vez máis mudas e a súa supervivencia unha especulación.

Coas pisadas da historia recoñecibles na xeografía, os Sundarbans son unha lección imprescindible onde a maxia é realidade. Por iso todo o que habita no delta é proclive a ser parte dunha lenda ou dunha anécdota. Por iso as mareas de Sundarban son como as dunas do deserto, con cores que se esvaecen no horizonte e sons que desaparecen entre o vento. Como no mar de montes de area, todo e nada pode cambiar a un tempo; todo e nada pode ser unha miraxe, un fenómeno milagroso de vexetación en estado puro.

É posible apreciar as pegadas do cangrexo, que grafitea as zonas húmidas con figuras punteadas do máis diverso estilo petroglífico © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.