Superpoderes

CC-BY-SA Xunta

Facemos de menos os poderes humanos que habitan en cada unha de nós: empatía, compaixón, tenrura, bondade, dozura…

Cando pensas en poderes, que se che vén á cabeza? Visión en raios X se Superman, capacidade de voar de Spiderman ou a superforza de Hulk (si, fáltanme referentes en xeral e referentes femininos en particular, porque cando busquei a Catwoman poñía que non tiña superpoderes en concreto).

Tendo este tipo de referentes, facemos de menos os poderes humanos que habitan en cada unha de nós: empatía, compaixón, tenrura, bondade, dozura… Mais sendo capacidades que temos todas, fuximos delas por cursis, por ser asociadas ao débil e ao inxenuo, mesmo moitas veces ao infantil e ao inocente. Curiosamente son actitudes denostadas por asociarse ao feminino (oh, sorpresa!), ao fráxil.

Resístome a pensar que quen habita a bondade é quen ten o problema (“de tan boa que es, es tonta”). Resístome a crer que me teño que conformar co mundo que está a crear unha panda de narcisistas que fai moito ruído e toma pésimas decisións que de xeito desigual afectan a todas. Resístome a habitar o rol da pasividade, de cómplice, dende a indefensión aprendida na que me queren colocar.

Quero escoitar a fartura que me atravesa e facer algo con ela. Quero moverme no marco de que “o poder da metamorfose da vida susténtase na dozura” que dicía a filósofa Anne Dufourmantelle. Quero aproveitar esa potencia de facer as cousas de xeito diferente. Quero buscar referentes amorosos e bondadosos.

A neurociencia e a psicoloxía demostran conxuntamente como se producen cambios neurolóxicos en quen practica a amabilidade, a compaixón e tamén en quen a recibe: aumento da serotonina, maior plasticidade neuronal, redución do cortisol, mellor resposta inmunitaria… Quero facer uso desa información para comezar a imaxinar o que moitas poden tachar de utopía. Mais para distopías xa temos dabondo. Porque para que algo aconteza, primeiro teño que ser quen de imaxinalo. Quero crer que se pode habitar a dozura de xeito xeral e global, máis aló de cando temos unha criatura vulnerable diante. Quero crer que podemos empregar a tenrura intencionalmente para non mancar e non aumentar o sufrimento das outras.

Quero crer que o amor é máis revolucionario. Quero crer que somos moitas aínda que fagamos menos ruído. Quero crer que igual é o momento de comezar a resignificar estas emocións e estes valores vitais dende a fortaleza e a valentía. Dende o coidado e o autocoidado.

Porque acredito que a humanidade pode salvarnos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.