Suqui, hoxe os camiños son máis retortos

No curuto do monte Faro viron a un home tranquilo preguntar polo Xavou I. Din que foi na noite do primeiro día de abril do 2017. Preguntaba con insistencia convencido de que as palabras, as historias escritas mudan as realidades inxustas, a economía que enriquece a uns poucos, a política do espectáculo, os lindes de Lalín, a xeografía de Cadrón e até a nosa prehistoria como cando Javán, fillo de Jafet e neto de Noe, pisou por primeira vez o que hoxe chamamos Galiza.

Suqui deixounos un mundo de palabras. As impresas en papel, as que percoren a rede cibernética e as que están dentro de nós. As persoas que o coñeciamos sabemos que estas últimas son como un tesouro. Son palabras de ironía, de retranca fonda, de acompañamento no traballo, no compromiso militante co nacionalismo. Son palabras tomando algo no Currás entre risas.

Intelixente, calado e co humor sempre por escudo protector mellorou a vida de todas as persoas que o coñeceron e tamén de moitas que non

Intelixente, calado e co humor sempre por escudo protector mellorou a vida de todas as persoas que o coñeceron e tamén de moitas que non. Sempre pensando desde unha visión económica alternativa, sempre desde Galiza. Cada un dos seus artigos era unha bolsa chea de pensamentos e retranca, que nos alimentaba aos poucos no esforzo diario por transitar  “polos camiños retortos de Deus o noso Señor”. Desfrutaba máis ideando contos que sendo concelleiro, pero cando lle tocou, asumiu ese esforzo polo seu pobo e a súa nación desde o compromiso colectivo e o desinterese persoal. Ao final a patria que se divisa desde curuto do monte existe porque as persoas a crean cos seus actos.

Suqui deunos moitas leccións de vida, a humildade foi a mellor. Seguro que o recordades pola súa brevidade nos actos, aqueles nos que prometía non falar e efectivamente, aínda sendo un dos oradores, non falaba. Si, si. Sabemos que ris polo baixo mentres vas cara as carballeiras do Deza. Boa terra para pintores doutros mundos máis xustos e humanos.

Suqui deunos moitas leccións de vida, a humildade foi a mellor

Hoxe máis que nunca preguntámonos como ler as liñas torcidas de Deus das que tanto gostabas ironizar. Non sabemos. Só podemos sentirnos agradecidas, agradecidos do compartido. Boa viaxe, compañeiro.

“Di a ciencia teolóxica que Deus escribe recto con liñas torcidas; a saber, que para dicirnos algo da voltas e reviravoltas para chegar ao asunto; ou sexa, coma Jorge Valdano explicando por que lle pesan os calzóns aos futbolistas cando pisan o prado do Santiago Bernabeu; ou o demo do meu fillo, que comeza a escribir a frase na esquina superior esquerda e remátaa na inferior dereita.  Pois que queredes que vos diga, sendo Deus quen é ben podía dicir as cousas como son e non andar con arrodeos; que xa máis parece que o fixeron a imaxe e semellanza nosa que nós á súa. E penso que sei do que falo.” José Luis Sucasas, In memoriam

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.