Suxeito galego de ruptura, unidade e as eleccións xerais

Empezar polo primeiro encirra a obviedade. Pero aló vamos. Toda candidatura galega é galega. Dito doutra maneira: entre galegos, ser galego non é distinción. Que unha candidatura electoral se poida proclamar galega entra no terreo do obvio, non achega ningún valor político enganido. Non parece interesante, pois, que o debate político se poida reducir á galeguidade, outorgada, dunha candidatura, unha galeguidade metonímica substitutiva da condición que non todo o mundo comparte, esa si que non: a nacionalista. O artefacto discursivo, que é caprichoso, pois esa galeguidade é outorgada por quen se erixe en posuidor do dereito a separar o grao da palla, métenos nun espazo sen significado, catastrófico, segundo o cal a inmensa maioría de votantes de Galicia non sería galega cen por cen. Tal nacionalismo conservador acaba enfrontándose, sen querelo, á posibilidade dunha opción republicana para Galicia. Porque unha opción republicana é sempre de base material e recoñece o dereito de cidadanía sen distinción de militancia nacionalista. O discurso, ademais, poida que se alague de ineficacia comunicativa. Hai unha ruptura unilateral do código, e aí a comunicación é moi difícil. Só podería funcionar nunha especie de varrido colectivo do sentido das cousas.

A condición da galeguidade entendida como atributo exclusivo dunha minoría da nación esixe un estado permanente de catástrofe. Un discurso apocalíptico: Galicia morre, é a derradeira carta da baralla, etc. A grande catástrofe nacional, cultural e lingüística elimina contradicións internas e obvia todo antagonismo interior. Que a diversidade se disolva e alampee un único rostro! Emporiso, Galicia sobreviviranos. Iso si, como proceso histórico continuo está sometida a cambios, a transformacións, mesmo a desfiguracións. Nesa realidade histórica enfróntanse a diversidade irrepresentable dunha nación complexa e a súa redución a unha idea arcádica esencial. Mais a República da Multitude é diversa, dinámica e irrepresentable. Galicia atravesa unha crise dobre: a que sofren as súas clases populares, como a sofren no resto das nacións de Europa e do planeta, e tamén a que a súa condición de periferia da periferia no sistema mundo lle impón. Pero a súa existencia non periga. O que periga é certa idea, certa percepción, de estabilidade política.

O mapa político anterior a outubro de 2012 era moi nítido, moi estable. O réxime repartía xogo entre unha forza de dereita, outra de esquerda e outra nacionalista. En toda representación, cada personaxe asume as súas funcións. Posto que réxime e estabilidade son sinónimos, toda alteración deste mapa rima con inestabilidade. Na sociedade política instálase o enfrontamento entre a ordenada estabilidade e a inestabilidade desexada.

Cousas deste tempo de crise orgánica. Mentres as clases subalternas non consigan impoñer a súa institucionalidade alternativa, necesitarán manter os procesos políticos en campos constantemente inestables. É a única maneira de evitaren que se clausure toda oportunidade de cambio, todo proceso de transformación. A articulación dun suxeito político que poida abrir brecha crecente na fenda dese mapa político anteriormente estable é doenza que o réxime adoece por neutralizar. E pon a todos os axentes en funcionamento.

A alteración do mapa político é só unha das consecuencias da crise de representación e, acumulada sobre desta, da crise de lexitimidade do réxime. As institucións non dan contido as demandas populares, son desbordadas por elas, e a multitude empeza a comprender, mesmo difusamente, a necesidade de tomar as vellas institucións para reconstruír sobre delas aparellos institucionais autónomos en beneficio da maioría social. A esquerda está obrigada a entendelo. Trátase de configurar artefactos políticos que destapen a incapacidade das institucións actuais para xestionar a cousa pública en beneficio da maioría social e non dos negocios privados da elite. E tamén se trata de ir edificando simultaneamente unha institucionalidade popular alternativa. Iso é a construción dun suxeito soberano no que as organizacións de ruptura son imprescindibles pero non suficientes.

Escusado é pensar que todo está feito, que o camiño xa está trazado, que hai unha liña segura nese proceso. Todo o contrario. Atoutiñamos, ensaiamos, erramos mentres procuramos atinar. E falamos de suxeito de ruptura non porque pensemos nunha panca infalible que inmediatamente o faga saltar todo polos aires, mañá mesmo, senón porque se entende unha acumulación social de forzas que tenta poñer en práctica esa vontade.

Empezando por descender ao cotián e ás máis urxentes necesidades das persoas. A ruptura non é darlle a volta a todo nunha lexislatura, así que, abstéñanse profetas do fracaso. A ruptura é en si o proceso que pon en cuestión todo o sentido común dominante e as súas normas en todos os lugares, en cada poro da sociedade civil e da sociedade política. Porque o novo suxeito político non acepta as normas prefiguradas pola clase dominante, porque a elas empeza a opoñer a súa propia normativa. Dixémolo antes das municipais, cando Martiño Noriega optaba á alcaldía de Compostela sendo alcalde de Teo. O réxime e os seus medios fixeron do caso unha transgresión ética e política das súas normas, mais o novo sentido común en construción impuxo a propia súa norma e Compostela Aberta gañou. Iso é ruptura.

Os meses previos á campaña electoral que comeza foron profusos en movementos que na esquerda e no nacionalismo expresaron dalgunha maneira esa tensión constante entre o estable e o inestable. Entre o mapa político previo a outubro de 2012 e a necesidade de darlle continuidade ao proceso de ruptura que tivo o seu último episodio coas mareas e demais candidaturas de unidade e converxencia das pasadas municipais. E esa tensión continúa. Nos seus momentos máis elevados, o significante Unidade colocouse no centro de todas as propostas e discusións, conscientes como son xa os actores políticos de que é unha referencia positiva. Pero Unidade non é un significante baleiro. Vén con un significado material que neste aquí e agora se constrúe desde 2012, coa irrupción de AGE nas eleccións autonómicas, e xa fora expresando anteriormente os seus balbucidos. Dalgunha maneira, o imaxinario colectivo aluman unha imaxe da Unidade como necesidade en proceso e non como unha simple opción electoral pensada para un momento concreto. A crise orgánica, como resultado dun ataque terminal do capital contra o traballo, fai emerxer en amplas capas da maioría social agredida a conciencia de que só na unidade da diversidade se pode armar un instrumento de protección para o inmediato, unha ferramenta colectiva de construción sempre máis alá. Pero unidade non era, non o é, reagrupamento nacionalista, como tan ben nos lembrou Manuel Martínez Barreiro. Non se trataba diso.

Construír unidade contra o proceso de unidade que nos está facendo ver a necesidade da unidade era un absurdo en si mesmo. Unidade sen as Mareas, ou contra elas, e sen os procesos previos, todos incompletos e imperfectos pero imprescindibles, era a destrución do espazo de unidade a cambio de certo reagrupamento nacionalista. Ou sexa, o derradeiro repregamento defensivo dun corpo político que tende a considerar que a sociedade política absorbe e anula toda a complexidade da sociedade civil e as súas opcións de autonomía. Idénticas consecuencias ten desprazar do centro do escenario a necesidade de ruptura co réxime e substituíla cunha reforma constitucional que, dunha maneira ou doutra, sería expresión do peche en falso da crise orgánica en favor das clases dominantes, contra as maiorías sociais e as nacións sen estado. Unha revolución pasiva.

O relato do proceso de ruptura conecta AGE e as Mareas municipais, sen solución de continuidade,  e sobre todo narra as condicións que se van xerando coa participación dos diferentes axentes. Se son as forzas políticas as que en exclusiva crean e compoñen AGE, na fase das Mareas e das diversas candidaturas municipais de converxencia é xa a cidadanía máis activa a que toma o mando e se erixe en protagonista. Pero convén non mistificar. Cidadanía quere dicir persoas con ou sen militancia política partidaria que se xuntan e se debruzan igualitariamente nun espazo en construción ao que algúns teimamos en atribuírlle dimensión de ruptura. En Marea, como cristalización en candidatura electoral da continuidade deste proceso, ocúpase de manter vivo o imaxinario colectivo ao se encargar da seguinte fase na construción do suxeito de ruptura. As organizacións políticas, as mareas municipais e a cidadanía non organizada politicamente son os tres axentes, tres polos que deberán profundar máis alá do 20 de decembro na articulación dese espazo de confluencia, cos seus imprescindibles mecanismos democráticos asemblearios e populares comúns. O proceso é complexo e multilateral, moi imperfecto, pero non debe impugnarse. Cómpre entendelo, completalo e melloralo, despoxalo de dinámicas incompatibles co desbordamento ao que apela. Como tal proceso, vén en marcha e en marcha debe continuar. Non lle convén reiniciarse constantemente, pois iso implicaría constantes desconexións que o illarían dos sectores da maioría social que progresivamente se van incorporando a el. Na medida en que a experiencia electoral faga do suxeito En Marea o protagonista, o proceso avanzará. Oxalá venza a tentación de reducirse a un simple engadido de intereses particulares de cada organización.

O proceso non é só electoral, pero éo. As eleccións non son o importante, dise, e é verdade, mais nesta altura histórica esta sentenza –que ás veces só expresa unha viva fascinación pola cálida marxinalidade- esixe matices. As eleccións non son o único escenario da loita política, iso é evidente, pero a crise orgánica deu en convertelas en momentos de acumulación de enerxía colectiva, de forzas e de conciencia. Os procesos electorais estanse revelando como acontecementos de ruptura en que, ao contrario do que ocorre na doce estabilidade anterior, se abre a posibilidade de formulalo todo, en que o máis radical agroma constantemente: hai que paralos, que se vaian todos, non nos representan. Esa chamada radical óese unha e outra vez nas citas electorais, auténticos nós dunha continuidade histórica, a mesma que esixe o relato de ruptura, ocupado agora en construír o artefacto En Marea. É o último episodio, pero non o derradeiro.

Pero ao final, ten cabida no proceso o mundo político que dunha maneira ou outra se identifica co nacionalismo tradicional e o BNG? Si, claro, sen dúbida ningunha. Os seus votantes e a gran maioría da súa militancia son imprescindibles alá onde coinciden obxectivos e o material se revela en toda a súa brutal potencia. Como tamén o é a inmensa maioría dos votantes do PSOE, persoas de esquerda que viven principalmente de vender, se poden, a súa forza de traballo. É a construción do Suxeito Político de Ruptura para estes tempos a que debe guiar a confluencia de vontades diversas na esquerda e o republicanismo de base independentista. Porque a ruptura ten nome de República Galega, aínda que o nome en si non prefigure a forma de organización, o que esa República decida libremente, que pode ser tanto a independencia como a confederación coma calquera outra fórmula. Organizacións políticas, cidadanía non organizada e ámbitos de acumulación de forzas coma as mareas, velaí os actores constituíntes dese Suxeito de Ruptura que se quere multitudinario e inabarcable. Se o obxectivo é a soberanía popular que dea lugar á República Galega, a ferramenta terán que construíla todos os sectores sociais que comparten intereses materiais sen que teñan que coincidir nunha opción estritamente nacionalista. A República non a construirá o nacionalismo en exclusiva. Vai nacendo no seo da multitude nun proceso democrático que lle dá ao pobo soberano a capacidade de decidilo todo, mediante unha alianza sen fronteiras entre o independentismo e a esquerda rupturista non necesariamente nacionalista. Outramente, apenas se seguirán fixando fronteiras para conservar no seu interior certa idea de nación a salvo de impurezas. Unha clausura da Historia e dos seus movementos.

A pesar das diferenzas, nesta campaña electoral é obrigado o respecto mutuo. Aquelas candidaturas que se encontren fóra dos espazos políticos do réxime non deben enfrontarse por un recanto minoritario do andel en que se expoñen os diferentes produtos do mercado electoral. Será sinal de intelixencia que En Marea non compita polo nicho que o réxime lle ofrece e no que quere vela, enfrontada á candidatura do BNG. O inimigo non é esta en ningún caso. Todo o contrario. Serán colaboradoras necesarias. O proxecto do Suxeito Político de Ruptura en construción non é disputarlle ao BNG nin ás súas candidaturas un espazo secundario de complemento dos partidos dinásticos, a forma de inserción marxinal no Partido da Orde. A razón de ser do suxeito galego de ruptura é combater o poder para conquistalo todo.

O camiño será longo e complexo, enfrontado a múltiples dificultades externas pero tamén internas. Non todo o mundo nas propias organizacións políticas nin nas áreas non partidarias, pero si organizadas, parece comprender que só hai razón de cambio e de ruptura cando esta desborda fachendosamente as marxes orgánicas. Pero será, é, véno sendo, un camiño fascinante. O camiño da República da Multitude que aquí leva nome de República Galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.