Nas eleccións galegas, xunto ás dereitas conservadoras do PP e UPyD, xunto ao anunciado tandem da dereita liberal (PSOE) e a esquerda centrista do Bloque, concorre a coalición formada por IU, ANOVA e EQUO, presentándose a si mesma como unha especie Syriza galega. Quixera discutir as posibilidades dun dispositivo como este volvendo a vista ao 2011. Alí dáse un contraste esclarecedor entre o 15M e as protestas de Geraçao à Rasca que pouco antes sacudiran Portugal. Aínda que semellantes na súa composición social, as súas políticas en rede, mesmo nas súas demandas, existen diferenzas salientables.
O 15M converteu unhas eleccións nas que moi pouco había que gañar -dende había tempo as enquisas vaticinaban os resultados obtidos- nun intelixente ataque ao "modelo de balanza de elites", tamén coñecido como "bipartidismo"
Primeiro, xeopolíticas. A diferenza da protesta portuguesa, centrada na súa realidade nacional, a reivindicación en Sol da Qasbah e Tahrir, a importación do formato das acampadas, así como a inmediata proliferación do movemento a través da diáspora, favoreceu a extensión transnacional dunha loita que á súa vez contribuíu á xestación doutros procesos como Ocuppy no Sur de Manhattan.
Segundo, os partidos. Os portugueses expresáranse á arxentina -"¡qué se vayan todos!"-, provocando o rexeitamento do PCP e deixando nunha difícil situación ao Bloco de Esquerda. O 15M converteu unhas eleccións nas que moi pouco había que gañar -dende había tempo as enquisas vaticinaban os resultados obtidos- nun intelixente ataque ao "modelo de balanza de elites", tamén coñecido como "bipartidismo", iniciador dun innovador proceso político de longa duración.
Terceiro, a democracia. O paso de Geraçao à Rasca ao 15M é o paso de poder destituinte ao poder constituínte. Xa non só tratábase de botar aos gobernantes, loitar contra os recortes e salvar ou retornar ao welfare. En lugar de limitarse a contestar á rapiña dos acredores á defensiva e nos seus propios termos, fíxoo no nome da democracia real; ou o que é o mesmo, unha democracia sen contidos, que non pode ser outra cousa que unha democracia, política e económica, por vir.
Se quería medrar como alternativa non podía gobernar cos partidos dunha balanza que implicaba un goberno de concertación anti-democrático, submiso á troika
Co dito, de volta á Syriza galega, a súa hipótese terá sentido se comprende que:
Primeiro, así como Alemaña non é máis que un tigre de papel resistindo á desesperada -saquear aos socios é o último paso antes de afundirse un mesmo-, as maiorías da balanza de elites son pouco menos que un simulacro, cada vez menos efectivo. Como en Grecia ou Islandia, como antes en América Latina, o poder constituínte do movemento rematará por reorganizar as opcións de voto. Syriza entendeu que debía arriscarse e dar resposta a este desprazamento. Máis aló dos oportunismos o corto prazo e a búsqueda da representación parlamentaria a toda costa, se quería medrar como alternativa non podía gobernar cos partidos dunha balanza que implicaba de facto, explicita ou implicitamente, un goberno de concertación anti-democrático, submiso á troika.
Como a política de movemento, terá que dar o paso do destituínte -estilo Hai que botalos, no 2005- ao constituínte, transformándose a si mesma ao redefinir os seus discursos e procedementos a imaxe dos desenvolvementos actuais da democracia real
Segundo, se, polo tanto, unha Syriza galega ha de ocupar en solitario o lugar electoral que aínda está por aparecer, haberá de enchelo con algo máis que unha alternativa á austeridade. Como a política de movemento, terá que dar o paso do destituínte -estilo Hai que botalos, no 2005- ao constituínte, transformándose a si mesma ao redefinir os seus discursos e procedementos a imaxe dos desenvolvementos actuais da democracia real.
Por último, máis alá do logotipo fusilado dos gregos, terá que saber transitar de ida e volta as fronteiras, inseríndose no fluxo da xeopolítica dos movementos; traer os contaxios dende o exterior, innovar e crear un xeito de resistir dende a xurisdición dun marco autonómico -en atención a unha composición política e territorial tan plural e distinta á grega, aínda que só fose polo peso dos nacionalismos de esquerdas- "exportable" a outros territorios.
Tres condicións, polo tanto, para constituír algo así como unha Syriza galega. É cando menos dubidoso que agora mesmo estean a cumprirse.