Hai diferenzas entre o de ‘borrón e conta nova’ e o ‘facer táboa rasa’. No primeiro caso, reconstrúes dende o comezo, pero coa sabedoría que dá aprender dos erros anteriores. No segundo, tiras con todo
Hai diferenzas entre o de ‘borrón e conta nova’ e o ‘facer táboa rasa’. No primeiro caso, reconstrúes dende o comezo, pero coa sabedoría que dá aprender dos erros anteriores. No segundo, tiras con todo e perdes non só o tempo que tardaches en chegar ó punto acadado, senón tamén, dalgún xeito, a sabedoría e os produtos materiais que elaboraches no camiño.
Arredor da toma de posesión de Daniel Vega como alcalde de Ribadeo, e despois do desastre que supuxeron as eleccións para o BNG, coido que se fixo táboa rasa en varios sentidos.
En política, que non se fale de algo faille baixar puntos, aínda que moitas veces sería mellor non dar que falar. Non estiven no pleno de toma de posesión, polo que parto das novas que me foron chegando. E nelas non hai referencia ó PSdeG-PSOE: neste caso é algo a resaltar, unha boa nova o que non andara metido polo medio, e por iso deixo o seu nome en cabeza, para que non desapareza e esa desaparición lle faga baixar puntos ó non estar no candeeiro.
Arredor da toma de posesión de Daniel Vega como alcalde de Ribadeo, e despois do desastre que supuxeron as eleccións para o BNG, coido que se fixo táboa rasa en varios sentidos
Despois viría o BNG. O máis comentado en relación a esta formación política estes días é a non recollida de nomeamento de varios electos, en protesta contra o partido. Coido que aquí hai un erro de interpretación pola súa parte, máis aló da acusación de traizón á formación (ós ‘cadros’ con poder) por incumprimento de compromiso dun posto na Deputación. Un erro que pode interpretarse como unha traizón dos elixidos ó pobo (que foi quen os votou, non o partido), a quen estimo que deben un recoñecemento que non se dá ó non recoller a acta. Un xeito desafortunado de rematar con catro períodos ó mando en Ribadeo nos que, certamente, Ribadeo cambiou moito. Un cambio que se deixou como fondo dunha entrevista ó xa ex-alcalde na que, por desgraza, se resalta en letras maiores un ‘agora voume rir vendo o que pasa’, unha saída de ton en relación a un conflito, o da Illa Pancha, no que di ‘aguantou paus de todos lados’. Unha entrevista acompañada dunha foto que recolle a manifestación pro residencia sen facer mención que houbo que facela para os políticos se uniran ós reclamantes, arredor da Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo. Claro que iso non é culpa (ao menos, non só) do entrevistado, que polo interior das respostas indica que ‘colleron esa bandeira, esa reivindicación’ e a converteron en realidade (o que me consta que, unha vez se puxeron mans á obra, traballo custou).
Deixo para o final o último dos partidos implicados no cambio de mandato, o PP, agora na cabeza municipal. O abarrote do salón na investidura vai contrastar co deserto de público en moitos plenos. Claro que diso non é culpable este partido (ao menos, non só nin en parte superior a outros) nin ten por que estar relacionado con ningunha táboa rasa. Dentro dese alborozo, ó non ter estado dentro do salón de plenos, pouco máis podo facer que tirar man do discurso para facer unha análise. Lido varias veces, alédome de que teña tantos obxectivos, aínda que lembro que quen moito abrangue, pouco aperta, e polo tanto miro con prevención a dificultade de cumprimento do previsto que leva parella: moita. Mais o de táboa rasa vai neste caso por algo máis sinxelo: a falta de recoñecemento da actividade que o novo goberno xa recibe feita, e mesmo a pesar do agradecemento a ‘Don Fernando Suárez’, o anterior alcalde. Algo que entendo é patente cando manifesta de xeito explícito 'Aportaremos de inmediato os terreos para facer realidade o centro de saúde e comezaremos canto antes a reforma integral do Hospital San Sebastián e San Lázaro’. Aí están as notas de prensa do concello ate o momento, indicando as manobras precisas e xa realizadas -non sen refregas políticas- para que ambas cousas sexan realidade. Así pois, neste caso, non é que se faga táboa rasa das cousas, senón máis ben da memoria.
Aínda así, e para rematar, só lembrar que unha táboa pode ser unha base para construír sobre dela con equilibrio, comodidade e precisión. Queda un período de catro anos para facelo.