Recordo que, cando ía a escola e estudabamos a Primeira Guerra Mundial, había unha viñeta que me chamaba moito a atención: unha imaxe de Francisco Fernando de Austria, abatido por un balazo, coas mans abertas e cara de pavor, morría asasinado por un anarquista. No pé de foto líase: “Chispazo da Gran Guerra”.
Pode que a imaxe de Navantia do 28 de xaneiro de 2013, coa Comisión de seguimento do dique flotante pechada polos traballadores no estaleiro, sexa estudada polas vindeiras xeracións de galegos coma o detonante dun gran estalido social
Pode que a imaxe de Navantia do 28 de xaneiro de 2013, coa Comisión de seguimento do dique flotante pechada polos traballadores no estaleiro, sexa estudada polas vindeiras xeracións de galegos coma o detonante dun gran estalido social. A suposta negativa da Unión Europea á construción do dique, xa que non aparece documentada, é só a punta dun grande iceberg de irresponsabilidade política, un desleixo de funciones, coma un cirurxián que se esquece de suturar unha ferida. O que non sabemos é o grao de intencionalidade en deixar morrer o paciente, pero todos os indicios apuntan a que algo tiña o médico contra el.
Na campaña das eleccións autonómicas de outubro a gran mobilización sindical na procura dunha solución para os estaleiros, cos sucesos acontecidos o día de arranque de campaña fronte ao Hotel Almirante e o peche de delegados no Concello de Ferrol, foi freada co anuncio do flotel de Pemex e o compromiso da convocatoria da Comisión de seguimento do dique flotante.
O 27 de xaneiro, un día antes da reunión clave, que chegaba con tres meses de retraso, o goberno estatal, a través do ministro Margallo, presume de desatascar os contratos de Pemex
O 27 de xaneiro, un día antes da reunión clave, que chegaba con tres meses de retraso, o goberno estatal, a través do ministro Margallo, presume de desatascar os contratos de Pemex, contratos que un día antes o responsable autonómico de emprego Miguel Tellado cualificaba de indubidables baixo pena de inmoralidade. Non fai falta ser moi agudo para darse conta de que era unha nova xogada desmobilizadora: sabían da propia incompetencia para facer o dique, sabían que nunca existiu partida orzamentaria algunha para financialo e sabían a ira que ían desatar entre os traballadores cando fixeran o anuncio de “dique non”, aínda que se escudaran na UE.
Agora que non hai dique, agora que as expectativas de cortar chapa no estaleiro son remotas e, en definitiva, agora que xa é sabido que a hemorraxia de postos de traballo non vai ser suturada, que pode esperar a comarca de Ferrol? Non podemos pensar que o Goberno experto en aplicar o bisturí por medio de privatizacións, externalizacións, racionalizacións, e demais leiras demagóxicas, está deixando morrer intencionadamente ao agonizante paciente do naval? Esa notoria incapacidade para conseguir carga de traballo e a construción do dique, non pode ser parte dunha estratexia ben urdida para botar a cancela co gallo de que ningunha empresa pública é rendible?
Esa notoria incapacidade para conseguir carga de traballo e a construción do dique, non pode ser parte dunha estratexia ben urdida para botar a cancela co gallo de que ningunha empresa pública é rendible?
Aínda que Pilar Rojo, dous días antes da visita dos delegados de Navantia, vete os convidados de pedra ao Parlamento, que son unicamente o pobo, o que lles da a pouca soberanía que lles queda, o cataclismo vai chegar, e isto non é como o fin de ano maia, isto é a realidade de miles de familias que viven directamente do sector naval, dos negocios derivados en comercio e hostalería, dun tecido industrial que é o legado fabril máis importante da historia de Galicia.
Agora toca dar a cara, non pode ser que Jose Manuel Rey, alcalde de Ferrol, saia á palestra a denunciar a incompetencia de Navantia e a SEPI, semella máis un xesto para garantir a súa propia seguridade persoal, xa que non houbo xesto político algún do seu partido en defensa do dique flotante, máis alá de palabras, e a SEPI é o PP, Navantia é o PP, e o PP é o encargado de negociar contratos con outros países para unha compañía preparada tecnicamente para competir con calquera estaleiro do mundo. As negociacións teñen un cariz político que o Partido Popular non quixo afrontar, non a SEPI, nin Navantia nin o Sursum corda.
A SEPI é o PP, Navantia é o PP, e o PP é o encargado de negociar contratos con outros países para unha compañía preparada tecnicamente para competir con calquera estaleiro do mundo
As mobilizacións pola comarca de Ferrol van subir en intensidade, toda vez que onte Francisco Fernando de Austria volveu morrer a mans dun anarquista e o brazo armado do Partido Popular no Naval, isto é, a SEPI, disparou a queimarroupa contra os traballadores do sector naval de Ferrol.