Taxis vs VTC: Unha perspectiva galega

Outravolta o Presidente Núñez Feijóo e máis a conselleira competente en Transportes, Vázquez Mourelle, veñen de amosar o seu dependentismo ao rexeitar asumir a regulamentación e outorgamento, no noso País, das licenzas dos Vehículos de Transporte con Condutor (VTC), ofrecidas polo Goberno do Estado.

Ao noso País sempre lle convén que se lle administre dende a proximidade e non dende a lonxanía. Ninguén mellor ca o Goberno galego para xestionar esta competencia, pois que o outorgamento das licenzas de taxis perténcelle aos concellos e a autorización dos seus prezos tamén á Xunta. Por outra banda, VTC, taxis e transporte interurbano e urbano de pasaxeiros por estrada haberían constituír un sistema coordinado. Non se entenden os esforzos da Xunta por regular “ex novo” o transporte interurbano de viaxeiros por autobús e o seu desleixo diante da asunción de competencias no eido dos VTC, de non ser que se queira axudar aos VTC fronte aos taxis sen asumir responsabilidades diante dos taxistas.

No 2015 unha reforma do Regulamento estatal de Ordenación dos Transportes Terrestres (ROTT) deixou a proporcionalidade entre licenzas de taxis e de VTC en 30/1, como adoitaba ocorrer dende que se aprobou a Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres (LOTT) no 1987 até que se traspuxo a Directiva Bolhenstein de liberalización de servizos a medio da “lei ómnibus” no 2009. Mais dende a aprobación desta lei omnibus  até a aprobación do ROTT liberalizouse e recentralizouse a competencia para outorgar licenzas de VTC. Das resultas desta situación paradoxal é que as licenzas por VTC acadan xa a relación 1/7 a respecto das de taxi.

As licenzas VTC outorgáronse a poucos, o  que agoira tempos de oligopolio, liquidación parcial do gremio de taxistas e subseguinte carestía do servizo se a Xunta e o Estado renuncian á regulación integral deste servizo público.

No noso País, o espallamento e avellentamento da poboación requiren dunha regulación do servizo público de taxi que garanta uns prezos máximos e un rendemento mínimo en contraprestación. Por outra banda, compre vixiar xa a competencia desleal das VTC na cidade de Santiago de Compostela, mais tamén cómpre  que o sector do taxi da capital do noso País asuma que durante 7-8 meses as necesidades do turismo de congresos e de peregrinación obriga  alargar substancialmente un servizo claramente deficitario durante diversas franxas horarias desta tempada alta.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.