Chama a atención a súa pracenteira conexión cuns personaxes situados nun ecosistema social xa descatalogado no noso imaxinario posmoderno
Miro de esguello á miña avoa, que atende na pantalla como un home de bigote e traxe espantoso abraza a unha muller derretida de amor. A voz de pura testosterona ecoa no salón e ela non pode disimular certo desacougo coa última revelación familiar de Tierra Amarga. Rara vez perde un episodio, pero cando lle ocorre enseguida vai chamar por teléfono a unha filla para pedirlle que a poña ao tanto do estado moral, psicolóxico e ata financeiro dos protagonistas. Parece que vise neles aos seus propios parentes ou veciños, entre os que non quedan, que eu saiba, homes intrépidos con mostacho, esposas dóciles ou veciñas anxelicais que dean consellos. En calquera caso, chama a atención a súa pracenteira conexión cuns personaxes situados nun ecosistema social xa descatalogado no noso imaxinario posmoderno.
Teño claro que a avoa desfruta ao vela daqueles hábitos que eran cotiás non hai tantos anos: a solidariedade entre veciños, a intimidade da familia estensa e unhas vivencias humanas non moi sofisticadas pero cargadas de consistencia persoal
A escena lévame a reflexionar sobre a tele que frecuentan os nosos maiores. As telenovelas sempre tiveron boa acollida neste sector da poboación, pero eu supoño que en cada época farían delas un uso distinto. Eu calificaríaas hoxe coma un pequeno remanso de cordura para certos espectadores vulnerables. Moi probablemente, estas creacións acartoadas, pasadas de voltas en carga dramática e cunha caracterización das personaxes máis que discutible, non son, nin moitísimo menos, a súa peor opción televisiva. Nestes tempos de aceleración audiovisual e eclecticismo ideolóxico, a persistencia de propostas retro parece dicirnos algo das nosas carencias emocionais e relacionais. En calquera caso, teño claro que a avoa desfruta ao vela daqueles hábitos que eran cotiás non hai tantos anos: a solidariedade entre veciños, a intimidade da familia estensa e unhas vivencias humanas non moi sofisticadas pero cargadas de consistencia persoal.
Mentres lle dou voltas, a avoa acaba de picar nun exitoso reality. Nunha mesa de personaxes variopintos, todos eles vítimas de arriscadas cirurxías estéticas, evisceran sen pudor as miserias máis íntimas dunha celebrity
En suma, todo apunta a que avanzamos en benestar individual o que retrocedemos en riqueza colectiva. Estamos a notalo en forma de neurose, suicidios, desarraigo e frustración, e a tele reflicte dalgún xeito todas esas eivas. Desvergoñados realitys, telediarios efectistas, debates ocos e a permanente imaxe dunha vida tan atractiva e dinámica como ficticia na que as avoas pouco contan. Ocórreseme, entón, que unha abnegada esposa turca ou a traizón dun parente cobizoso pode aportarlle a unha persoa maior unha precaria conexión co calor humán e a certidume do pasado.
Mentres lle dou voltas, a avoa acaba de picar nun exitoso reality. Nunha mesa de personaxes variopintos, todos eles vítimas de arriscadas cirurxías estéticas, evisceran sen pudor as miserias máis íntimas dunha celebrity.
- Que estás mirando, avoa?
- Tele Amarga, fillo.