Telepredicador da Igrexa Al-Juarismi

O Faro de Vigo do pasado 16 enchía a súa contraportada cunha entrevista a Iñaki Ortega Cachón, director da Deusto Business School (o que ven sendo a Escola de Negocios de Deusto de toda a vida). O tal Iñaki é economista, raza esta falsa e bardalleira onde as haxa, que tanto che din unha cousa coma outra, que saben de todo e non entenden de nada. Sei do que falo: son un deles. No retrato do Faro aparece un corentón de perfil, o pelo lambido cara atrás, media barba ben rozada, traxado e un reloxo Viceroy de pulseira metálica. Xa así de primeiras vinlle pinta de telepredicador; e segundo fun lendo, as miñas sospeitas confirmáronse. Aquí vos deixo a prédica: o texto en cursiva son as súas palabras literais e o resto son eu e mailo resto da freguesía electrizada. A música que a poña o gran José Iglesias, o trobador do Penedo.

Deus é o noso pastor, aleluia! Porque desapareceron as barreiras de entrada aos mercados e compiten de igual a igual grandes e pequenos. As grandes corporacións tremen cos pequenos. Loado sexa o Señor Al-Juarismi! Si...Si...abofé que Si! Os mercados xa non teñen cancelas, que pode un entrar e saír deles cando lle pete. Pero no só nos mercados; as cancelas desapareceron tamén das leiras e das chousas, porque os novos tractores non cabían polas entradas; e tampouco hai xa valados que garden as tenzas e mailos prados, porque agora xa a terra toda é duns poucos e non se precisan tantos. Loado sexa o Señor das terras xuntas! E compiten de igual a igual grandes e pequenos, o que ten vinte vacas co que ten cincocentas; abofé que si, o prezo do leite que mercan no supermercado é o mesmo para os dous. Loado sexa o señor da competencia libre e perfecta! Os tempos están cambiados. Agora as grandes corporacións morren co medo diante das pemes; si, meus irmáns e irmás, Zara abanea cada vez que escoita o nome de Alba Conde, e Carrefour non sabe onde meterse cando lle amentan a Ultramarinos Chiruca. Evos ben probado que teñen o cu apertado!

Deus é o noso pastor, aleluia! Vivimos nun algoritmo, e se non o entendes non podes estar no mundo actual. Os traballos son mais sofisticados e hai que manexarse nesa tesitura. Quen non domine algoritmos non atopará traballo. Loado sexa o Señor Al-Juarismi! Si...Si...abofé que Si! Verdade verdadeira! As nosas vidas son algoritmos que van dar no mar; no mar da Tranquilidade, que seica está na Lúa; na lúa de Valencia, para ser mais precisos, que sempre foi lúa principal e non sei o por que. Estamos arrodeados de algoritmos: os manuais de usuario dos electrodomésticos, os papeis de montaxe de Ikea, os equipos de Mouriño, os procesos de produción empresarial, o dicionario da RAG,  as normas de tráfico...en calquera recanto hai un algoritmo. O algoritmo home contesta “non, ou non oes”; o algoritmo muller, “non, pero alá ti”. Os camareiros das Rías Baixas resolven algoritmos antes e despois de servir as consumicións; e ás veces, tamén durante. Nunca tal cousa se vira en tempos pasados.

Deus é o noso pastor, aleluia! Os poderosos xa non poden facer o que lles peta. Os grandes xa non teñen bula para decidir, o poder xa non é omnipotente. Por primeira vez o poder cambia de mans: vai de abaixo arriba. Un candidato descoñecido pode gañar a outro consolidado se fai unha boa campaña. O guión xa non está escrito. Todos temos a capacidade de redactalo. Loado sexa o Señor Al-Juarismi! Si...Si...abofé que Si! Certo e verdadeiro. O que estamos a vivir é unha revolución, o mundo ao revés, que se di. Os que antes estaban arriba agora están abaixo. Aquela xente que hai corenta anos aseñoraba as leiras da política, ou da xustiza, ou dos cartos, ou da milicia; aquela xente deambula hoxe polos vertedoiros do lixo e dorme ao abeiro das pontes e caixeiros bancarios. E viceversa. Os que antes estaban abaixo agora rebrincan nos poleiros da sociedade. Porque agora cadaquén redacta o seu futuro, con mellor ou peor letra, que iso xa é graza concedida e non aprendida. Pensade, irmáns e irmás, todos temos exemplos desta reviravolta social a pouco que miremos ao noso redor...igual nós mesmos eramos bosta de vaca hai vinte anos e agora somos...ben, igual nós non, pero hai moita outra xente que si. Hoxe dáslle un cariño pecuniario a un mozo aparcacoches e á volta do mes ves a ese mesmo mozo na dirección xeral de Deloitte Touche; ou un supoñer, Marta F. Currás, que hoxe está dirixindo unha división de Ernst & Young, e mañá igual che dá as voltas nunha caixa do Eroski. O que vos conto, unha revolución nunca vista nin case soñada. O da princesa e maila ra xa non vos é un conto.

Deus é o noso pastor, aleluia! En España ninguén quería a Mariano Rajoy como presidente, tíñao todo en contra; mais ao final, gobernou el. Perdeuse o medo. A derivada entre o vello e o novo desapareceu. Agora o que conta é a diferencia entre a boa e a mala política. Loado sexa o señor Al-Juarismi! Si...Si...Ostrás! Co ben que ía... Collino todo e de primeiras ata aquí, pero este último salmo deixoume pampo, que non sei por onde entrarlle. E vós?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.