Temos que falar

Web da iniciativa 'Temos que falar' ©

O mundo está polarizándose a marchas forzadas. Hai forzas que nos queren volver ao fascismo e, contra elas, temos que volver a reflexionar, a analizar, a votar, a falar... antes de que sexa tarde, antes do 24 de xullo, para votar, e tamén despois. Sabémolo e por iso está a haber chamados que en anteriores eleccións serían máis difíciles de ver. A actualidade obsérvase desde a preocupación. Con motivos.

Son moitos os temas que nos afectan e que estamos a deixar de lado. Por iso apoio o manifesto #TemosQueFalar porque máis aló de votar, é necesaria máis democracia, e para iso temos que cambiar o modelo económico, político e social. Temos que falar sabéndonos diferentes, cada quen "da súa casa", mais sabendo tamén que só coa unidade poderemos afrontar as múltiples crises que afrontamos

Chamados como o recente de Modepen (Movemento pola defensa das pensións e dos servizos públicos) (1). Que eu saiba, a primeira vez que se manifesta sobre unhas votacións. E de forma clara: A posíbel constitución dun goberno da dereita, e aínda peor coa extrema dereita, abriría paso a unha máis intensa privatización dos servizos públicos de sanidade e educación, maiores incentivos aos plans de pensións privados e recortes nas pensións públicas.

Por iso, o 23 de xullo a mobilización electoral debe, por un día, tomar o relevo da loita social. 

Porque xa non disimulan, e non me refiro ao PP e ao VOX, que tamén, claro, senón aos que mandan neles. Eses dos que falaba Stephen Hawking. Eses que antes que unha vida de luxo para todos prefiren un futuro de miseria para a maioría, con tal de non distribuíren a "súa?" riqueza (2).

Contra esta ofensiva en todos os frontes "Temos que falar", como se explica nun destes manifestos, un que eu reivindico explicitamente (3). E que tamén explicitamente está apoiado por organizacións Ecoloxistas (Ecologistas en Acción, Mina Touro O Pino NON, SEO/Bird Life, Los Verdes, WWF, Greenpace, Amigos de la Tierra) LGTBI, Feministas (Plataforma 8M Sonseca, Feministas por el clima) da Renda Básica Universal (Eureka -estatal-, Colectivos Cidadáns pola Renda Básica, ORAIN (Euskadi) Economía social (REAS Red de Redes, Justicia Alimentaria) Internacionalistas e Pacifistas ( o colectivo galego "Rompamfilas", Movimiento por la Paz MPDL, Red de ONGD de Madrid) AAVV, Culturais, Pensionistas (Plataforma Pensionistas Pitusa de Balears, Pah Alcorcón, Federación Regional de Asociaciones Vecinales de Madrid (FRAVM)) Estudios políticos (Attac, Futuro en Común)... e así ata máis de 100 asociacións e cerca do millar de adhesións individuais cando escribo esta nota.

Un manifesto que empeza dicindo "Si, temos que falar. Mellorar o noso. Recuperar a ilusión. Falar do importante, do que realmente impacta nas vidas e o benestar das persoas e do planeta, que se vai descoidando e deteriorando cada vez máis. Temos eleccións en breve, e votar é importante, pero a democracia ten que ir máis aló; somos capaces."

Un manifesto que explica a necesidade de falar máis alá dos debates electorais. De dar a volta, coa nosa fala compartida, á des-información e a crispación. De reverter, falando, ese contexto en que a cidadanía vota cada catro anos, mentres os grandes capitais fano todos os días a través dos mercados. De como deberiamos falar de temas que nos afectan e que se están quedando fóra das nosas conversas.

Falar da crise ecolóxica porque estamos a hipotecar a nosa vida. E de que podemos soñar mundos mellores, aínda desde o realismo que nos impoñen os límites do planeta

Falar das desigualdades sociais e de como se están acentuando. E de que necesitamos xustiza económica e social, xustiza fiscal, rendas básicas, repartición do traballo, acceso a vivenda e subministracións e servizos públicos de calidade.

Falar de que moitas persoas carecen de liberdade para elixir traballo, lugar de residencia, como alimentarse, con quen vivir... E de que queremos liberdade para todas as persoas, pensando especialmente nas persoas migrantes, racializadas, de clases empobrecidas, quen vive no medio rural, mulleres ou persoas trans. 

Falar da violencia internacional que segue financiando a guerra. E da urxencia dunha verdadeira aposta polo diálogo e a defensa dos Dereitos Humanos. 

Falar do modelo económico, que segue a rexerse por dúas normas —o crecemento do PIB e a maximización do beneficio das empresas— E de que é perfectamente viábel un novo modelo económico social e solidario que abandone esa senda de imposíbel crecemento ilimitado e redistribúa esa riqueza creada, non o esquezamos, por todas e todos nós.

Falar da democracia, e da información tendenciosa, das canles inadecuadas de participación, da criminalización da protesta. E das posibilidades que abriría unha profundización democrática.

Son moitos os temas que nos afectan e que estamos a deixar de lado. Por iso apoio o manifesto #TemosQueFalar (3) porque máis aló de votar, é necesaria máis democracia, e para iso temos que cambiar o modelo económico, político e social.

Temos que falar sabéndonos diferentes, cada quen "da súa casa", mais sabendo tamén que só coa unidade poderemos afrontar as múltiples crises que afrontamos.

#TemosQueFalar. Por iso anímovos a asinar, individual ou colectivamente, de ser o caso, este manifesto (3).

 


Notas

1) https://www.modepen.org/index.php/2023/06/30/o-movemento-social-en-defensa-das-pensions-publicas-ante-as-eleccions-do-23-de-xullo/

2) Se as máquinas produzirem tudo o que precisamos, o resultado vai depender de como as coisas serão distribuídas. Todos podemos desfrutar de uma vida de luxo e prazer se a riqueza produzida polas máquinas for compartilhada. Ou a maioria das pessoas pode acabar miseravelmente pobre se os donos das máquinas se posicionarem com sucesso contra a redistribuição da riqueza. Até agora, a tendência parece seguir a segunda opção, com a tecnologia conduzindo a uma desigualdade cada vez maior.

Contestación de Stephen Hawking, no reddit "Science AMA Series: Stephen Hawking AMA Answers!" (hai 7 anos): 

https://np.reddit.com/r/science/comments/3nyn5i/science_ama_series_stephen_hawking_ama_answers/cvsdmkv/

3) https://tenemosquehablar.site/gl

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.