Tempo de apandar

De seguir así o BNG (ou o nacionalismo base) corre o risco de quedar fosilizado, e os fósiles  mantéñense  na eternidade pero como pezas de museo, o que tan pouco é tan malo porque ao menos perdurarán no percorrer do tempo e saberase dentro de moitos séculos que aquí en Galiza  houbo intención de sermos soberanos.

Agora haberá moitos análise, reflexións e teorías de todo tipo pero  témome que todas as que veñan dende dentro serán inútiles porque os que sofren o problema non teñen capacidade para abordalo en toda a súa dimensión e con toda a súa crueza porque dun xeito ou doutro estarán condicionados a non dicir todo o que pensan para non ferir sensiblidades ou provocar enfrontamentos desagradables entre compañeiros nunhas organizacións que sempre foron traumáticas. É certo que nunca hai unha causa sempre son moitas e moi complexas e para iso ou estase dispostos a asumir unha auténtica catarse caia quen caia e pase o que pase ou non hai análise que valla e iso, penso, é moi difícil facelo no interior dunha casa no que ao mellor hai que tirar mobles pola fiestra, cando non esfarelala para construír outra nova. Porén, penso que, de todos xeitos, non se pode  estabrecer unha  estratexia  senón se defíne previamente porque pasa o que pasa ( e aquí  sae o sociólogo que levo dentro aínda que bastante oxidado) e o que pasa o sáben mellor os de fora que os de dentro, e cando refírome aos de fora estou pensando nos milleiros de persoas que un día votaron Bloque e agora non o votan e procuraron outras opcións como as Mareas ou mesmo Podemos (persoas que as temos nas nosas familias, entre os nosos amigos).

Sábese con rigor porque non o votan? Sábese con rigor porque a xuventude fuxiu do Bloque e agora nosa media de idade nos mítines está nos 50 anos para arriba? Sábense outras moitas cousas, como por exemplo  porque unha persoa, fai algún tempo, díxome que o Bloque se facía un partido antipático? Sábese que papel xogan as actitudes para xerar sedución ou crispación? Pois porque non se lles pregunta? O mesmo que se fan enquisas para saber cousas, a min gústame moito a técnica dos “grupos de discusión”. Utilizámola nalgunhas Axencias de Extensión Agraria cos labregos para mellorar as súas explotacións e de paso descubrir problemas en pleno franquismo. Pois ben trataríase de organizar estes grupos de discusión con este tipo de xoves e outros non tanto, sen prexuizos, e intelixentes, votantes do Bloque nalgún momento, outros nunca pero interesados, en fin segundo organicen e dirixan uns profesionais da socioloxía ou das CC. Sociais, e cunha base de discusión deixarlles que debatan abertamente,  con toda  sinceridade e dureza o que pensan, recoller o que din e logo sacar as conclusións correspondentes.

Con isto quero dicir que a novos tempos débense utilizar novas técnicas de traballo, esta é unha máis, hai outras pero en base sempre a que falen dende fora para logo decidir con coñecemento de causa dende dentro, que aínda que o resultado tampouco leve a unha solución factible, cuestión xa do propio partido, pero ao menos saberase porque no nacionalismo seguen baixando as cotas de votantes aos que puido chegar no seu día ata o extremo de 70.000 nestas xerais. Porque as razóns dos analistas ao uso están ben pero a  subxetividade sempre está presente. Interesa o que di a xente normal, a do voto prestado (a inmensa maioría) pero con criterio, nunha participación grupal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.