Que atrás dos tempos vêm tempos, e outros tempos hão-de vir. (Fausto, da canção Atrás dos Tempos)
A crise que estamos a vivir fai parte deses acontecementos que, no sentido de Alain Badiou, quebran a continuidade, rachan a normalidade e dificultan a previsibilidade a curto prazo do escenario resultante. Así, fanse presentes tanto a posibilidade de encamiñármonos por vieiros que reforcen o autoritarismo en beneficio das elites mundiais como a de abrirse a un panorama de maior democracia, xustiza e liberdade. Mais, no que si parecen coincidir a grande maioría das reflexións sobre as consecuencias da pandemia é que dificilmente o mundo volverá ser como antes. Xa se considere un punto de inflexión histórico onde a textura da vida cotiá mudou, tal como afirma John Gray, un movemento das placas tectónicas do modelo dominante, consonte Atilio Borón ou un feito social total, para Ignacio Ramonet, as repercusións están a ser de tal envergadura que as perturbacións atinxen todos os ámbitos da vida individual, social, política e económica.
As medidas xeralizadas de contención incidiron, case que simultaneamente, sobre miles de millóns de persoas abranguendo todo o planeta, nun fenómeno masivo e sen precedentes na historia da humanidade. Nesta abrupta interrupción do que se considera a normalidade, e na limitación do espazo social que a acompaña, as percepcións, emocións e representacións poden verse fondamente afectadas. A esfera da subxectividade intervida pola incertidume, a inseguridade, o confinamento e a vulnerabilidade, provoca disonancias e indefinicións cuxa resolución non é doada de xestionar en circunstancias de adversidade. Afeitos a un contacto próximo e directo, vémonos obrigados a recorrer ao virtual e o artificial por medios que toman un protagonismo desbordante nas chamadas relacións de distanciamento social. Resignación, malestar, indignación ou saturación informativa se misturan coa desconfianza e a esperanza, intentando procesar a situación mediante esquemas e categorías que non sempre son acaídas. E, queiramos ou non, este curtocircuito social nos posiciona nun estado de febleza comunitaria, de indefensión e de limitación fronte ao que Enzo Traverso denomina un poder pastoral capaz de asumir a xestión sobre as nosas vidas.
O impacto económico é outro elemento cuxas consecuencia son máis facilmente predecibeis e cuxos efectos xa son apreciabeis de inmediato. Polo que respecta ao escenario no que se produce a pandemia, Asier Arias salientou que a mesma se desenvolve dentro dunha crise que xa se viña arrastrando desde había tempo e onde a inversión na economía real continua a minguar perante a volatilidade especulativa e a financiarización da economía. O que a pandemia evidencia claramente é un colosal fallo do mercado que, por si só, non é quen de atender masivamente ás necesidades mundiais nin de fornecer de provisións para afrontar esta ou outras catátrofes vindeiras. O mercado produce o que se pode vender e que o da beneficios a curto prazo, sen preocuparse polas carencias que non garanten a rendibilidade. No mesmo sentido David Harvey puxo de relevo a importancia que na crise ten o bloqueo e alteración da continuidade dos fluxos de capital nun modelo de acumulación que xa adoecía de graves dificultades. Parece incuestionábel, xa que logo, o tremendo impacto que a interrupción das cadeas de produción global e a caída do consumo van ter sobre as empresas e sectores económicos así coma sobre o emprego.
Cómpre, nesta situación, ter en conta o marco neoliberal no que estamos inseridos. Partimos dun serio deterioramento social que o ritmo vertixinoso e a permanente fuxida cara avante tenden a enmascarar. Megaconcentración urbanas, competencia polos recursos, turistificación invasiva, transporte incesante de persoas e mercadorías, consumo desaforado, degradación ambiental, privatización e desposuimento do público, crise climática e enormes desigualdades no acceso aos bens e servizos, xunto cunha dependencia das redes e cadeas de abastecemento situadas a miles de kilómetros -froito da deslocalización, da externalización e dunha hiperglobalización aniquiladora da diversidade cultural e biolóxica-, son o síntoma dunha crise civilizatoria que hai tempo se ven anunciando. Neste contexto todo parece indicar que as implicacións serán moitísimo peores que cando 2008 e comparabeis á depresión de 1929. Prevése unha caída xeralizada do PIB que afectará á practica totalidade dos países; desinversións e fuxidas de capital; derrubo dos prezos das materias primas; destrución masiva de emprego e un enorme retroceso nos intercambios comerciais, cun risco do incremento da pobreza e da fame para máis de 500 millóns de persoas segundo publica Oxfam Internacional. E coa experiencia de que as inxeccións masivas de liquidez dos Bancos Centrais, e doutros organismos financeiros internacionais, non son máis que un parche, unha salvataxe para as oligarquías, se como todo parece indicar o groso das axudas se dirixe ao capital e non á satisfacción das necesidades sociais.
Tamén numerosas voces da ciencia lembran estes días a dimensión ecolóxica das pandemias, advertíndonos, unha outra vez, sobre un modelo de produción que saquea a natureza e modifica o clima. Sinalan que a meirande parte destas teñen unha orixe zoonótica, onde a expansión dos virus está asociada directamente con prácticas e comportamentos sociais e económicos de sobreexplotación dos recursos. Entre estas actividades figuran a caza indiscriminada e o tráfico de animais salvaxes; a deforestación e a destrución de ecosistemas; os monocultivos e a diminución da variedade xenética e da biodiversidade. Actuacións que axudan a liberar aos patóxenos enclaustrados e o seu trasvase aos seres humanos e a outras especies. Tamén alertan dos centros de produción e cría intensiva de animais estresados e amoreados, con uso e abuso de antibióticos e antivirais, que os convirten en fábricas de contaxio e de mutacións. Un auténtico ecocidio para negocio das elites, en palabras de Jorge Riechmann.
Moitas das reflexións que estes días abordan o futuro pospandemia amosan razóns e argumentos para desconfiar dunha mudanza orientada a unha sociedade máis xusta e democrática. Para Agamben a pandemia ofrece o pretexto ideal para aproveitar o medo e sacrificar a liberdade en aras da seguridade, en paralelo con Byung-Chul Han quen considera que a solidariedade da distancia non permite soñar un mundo mellor. A idea de fuxir dun optimismo inxenuo e de ser conscientes da dificultade de rebelión fronte un biopoder, capaz de se reforzar técnica e ideoloxicamente a base de medidas excepcionais está presente tanto en pensadores escépticos e pesimistas coma naqueles que acreditan na posibilidade dun cambio en beneficio da humanidade. Así, todo un amplo abano de razóns como poden ser a instrumentalización da unidade para agachar o conflito social, o risco do reforzamento do estado policial, a eficacia probada de anos de adoutrinamento no pensamento único, a tremenda resilencia do capital ou o perigo dun avance na tecnificación da política que acelere a desdemocratización, como con agudeza anotou Thierry Meysson, obrígános a ser cautelosos en canto as expectativas mais non a renunciar a loita por unha mudanza de urxencia.
Pero tamén son abondo as análises e as razóns para pensar en rematar coa supremacía do dominio do mercado e avanzar na construción dun outro mundo posíbel. O discurso neoliberal ficou espido, exposto á crúa intemperie dos acontecementos e sen posibilidade do recorrer a ese cinismo que o caracteriza; está moi tocado e coa credibilidade a rentes do chan. Hoxe é imposíbel negar a importancia vital do público para afrontar as crises e solventar as necesidades imperiosas da humanidade. Estase a evidenciar a necesidade de contar con poderosos sistemas de protección social que garantan a posibilidade de ter unha vida digna, así como a prestación duns coidados sen os que esa vida non podería sería tal. Esta globalización descontrolada, de deslocalizacións e de externalizacións a distancia amosou, tamén, o suicidio que pode significar a renuncia a certo grao de autosuficiencia e de economías de proximidade para non depender de longas cadeas de distribución suxeitas á rapiña e ao control das insolidarias oligarquías mundiais. Do mesmo xeito, puidemos comprobar, in situ, onde están os auténticos creadores de valor e de riqueza, sen cuxa man de obra o mundo se pararía sen remisión. Observamos a importancia de profesións e actividades que o capital invisibiliza, infravalora e precariza e sen cuxa labor diaria non poderíamos aguantar un par de días nesta situación. Decatámonos, tamén, de que moitas outras profesións, fachendosas, eloxiadas, poderosas e ben retribuídas pasan comodamente cuarentenas sen que a súa ausencia sexa motivo par botalos de menos.
Comentaba Chomsky, hai poucos días, que vía con bos ollos construir unha internacional progresista. Claro que si, a resposta debería ser forte, acadando unha dimensión mundial e internacionalizando e transversalizando as loitas. E habería que tentar non caer na trampa de retornar a esa normalidade que, como tanto se está a dicir, é o problema. Procurar unha alternativa para reformular as relacións económicas globais e afondar na democracia, na liberdade e no igualitarismo. Escribía Marisa del Campo Carramendi, en Rebelión, que se fai irrenunciábel dar a batalla por un modelo de economía social e de participación democrática; por encarar, dunha vez, a loita ecolóxica e medioambiental; por apostar, potenciar e blindar os servizos públicos; por combatir a especulación financeira, os paraísos fiscais e implantar políticas redistributivas. Se engadimos a axenda feminista, o recoñecemento da economía dos coidados, o freo a un crecemento depredador, a defensa das soberanías e das relacións de igualdade, podemos estar no comezo dun camiño de esperanza.
Un comunismo reinventado ao Zizek, os múltiples socialismos de Atilio Borón, ou outras propostas que aínda nin se formularon e irán aparecendo, pero todas coa mirada posta na superación da ruindade que o modelo actual representa para as persoas, para os pobos e para a vida en xeral. Na dereita a intelixencia é asintomática; superemos a doenza.