Tempos de altura moral

Intransixencia, sectarismo e un elevado espírutu guerreiro é o que ultimamente observamos como habitual en determinados sectores da política española, incluso, en momentos tan tráxicos como os que estamos a vivir. Desolador! 

Xa dicía o profesor Reyes Maté que España era, sobre todo, unha filla da intolerancia na que a miúdo se botou de menos a madurez racional como consecuencia da escasa influencia do espíritu ilustrado; e así parece que seguimos,  facendo obstentación das nosas miserias históricas para evidenciar o enorme déficit patriótico dalgúns dos nosos máis conspicuos representantes.

Este comportamento tan pouco solidario, non é máis que o mal de fondo que caracterizou a moita da nosa clase dirixente ao longo da historia deste país. Unha eiva que segue inalterabel impregnando todo o seu proceder político. Un atranco que de seguro continúa dificultando que moita xente poida sentirse parte dun mesmo proxecto de país. Tal vez, porque nin antes nin agora, a maioría desa España dirixente  tivo a sana intención de representar de verdade os intereses da España real, desa que nunca falla nos momentos de dificultade.

A este respecto xa decía don A. Machado:”En España lo mejor es el pueblo. Siempre ha sido lo mismo. En los trances duros, los señoritos invocan la patria y la venden; el pueblo no la nombra siquiera, pero la compra con su sangre y la salva.”

Unha constante histórica que, como ocurriu no momento da transición, tampouco parece moralmente aceptabel no actual trance que estamos a vivir; porque naide pode dudar a estas alturas de estarmos nunha coxuntura excepcional, marcada pola traxedia e a incertidume; onde están en xogo  dereitos tan esenciais como o da vida e a subsistencia de centos de persoas. Son momentos marcados pola escepción que necesitan, como auga de maio, de dirixentes con altura moral e sentido de Estado capaces de transcender o seu embigo para poñerse ao servizo das enormes urxencias do país.

E esta necesidade tan perentoria, non se pode materializar con políticas de confrontación e de “tierra quemada” senón cunha decidida vontade de camiñar xuntos cara a solucións compartidas; porque hoxe máis que nunca, o pais só pode afrontar esta catástrofe dende a vontade de acordo e lealdade institucional; pero nunca dende a intransixencia, azuzando o odio, propagando a mentira e despreciando o interese xeral co fin de defender mezquiños intereses.

Polo tanto, como ocurriu na transición, é o momento de trascender as nosas miserias históricas para traballar dende xa por un escenario político razoabel, civilizando o debate e dándolle á cidadanía a maior certidume e seguridade posibel para non crear máis problemas daquel que hoxe nos chama con urxencia a resolver, que é inmenso.

E por iso, en momentos como este, cómpre levantar a mirada para demostrar de verdade o auténtico significado do servizo público; porque nos xogamos o esencial, que é a vida  de moitos cidadáns e a reconstrución económica e social de todo un país asolado pola pandemia. Radicalizar posicións con demagoxia e intransixencias, entendo que hoxe sería moi difícil de entender polo común dos mortais por moito que algúns sigan pretendendo demostrar que é posibel construír destruíndo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.