Nesta particular conxuntura económica e sociopolítica asistimos con desacougo á operativización político-administrativa de propostas nidiamente regresivas en dereitos e conquistas sociais, envoltas na aparente “naturalidade” dun discurso ditado desde a prepotencia ideolóxica neoliberal, asentado nunha nesgada combinación de datos para lexitimar unha volta a tempos escuros nos que a educación era unha patente reservada só a aquelas persoas cuxa orixe social e dispoñibilidade económica as convertía en directas beneficiarias de oportunidades de todo tipo.
A posta en escena do ministro Wert na súa primeira comparecencia parlamentaria cun discurso inzado de concesións á igrexa e aos sectores máis radicais da dereita, orfo dos obrigados matices que a poliédrica cuestión educativa demanda, atendeu a un guión ben coñecido: acusación de ineficiencia do sistema público, recuperación da “calidade” e procura da “excelencia” apoiándose nun sistema de selección académico-económico, que agoira máis concertación e polo tanto máis privatización do ensino.
Unhas breves referencias ás etapas: advertencia de que a primeira educación (0-3) non é tal, senón conciliación, retornando ao asistencialismo das garderías; e anuncio de cambios na estrutura da secundaria, previsiblemente ao servizo do mesmo obxectivo segregador. Substitución da materia “Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos” por “Educación Cívica e Constitucional”, atenta a manter aos escolares no limbo -alén de controversias e manipulacións ideolóxicas- reforzo do inglés e das TIC. Acompañando a letra coa música da enésima contrarreforma: promesa de incentivos na formación e selección do profesorado, e no seu recoñecemento como “autoridade pública”.
Un discurso inzado de dardos para crebar a credibilidade do sistema público e dos valores que o sustentan, con acusacións veladas aos seus principais actores
Un discurso inzado de dardos para crebar a credibilidade do sistema público e dos valores que o sustentan, con acusacións veladas aos seus principais actores: a procura da equidade do modelo comprensivo de ensino como coartada duns preocupantes datos de fracaso escolar e de abandono prematuro, unida á constante referencia á “recuperación” do esforzo, o mérito e a disciplina, como se estivesen extraviados nos últimos tempos.
Unha gravísima sentenza, inédita para quen é o máximo responsable do sistema educativo -“la educación pública ha dejado de contribuir a la sociedad”- máis aínda cando as liñas de acción propostas para reverter a situación están pensadas ao servizo do sector privado, baixo a coartada da liberdade de elección das familias.
Aludiu Wert á opacidade do sistema educativo e, para afondar na cultura da avaliación, ofrece probas e estándares que faciliten a comparación e as boas practicas; esquecendo que a única rendición de contas, sendo desde logo mellorable, só se práctica desde os servizos públicos, permanentemente na lupa da opinión pública.
Alén da propaganda e a mercadotecnia das ofertas que fan negocio coa educación, as comparacións deben facerse respectando variables fundamentais. O ensino público é o único que non practica o dereito de admisión, e traballa con grupos heteroxéneos desde o punto de vista da súa procedencia social, intereses e expectativas. Velaí, nesa complexidade, a contribución á cohesión social que pretende ignorar o ministro. Desmentindo atribucións alimentadas polo discurso conservador, os datos achegados polo Informe Pisa/OCDE conclúen que non hai evidencias que suxiran que os centros privados axudan a elevar o nivel de rendemento do conxunto do sistema educativo e que ,cando se compara sobre a base da mesma tipoloxía do alumnado -procedente de contornos socioeconómicos avantaxados-, non hai diferenzas significativas que apoien as presuntas vantaxes da privada.
Se se producen diferenzas no traballo con alumnado diverso en canto á procedencia social, asunto do que se ocupa case en exclusiva a rede pública e ao que nin sequera está obrigada a concertada, subvencionada mesmo cando segrega o alumnado baixo diversos subterfuxios. Unha reforma que apela á “calidade moral da nosa democracia” debe promover liñas de acción política que atendan estas evidencias, ou pola contra estará convertendo o ensino público nun gueto intolerable.
Farían ben en renunciar á imposición ideolóxica de propostas que só poden deteriorar o sistema público do que son responsables.
A comunidade educativa acusa un enorme cansazo polas constantes situacións de reforma e contrarreforma, e persiste unha inercia que lastra a presunta eficacia dalgunhas medidas. Farían ben as administracións en recuperar o respecto aos principais actores do sistema, buscando a complicidade social para a diagnose dos múltiples factores que se relacionan co fracaso escolar, un problema de carácter máis social que exclusivamente pedagóxico. E farían mellor en renunciar á imposición ideolóxica de propostas que só poden deteriorar o sistema público do que son responsables.
A escola como lugar para a socialización do coñecemento e das emocións é un territorio vulnerable, un espazo no que se xogan partidas vitais de suma importancia e, por tanto, non pode converterse nun campo de probas en permanente experimentación, e moito menos nun campo minado. A procura dun horizonte de calidade e de excelencia só pode vir da man dunha ampla corresponsabilidade social coa institución escolar -á altura dun tempo histórico convulso e esixente- e require un cambio de mentalidade: abandonar a mediocridade e o acomodo que representa a defensa da educación como patrimonio individual ou familiar ao servizo dos intereses e valores particulares de determinados sectores sociais.