Pode que existan, sen eu sabelo, múltiples teorías sobre o abandono. O que salpica preto de nós é sempre a realidade máis aumentada e vén cada venres en forma de aceite de ricino porque deste, e sen que sirva de precedente, hai para todos a esgalla. Di o dicionario que abandonar é sinónimo de desamparar e antónimo de protexer. E comeza unha a pensar se non habería moitas veces que ampliar dun xeito creativo a sinonimia e comezar a falar tamén de desmantelamentos ou insultos e non só á intelixencia.
Quizais a definición agora de felicidade sexa, nun exercicio reducionista, a de supervivencia: a actitude estoica de violinista do Titanic ou, tamén, do hedonismo pop e salvaxe de venda nos ollos e o que veña despois que ature
Esa intelixencia que parece ter sido conducida ó desterro, nunha previsora estratexia de dividir para vencer e tamén de sálvese quen poda. Nesta contorna letal, hai quen aínda pensa no sentido da felicidade contemporánea do mesmo xeito que xa se cuestionaba a viabilidade ou non da poesía despois de fronteiras imposibles. Quizais a definición agora de felicidade sexa, nun exercicio reducionista, a de supervivencia: a actitude estoica de violinista do Titanic ou, tamén, do hedonismo pop e salvaxe de venda nos ollos e o que veña despois que ature.
Parece, entón, que os nenos orfos e abandonados deste aínda novo século XXI queiramos convivir, no contexto de castigo restritivo con algúns comportamentos que si tiñamos como instalados no noso despreocupado día a día. O sentimento de soidade é reconfortado pola pandilla virtual, pola festa feisbuqueira ou tuiteira, por eses perfís modelados á imaxe e non semellanza, polo referendo popular e, tamén, polos desencontros e perrenchas enmarcados nunha pantalla. A virtualidade e a súa relativa exposición fai moito máis aséptica e sinxela a solidaridade. Non sei se máis real ou efectiva.
O sentimento de soidade é reconfortado pola pandilla virtual, pola festa feisbuqueira ou tuiteira, por eses perfís modelados á imaxe e non semellanza, polo referendo popular e, tamén, polos desencontros e perrenchas enmarcados nunha pantalla
Leo un artigo sobre a rede coma un paliativo doutras carencias. Quizais sexa unha desas profecías dos tempos novos e salvaxes que auguran tamén, por exemplo, que leremos o fin do Facebook nun blog ou que a Googlelización estanos a volver parvos de capirote. A demonización da tecnoloxía hai que tomala sempre con certa reserva aínda que si é certo que xa convivimos coa natural, e ás veces groseira, presenza do smartphone como unha constante testemuña na procura dun gústame: ese que fai que a nosa pobre vida de pés no chan sexa merecedora dun caldiño quente. Ou de dous.
Estes apuntamentos apresurados saben ben que as fendas non son soamente dixitais. Hainas humanas. Moito
Estes apuntamentos apresurados saben ben que as fendas non son soamente dixitais. Hainas humanas. Moito. Tanto, que fan que a nenez recuperada dos perfís, dos grupiños paveros e xogos no recreo desapareza, como aquelas sobadas bágoas na choiva,cando desconectamos o ordenador. E o abandono e o desmantelamento sobreviven. Comeza, en realidade, o espectáculo.