“Quero dicirvos unhas verbas en galego pero fai moitos anos que estou fóra da terra e case non me recordo de falar o galego. Lévoo no corazón. Galiza é a miña vida. (...) Levo moitos anos ansiando a liberdade, querendo que se escoite a palabra das mulleres e que digamos todo o que temos que dicir, que é moito.”
Quen así se expresou aquel 3 de marzo de 2007 foi Teresa Alvajar López, un nome posibelmente descoñecido para parte considerábel do auditorio que a escoitaba no Teatro Principal de Compostela na homenaxe ás mulleres represaliadas, Mulleres con Memoria, organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte. Naquela intervención espontánea, lembrou as mulleres que estiveran con ela no cárcere da Coruña en 1939, as que deron a súa vida pola liberdade e por Galiza, e finalizou cun "Viva Galiza ceibe!" que deixou o auditorio estremecido.
Os dous anos seguintes volveu participar noutros eventos sobre Memoria Histórica, recibiu premios e homenaxes –“Día da Galiza Mártir”, outorgado pola Fundación Alexandre Bóveda (2008) e “Republicana de Honra”, nomeamento da CRMH da Coruña (2009)– e en todas as intervencións transmitiu os seus sentimentos, a dor que a acompañou durante tantos anos polo separación familiar, polo afastamento da Terra, por todos os horrores que contemplou, polos asasinatos de xentes que coñecía, que quería...
Teresa Alvajar López morreu o pasado 9 de xaneiro en Madrid, onde residía ao coidado da súa filla Elena Martínez Alvajar. A punto xa de recibirmos e espallarmos as súas cinzas na cidade onde naceu –ese foi o seu desexo–, van estas liñas de lembranza no día en que conmemoramos o centenario da fundación das Irmandades da Fala. Ela propia tería sido integrante se non for unha nena no período de desenvolvemento daquela organización porque o amor ao país, á súa lingua, a defensa da cultura en todas as súas manifestacións, levábaos no seu ADN. A sublevación militar de 1936 cortou a traxectoria daquela adolescente de 14 anos cando, poucos días antes de se iniciar a guerra (in)civil, partiu coa nai para se reunir en Soria co pai, que fora nomeado gobernador civil.
Pertencente a unha coñecida familia republicana da Coruña, Teresa Alvajar era filla de César Alvajar Diéguez –funcionario do concello da Coruña, xornalista, escritor e político, foi unha figura saliente nas primeiras décadas do século XX no terreo asociativo, político e cultural, e morreu no exilio en 1965– e de Amparo López Jean, unha das mulleres de traxectoria máis salientábel nas primeiras décadas do século XX; unha muller adiantada ao seu tempo, membro das Irmandades da Fala, presidenta da "Agrupación Republicana Femenina" e integrante da executiva coruñesa do Partido Galeguista, que tamén morreu no exilio en 1942, en Montauban (Francia). As dúas irmás e o irmán, Amparo, Ana María e Javier Alvajar López, foron personalidades ben coñecidas no mundo cultural, musical e político –sempre fieis ao ideario republicano– e sufriron os avatares familiares marcados polo levantamento do 36, estiveron no exilio e só se volveron reencontrar xuntas, tamén con María Teresa, en 1965, con motivo do enterro do pai en París.
Na bibliografía que se foi publicando sobre Memoria Histórica a partir da década dos 80 aparecían sempre, xunto a outros, os Alvajar-López. Ao coñecemento daquel núcleo familiar tamén contribuíron outras publicacións, nomeadamente as memorias de Ana Mª Alvajar (Soltando lastre, 2002) e as tres entregas de Javier Alvajar sobre a súa infancia, adolescencia e xuventude na Coruña, coa República, a guerra e a posguerra como pano de fondo (Anuario Brigantino, núms. 14-16, anos 1991-1993). En todo este material bibliográfico hai informacións, fragmentarias, sobre Mª Teresa, a máis descoñecida da familia.
Non abondaba. Ela tiña moito que nos contar. Convencida de que a súa era unha historia que debía facerse pública, animeina a seguir coas súas memorias e así viu a luz o libro Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana (Ed. Laiovento, 2012), que tiven o privilexio de editar. Era a voz que nos faltaba para completar a historia familiar, mais non só, porque, a súa, é unha voz a engadir á recuperación da memoria democrática e á da memoria das mulleres.
Breve semblanza biográfica
A derradeira representante daquela familia naceu o 14 de agosto de 1921 na rúa Herrerías, na Cidade Vella coruñesa. Alén do ensino regrado en escolas públicas, asistiu ao College Français e estudou piano con Mili Porta, que impartía clases de música no local da "Agrupación Republicana Femenina" (ARF). Era unha nena feliz, a brincar no adro de Santa María do Campo, no Campo da Estrela, na praia do Parrote; a agardar con impaciencia a semana grande das festas, que traía diversións de todo tipo. Non gostaba moito da escola mais, desde que aprendeu a ler con soltura, foi unha ávida lectora: lía todo o que caía nas súas mans, lecturas infantís que lle proporcionaban na casa ou libros que ela collía na biblioteca do pai sen el se decatar. Unha afección que nunca abandonou.
Na familia achou o marco privilexiado para as súas inquedanzas culturais e políticas que axiña espertaron. Desde moi nova viviu o ambiente republicano: ao pai seguíao aos mitins; coa nai participou en numerosos actos da ARF. Nas tertulias que se celebraban na casa, en diferentes eventos, coñeceu numerosas personalidades da vida política e cultural, e foi absorbendo como unha esponxa, unha serie de coñecementos e un posicionamento ideolóxico, nidiamente galeguista e republicano, desde idade moi temperá. Unha das persoas que admirou sempre foi Castelao, a quen lembraba saudando a nai con dous bicos nas rúas coruñesas. Anos máis tarde coincidiría con el en Madrid, Valencia e Barcelona, após a sublevación militar.
Aínda non cumprira os 15 anos cando os primeiros días de xullo de 1936 saíu coa nai cara Soria, onde os sorprendeu o golpe militar. Aquela despedida case multitudinaria na estación da Coruña, á que acudiu a familia, amizades e afiliadas da ARF, ficou gravada na súa retina. Cando Teresa Alvajar volveu pisar a estación coruñesa na década de 1960 pasaran case trinta anos.
A itinerancia e o exilio caracterizaron a súa vida entre 1936 e 1960: despois de Soria, virían Madrid, Valencia e Barcelona, seguindo o goberno republicano. En medio da traxedia, dos bombardeos, o frío e a fame que pasou, aquela foi unha etapa de solidariedade, de agarimo, en contacto con galegos que tamén servían á República, como o seu pai e a súa nai: Uxío Souto, Castelao, Suárez Picallo, Elixio Rodríguez, Fernando Barros Pumariño, Serafín Ferro, Ramón Cabanillas (fillo); Martín Ferreiro, Antonio Mejuto e Beatriz Lugrís Freire, a quen acolleron na súa casa da rúa Balmes de Barcelona. Foi tamén un período enriquecedor para aquela adolescente que asistía coa súa irmá Amparo e Arturo Cuadrado a numerosas tertulias onde se reunían con escritores, artistas plásticos, actores de cinema, políticos (Domènec Perramon, Manuel Altolaguirre, Concha Méndez, Juan Gil Albert, Roman Bonet, máis coñecido como BON, Ramón Gaya, Julio Peña, Andrés Mejuto, entre outros).
Posteriormente, pouco despois da entrada das tropas franquistas en Barcelona, e sorteando obstáculos, chegou á Coruña nunha viaxe de cinco días, sen documentación, e envolta nun capote de soldado para disimular a súa condición de muller. Alí permaneceu doce meses até abril de 1940, cinco dos cales estivo no cárcere, acusada de dirixir checas e de pertencer ao SIM (Servizo de Investigación Militar). Viría despois a estadía en Vimoutiers e Montauban, onde viviron os pais; a perda da nai en 1942, á que estaba tan unida, supuxo para ela un duro golpe. Dela aprendera o amor pola Terra, pola lingua, pola liberdade. Barcelona de novo (1943-1957), París (1957-1960), unha estadía de cinco meses en Xirona e de novo Madrid, onde se estabeleceu en 1960 cunha certa estabilidade, cando menos económica.
A súa foi unha vida de sortear obstáculos, de facerlles fronte, de os superar; unha vida en que non estivo ausente a rebeldía. Nai de catro criaturas (un home e tres mulleres), de dúas parellas, para sacalas adiante tivo que aceptar traballos moi duros, como aquel matadoiro clandestino que estaba en Montcada i Reixac, que a obrigaba a viaxar ao mencer para regresar a cidade condal ás sete da tarde. Malia a irresponsabilidade dos pais das catro criaturas, que abandonaron as súas obrigas, foi grazas ao seu espírito de loita como puido saír adiante, e grazas tamén á axuda da súa irmá Amparo que lle enviaba cartos cada mes e dalgunhas amigas, como Mercé Subirana en Barcelona e Felicité Velázquez en París.
En Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana narra as lembranzas da Coruña da infancia e adolescencia, as súas paisaxes físicas e humanas, e o desarraigo que viría despois. Hai nestas memorias dous grandes eixos: por un lado o relato da etapa da República, da guerra e posguerra; e, polo outro, está o relato da súa vida privada, do máis persoal e íntimo. Nas páxinas deste texto memorialístico achamos a denuncia da represión colectiva –e a afirmación, ao mesmo tempo, das súas conviccións republicanas– e, tamén, da represión feminina e a carencia de dereitos das mulleres. Por iso a imaxe que proxecta de si propia contrasta co modelo de muller tradicional, reforzado cos valores patriarcais que defendía a ditadura.
Memorias dunha republicana é a autobiografía dunha muller atravesada pola represión desatada tras o golpe militar; e a autobiografía dunha supervivente que defendeu desde a liberdade a súa vida, nun tempo en que as mulleres semella que tiñan que pedir permiso para vivir, para amar. Camiñante solitaria polo escuro bosque da incomprensión, do androcentrismo imperante, moitas das circunstancias que atravesou son produto dun tempo en que o control da moralidade constituíu unha verdadeira obsesión para os franquistas. Naqueles anos escuros, opresivos, en que a Sección Femenina e a Igrexa xogaron un papel determinante, houbo mulleres que saltaron por encima daqueles muros de pedra, con coraxe, con dignidade… María Teresa foi unha delas.
Agora volve á Coruña que máis amou e á que regresaba de cando en vez, após 30 anos de ausencia. Desde a distancia física, mais non emocional, unha noite si e outra tamén –así nolo repetía e así figura nalgunha entrevista–, soñaba que volvía á súa cidade, que andaba polas rúas da infancia e finalizaba a camiñada na praza de María Pita, a ollar para a xanela da oficina onde traballaba o pai. E erguíase cansa, como se tivese feito a viaxe.
Benvida de novo á túa casa, Teresa. Sempre estarás no meu corazón.