Desde hoxe Teresa Ferreiro pode xubilarse. Tómome a liberdade de anuncialo publicamente por que sei que a súa coquetería non se vai ver afectada por esta revelación. Agardará que remate o curso polo sentido da responsabilidade que a caracteriza e por que é practicante diso que dicía José Luis Sampedro: “Aos alumnos hai que provocalos e querelos”. Que pasará no ensino para que persoas con tan contrastado amor á profesión marchen á primeira oportunidade?
Miúda e hiperactiva: canta, baila e fala sen parar. A súa risa inconfundible resoa coma unha solta de pombas e a súa aula imaxinámola efervescente; activa, dinámica e esperta. Mais, en ocasións, ponse seria, incluso solemne, e ate a voz lle sae moi pausada e suave para escoitar e reflexionar. Ela é a MESTRA que un día coma hoxe de hai uns cantos anos viu os amplos horizontes da Terra Chá en San Tomé. A Mestra de Trasmonte, a Mestra de Bugallido, a Mestra que organizaba campamentos, a que percorría as aldeas con aquel proxecto de Preescolar na Casa, A Mestra da Serra de Outes, a Mestra de Barouta, a Mestra rural, a Mestra activa e activista de Nova Escola Galega; espazo de reflexión e reivindicación educativa no que deixa a súa pegada de compañeira, a súa experiencia compartida e algunhas achegas publicadas. Sempre a MESTRA, durante 40 anos A MESTRA.
Estudamos Maxisterio en escolas universitarias que acababan de abandonar aquel curioso nome de “NORMALES”, con memoria demasiado recente do franquismo asasino que convertera en mártires a aqueles mestres e mestras da República, aqueles e aquelas que representaban a luz, para impoñer a cultura das tebras da que aínda queda o substrato. Algúns profesores recen chegados á docencia universitaria expoñían experiencias didácticas novidosas e mostraban, coma unha estrea de domingo de Ramos, a Cossío, Giner de los Rios, Piayet e Montesori ... E tamén nos chegaban as referencias de Makarenco, Freinetn, Neill e a súa escola de Summerhill e as pedagoxías liberadoras de Paulo Freire e Milani … que nos levaban a procurar libros recen aparecidos nas edicións en castelán. Até podía haber quen organizara unha visita á Cidade dos Rapaces - Benposta de Ourense; experiencia coñecida polo circo pero da que, aínda hoxe, non hai nada escrito que reflicta minimamente a realidade.
Dalgunha maneira estabamos sendo actores da recuperación da memoria. Sufrimos, ela especialmente por ser A Mestra, a decepción, ás veces a impotencia, de ver como a armazón económica e ideolóxica que sustenta a vida consumista se ía apropiando dos discursos e as culturas da rebeldía para convertelas nun obxecto máis no escaparate do mercado. Mais a Mestra resistiu. Seguiu co seu maxisterio, soltando pombas e sementes en eidos diversos: nenos e nenas, nais e pais, e no propio colectivo de mestras e mestres; proclives a reproducir os discursos oficiais que desvían, sempre, o foco do problema. Tere, coma todas as persoas que comprenden o proceso educativo, moitas delas compañeiras súas na escola ou nos grupos de traballo e reflexión nos que participa, saben que no maxisterio hai que ter a paciencia da labranza, observar e atender o proceso sen pensar na colleita. Saben que a Educación non reparte responsabilidades entre mestras ou mestres e pais ou nais. Ambas as partes, coma o goberno e a sociedade en xeral, teñen a responsabilidade toda. A cooperación e a asunción da responsabilidade colectiva é fundamental. A Educación é unha responsabilidade social e ten que formar parte da cultura.
Comprometida e centrada na práctica cotiá, procurou sempre os recursos na reflexión e na análise, á marxe dos debates e discursos falsos e estúpidos da mediática, enmarcados sempre no que agora se denomina “a estratexia da posverdade”. Unha especie de exaltación da ignorancia que consiste en presentar os síntomas como o problema e unha interpretación da realidade como coñecemento. Ela é A Mestra, unha rebelde na era do discurso baleiro, que se preocupa polo desenvolvemento de cada alumno ou alumna, polos problemas emocionais que poidan impedilo ou dificultalo, polos aspectos máis humanos e as relacións interpersoais que poden favorecer ou interferir o desenvolvemento integral e a construción da conciencia crítica.
Ningunha autoridade competente lle vai recoñecer a Teresa Ferreiro o seu maxisterio de case 40 anos, sería recoñecer o propio fracaso do sistema, mais eu quero renderlle a miña humilde mullernaxe a esta activista por unha cultura educativa distinta, por unha Escola integrada no pobo. Tere, e moitas persoas coma ela, foron axentes fundamentais na loita pola normalización cultural e lingüística de Galiza. Unha sociedade sa, tería que recoñecer e render homenaxe ás persoas que representan un exemplo coma o de Teresa Ferreiro. Eu declaro a miña admiración, o profundo recoñecemento e gratitude a ela e a todas as mestras e mestres coma ela.