The Time We Are a-Changin'

Se na redacción da Time non eran alleos á polémica que podían desencadear, entón é que esta foi conscientemente provocada, opción pola que me inclino. Con toda probabilidade entre as tendencias ideolóxicas e éticas dos membros do equipo da revista acollen, máis ou menos desenvolvidos, todos os estereotipos de lectores e lectoras que durante estes días teñen discutido na web sobre liberdade, lactación, perversión, exhibicionismo, manipulación, dereitos, inocencia, bioloxía, multinacionais, maternidade, mercado, beleza, explotación, arte, relixión, dereito, provocación, futuro, infancia, desvío de atención, paternidade, corrupción, naturalidade, e moitos outros temas que agora non consigo convocar, mais que poden manter unha relación tan directa co contido da portada como os que menciono.

A introdución do tabú habería de ser, como imaxino que foi no inicio dos tempos da nosa civilización, un proceso de estilización da forza bruta en velada ameaza permanente que se volve omnipotente e omnipresente cando desaparece o grupo de individuos que a exercen

Si, ás veces os estímulos representados como imaxes fixas que, noentanto, conteñen máis planos que os vídeos publicitarios, contribúen a focalizar temas de debate social que dificilmente poden ser postos sobre a mesa por individuos concretos, sen o risco de resultaren as súas intencións malinterpretadas. Eis a natureza do tabú e a dificultade que atoparía para difundirse como concepto puramente teórico en sociedades onde non existise. A introdución do tabú habería de ser, como imaxino que foi no inicio dos tempos da nosa civilización, un proceso de estilización da forza bruta en velada ameaza permanente que se volve omnipotente e omnipresente cando desaparece o grupo de individuos que a exercen, até que pasa a formar parte da que se considera lei natural ou diso que algúns chaman, aínda en ausencia de deidades, moral.

Analizamos fotos, declaracións, vídeos e iconas, e cremos elaborar o catálogo de elementos socialmente autorizados, sen querer aceptar que sería moito máis simple revisar os conceptos que sustentan os nosos tabús

Analizamos fotos, declaracións, vídeos e iconas, e cremos elaborar o catálogo de elementos socialmente autorizados, sen querer aceptar que sería moito máis simple revisar os conceptos que sustentan os nosos tabús, aínda que as consecuencias fosen, como algúns pensan, imprevisíbeis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.