Tinta de lura

Como era previsible Podemos estase conformando como unha alternativa consistente ao PSOE. Despois de meter a pata coa lista-prancha e outros acenos centralistas, o partido de Pablo Iglesias soubo rectificar e fraguar alianzas que o colocan en boa posición en diversos territorios. Non sabemos o que sucederá o 20-D, pero todo indica que en Barcelona, Madrid ou Valencia –e posiblemente tamén en Galicia- as coalicións formadas por Podemos e os seus socios quedarán por diante do Partido Socialista. O PSOE, pois, acusa trazos de pasokización. Manterá, iso si, unha forza considerable en Estremadura, Castela-A Mancha e Andalucía, configurándose, ao dicir de Enric Juliana, como o Partido do Sur, ou, de modo máis circunscrito ao territorio de Susana Díaz, como a CiU de Andalucía –a representación dos seus intereses territoriais-.

Podemos rectificou tamén o seu programa. Daquel co que se presentou ás eleccións europeas a este co que se presenta ás xerais media un grande treito. É a distancia que vai de reclamar un Proceso Constituínte a unha máis modesta, e máis realista dada a correlación de forzas efectiva,  Reforma Constitucional. Podemos, con toda conciencia, busca converterse no verdadeiro Partido Socialista español –e pode que o consiga na próxima lexislatura- e faino a través de alianzas que lle dan forza electoral e contribúen a estender o seu campo de influencias. A situación lembra vagamente á que se viviu na Transición, cando a Federación de Partidos Socialistas intentou constituír unha alternativa ao PSOE. Non o conseguiu. Desa federación formaba parte o PSG de Xosé Manuel Beiras, que sufriu nesa altura unha enorme sarta de improperios por parte da UPG de entón –a acusación de traidor, que agora lle dedica Suso de Toro, a de quinta columna, e a metáfora preferida de tantos “non hai mellor cuña que a do mesmo pau”-. Hoxe Podemos vai lanzarse cara o sorpasso do PSOE apoiado nesas alianzas. Non exclúan ningunha posibilidade.

Da triste sorte do nacionalismo galego nestes trinta anos ninguén é máis responsable que o(s) propio(s) nacionalismo(s) galego(s). Por suposto, é do seu interese centrifugar esa responsabilidade, como sempre fixo, a terceiros, pero ningún observador obxectivo podería deixar de reparar que, para dicilo coa metáfora de Wittgenstein, o nacionalismo está encerrado na súa propia linguaxe como unha mosca dentro dunha botella. Mentres non se recoñeza este dato non haberá nada que facer por ese lado. Seguirá metido no frasco. O BNG debe de estar sorprendido de ter pasado a tanta velocidade de forza hexemónica dese campo –un campo reducido por eles mesmos- a socio non desexado. As Mareas, se algo aprenderon é que ese nasty party quitaba máis do que daba. Isto non é unha opinión, como inmediatamente presumiran os mal intencionados e os trolls de garda. É un dato da realidade. Pode ignorarse, pero non teríamos visto o lamentable espectáculo da famosa candidatura unitaria sen partir del. E conste que eu sería partidario dunha lista única con menos influencia dos partidos –de todos- e máis peso de independentes. Paréceme unha opción razoable para navegar un tempo no que coinciden dous procesos: o de reconfiguración de España e o de recomposición do mapa político: en Galicia, en particular o do nacionalismo galego.

Porque, volvo a insistir neste argumento, Podemos vai ser dentro dun mes unha forza máis ou menos sólida, con opción, mesmo, de substituír ao PSOE, pero o que está na UCI, en situación de grande debilidade, é o nacionalismo galego. É certo que o artefacto AGE foi moi de grande éxito, como o foron as Mareas municipalistas. Entre Febreiro e Outubro de 2012 o universo nacido do BNG foi quen de deixar a este atrás nas eleccións galegas. As municipais confirmaron a tendencia, como van facelo as xerais, e, dentro duns meses, as autonómicas que talvez nos deixen un goberno presidido por alguén das Mareas –se ese goberno é posible. Agora ben, ese vento de popa que impulsou AGE e as Mareas, a quen consolidará en Galicia? Podemos e ANOVA non son o mesmo, nin poden selo –salvo que a compoñente nacional se disolva no éxito do novo partido-. A medio prazo ten que haber unha decantación. Isto é, creo, innegable.

ANOVA, con Beiras á cabeza, ten procedido a unha fuite en avant que ata o momento deulle grandes réditos, confundida coa efervescencia do momento e cambiando de parella de baile ou incorporando outra ao ménage. Pero, ata cando pode continuar con esa fuxida cara adiante? No campo nacionalista esta é unha pregunta que representa a outra cara da moeda do inmobilismo do BNG. O BNG pode consumirse, pero o futuro de ANOVA non é menos incerto. De feito, se non acerta a fraguar unha nova forza que intente en Galicia o que Podemos en España –desprazar ao PSOE- e mesmo, ir máis aló, converterse en pal de paller do país o seu destino estará selado: converterse nun satélite de Podemos, ou, directamente, disolverse nel. Non parece unha saída plausible para a pulsión nacional que aniña en ANOVA. Se quere intentalo, terá que proceder, como ten feito Podemos, a unha revisión dos seus lemas e a unha ampliación do seu espazo. Se non quere, non aguantará o paso do tempo. Así de simple.

Estrañamente, este debate non ten aparecido en sociedade ata hoxe. Estrañamente, porque, do punto de vista estratéxico, ou hai unha forza que lle de novo impulso á construción nacional, revisando os parámetros que levaron ao nacionalismo á completa parálise de hogano, ou a historia de Galicia está a un paso de camiñar cara á consunción non só da súa identidade, senón da súa vitalidade económica, política e cultural. En Galicia sempre pasa isto: a retórica, case sempre baleira, e de escaso significado, substitúe a discusión de fondo. En Galicia case todo é tinta de lura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.