Todo é renda básica? A confusión permanente

Mobilización pola renda básica en Vigo Dominio Público ODS Coia

Nas últimas eleccións ao parlamento europeo de 2014, Podemos presentouse cun programa sobre a renda básica meridanamente claro. Dicía o programa: 

“Dereito a unha renda básica para todos e cada un dos cidadáns polo mero feito de selo e, como mínimo, do valor correspondente ao limiar da pobreza co fin de posibilitar un nivel de vida digno. A renda básica non substitúe ao Estado de benestar, senón que trata de adaptalo á nova realidade socioeconómica. Substitución das prestacións sociais condicionadas menores á contía deste ingreso básico. Financiamento a través dunha reforma progresiva do IRPF e da loita contra a fraude fiscal.” 

Diso hai xa cinco anos. 

Son palabras claras na defensa desta proposta que cada vez acapara máis a atención dos medios de comunicación e a cidadanía en xeral. Palabras que indubidablemente unha parte da militancia de Podemos e algúns círculos aínda seguen defendendo en determinadas localidades e zonas da xeografía do reino de España. 

Pois ben, o 31 de marzo o responsable económico de Podemos aparece nos medios de comunicación cun titular de Europa Press que di: “Podemos propoñerá unha renda básica de entre 600 e 1.200 euros que custaría entre 10.000 e 12.000 millóns”. 

Unha renda básica? Todo o mundo apúntase á renda básica: PSOE, Podemos e ata pode lerse que Ciudadanos tamén defende unha renda básica. É delirante a cantidade de confusión á que pode chegarse coa proposta da renda básica. A todo chámaselle renda básica: é coma se á razón chamáseselle superstición, relixión, adicción ou calquera cousa que se lle pasase pola cabeza ao listo de turno. A razón ten moito prestixio, excepto entre postmodernos e relativistas de tres al cuarto, e é coñecido o esforzo por incorporar a ela calquera cousa tan semellante ao que un ovo poida ser cunha castaña. 

Coa renda básica pasa algo parecido: chámaselle renda básica ao ingreso vital do PSOE, á proposta de renda garantida de Podemos e a calquera cousa que se lles pase pola cabeza aos ultras do PP, Ciudadanos e Vox. A renda básica é a tendencia ao que todo o mundo se apunta para gañar votos… pero que ninguén se atreve a defender realmente. O totum revolutum soamente serve para aumentar a confusión. 

A Basic Income Earth Network, que terá os seus defectos, pero ninguén poderá negar que leva desde o ano 1986 defendendo esta proposta. É dicir, desde hai case 35 anos, especifica que unha renda básica é, ademais de periódica e en efectivo: 

Individual: non a familias nin a outros agregados. 

Universal: a todas as persoas sen ningún requisito adicional. 

Incondicional: sen ningún requisito de emprego ou de vontade de buscalo. 

Pódese estar de acordo ou en desacordo coa renda básica, pero a definición da mesma é meridianamente clara. Para quen o queira entender, sen o requirimento adicional dun esforzo intelectual complexo e excesivo. Pero resulta que esta demanda de claridade non parece ser compartida de forma demasiado xeneralizada. Así, lemos segundo Europa Press, que Podemos, mediante o seu responsable económico, di que este partido defende que: 

“…a súa formación incluirá no programa electoral unha renda básica garantida para os fogares sen recursos que iría dos 600 aos 1.200 euros, en función dos membros da unidade familiar”. E tamén: “A cantidade podería oscilar entre os 600 e os 1.200 euros, con escalas intermedias en función do número de membros da unidade familiar”. 

É dicir, non é individual, nin universal, nin incondicional. É outra cousa. Unha renda para pobres ao uso. É unha renda garantida, non unha renda básica. 

Segue dicindo Podemos sobre a súa proposta: “Para paliar esta situación (refírese aos máis de 10 millóns de pobres no Reino de España), a formación morada incluirá no seu programa unha renda básica para os fogares sen recursos e que tamén complementaría os salarios máis baixos.” Atención, engádese: “para evitar a trampa da pobreza”. 

Brinde ao sol máis ou menos electoralista: nunca un subsidio condicionado do estilo que propón Podemos evitou a trampa da pobreza. Non a evitou a Renda de Garantía de Ingresos do País Vasco (RGI), unha das máis xenerosas non xa do Reino de España senón de Europa, e menos o evitaría unha proposta inferior como a de Podemos. De feito, o gran gañador de implantarse esta renda sería o propio Goberno Vasco, pois se aforraría boa parte da súa RGI. Vaia redistribución! O País Vasco paga o 30% de rendas mínimas do Reino con menos do 5% da poboación e sendo a comunidade autónoma coa maior renda per cápita. 

A información sobre a proposta de renda para pobres de Podemos engade: “A intención da formación morada é que este programa de renda básica garantida sexa financiado cun imposto ás grandes fortunas, é dicir, que se aplicaría aos declarantes que teñan máis dun millón de patrimonio neto, despois de descontar os créditos e cunha exención de 400.000 euros, incluíndo a vivenda habitual. O número de declarantes que cumpren esas condicións elévase a 94.000.” 

Será de agradecer que acheguen os números para financiar esta renda para pobres a partir das fontes que aseguran facelo posible. O que si sabemos é que segundo a Enquisa Financeira das Familias do Banco de España do ano 2014, gravando cun 1% o patrimonio neto dos fogares sen a vivenda principal, ás familias situadas na intersección do 10% con máis renda e máis riqueza pode conseguirse unha cifra de 10.000 millóns de euros. Pero para facelo posible, requírese un imposto sobre a riqueza, que nestes momentos non existe no Reino de España. 

Unha renda básica individual, universal e incondicional pódese financiar. Explicámolo de distintas maneiras en, por exemplo, aquí. E, que dúbida cabe!, ninguén está obrigado a estar de acordo. Pero o que nin é honrado nin axuda a que as ideas se debatan con claridade é que aos subsidios para pobres condicionados chámeselles renda básica. Dígao a prensa, dígano os partidos, dígao quen sexa. Pode ser útil para a propaganda política cando unha proposta ten prestixio e goza de adhesión crecente, pero nada que ver coa libre e franca discusión das ideas. É confusión interesada da peor especie.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.