Durante un tempo predominou a idea de que o exercicio do poder xa non necesitaba tocar os corpos, que bastaba con controlar a nosa atención e o noso desexo
Durante un tempo predominou a idea de que o exercicio do poder xa non necesitaba tocar os corpos, que bastaba con controlar a nosa atención e o noso desexo. Os desafiuzamentos, as ameazas de desaloxo de acampadas, a violencia exercida contra as manifestacións en defensa dos dereitos humanos e as fronteiras como a de Ceuta din outra cousa. As prácticas para disciplinar os corpos volven estar en primeira plana.
Foucault describiu como a modernidade aprendeu a gobernar os corpos: vixialos, ordenalos, encerralos, corrixilos. O cárcere, a escola, a igrexa, o hospital e a fábrica eran lugares onde o poder se inscribía na carne. Despois veu a biopolítica, que xa non administraba só individuos, senón poboacións enteiras. Byung-Chul Han sostivo que esa etapa quedara atrás. O poder contemporáneo non obriga, seduce. Non precisa muros porque nos explotamos a nós mesmos con entusiasmo, convencidos de que somos libres. A psicopolítica substituiría a disciplina: menos porra e máis notificación nos dispositivos dixitais. A tese de Han describe ben unha parte da sociedade, pero non toda. Hai corpos, cada vez máis, para os que a sedución non funciona, porque non consomen, non rinden ou non teñen determinados papeis. Para eles volve o poder máis vello e máis cru: expulsar, desaloxar, reter, devolver.
Vivimos un tempo que promete liberarnos do corpo. A transición dixital e a intelixencia artificial imaxinan un pensamento sen carne, sen fame, sen frío, sen necesidade de lugar. Pero precisamente por iso o corpo volve ser o territorio político decisivo, tanto do control como da resistencia
Na actualidade conviven dúas formas de acampar que se parecen por fóra e son opostas por dentro. A acampada de protesta usa o corpo como discurso: instálase no espazo público para facerse visible e dicir algo. Fano no centro das cidades, en lugares emblemáticos. O asentamento de persoas migrantes, sen fogar non elixe estar alí. É o corpo que queda cando xa non hai outro sitio, é o que busca lugar pero queda relegado máis aló das marxes. Os primeiros desalóxanse por orde pública e os segundos por limpeza, salubridade ou estética. O xesto é o mesmo, pero o vocabulario cambia: o corpo que protesta é unha ameaza e o corpo pobre é sucidade. No segundo caso xa non hai un suxeito político que disciplinar, senón un resto que retirar. Judith Butler falou de vidas que non merecen ser choradas, e Achille Mbembe dun poder que decide que corpos poden ser abandonados.
Ceuta leva esta lóxica ao extremo. Alí o corpo nin sequera perdeu un lugar: négaselle desde o principio o dereito a entrar nel. O valado, a auga, as devolucións. A fronteira é o lugar onde o poder deixa de disimular e mostra o que é capaz de facer cun corpo que non conta. Non perdamos de vista que o que pasa na fronteira non queda na fronteira. É o laboratorio dunha forma de tratar os corpos que despois se aplica, de xeitos tal vez máis sutís, nas nosas cidades: quen pode estar e quen sobra, quen ten dereito a un lugar e quen só ten dereito a ser movido.
Fronte a unha política reducida a pantallas, sentarse nunha praza para reivindicar os dereitos humanos nunca deixou de ser un acto radical que nos lembra algo fundamental que quixeran facernos esquecer; todos os corpos precisan un lugar
O retorno do control explícito non contradí a dixitalización senón que é o seu reverso. Para quen resulta rendible na economía dos datos, o poder é amable, personalizado e interiorizado. Para quen non encaixa, o poder recupera o corpo como obxectivo. Sedución para uns, forza para outros.
Este espectáculo cotián provoca desasosego. Non é compaixón senón unha angustia compartida. Desde a psicoloxía clínica sabemos que non hai psiquismo sen un lugar que o susteña. Winnicott falaba do holding, o sostemento que permite a un bebé existir sen caer. Bowlby falaba da base segura desde a que explorar o mundo. Unha sociedade que deixa de soster corpos produce suxeitos sen base. Por iso esta angustia non é un asunto privado. É un afecto político. Debaixo dela hai unha intuición de que a distancia entre quen observa e quen é expulsado é moito máis fráxil do que nos gustaría.
Vivimos un tempo que promete liberarnos do corpo. A transición dixital e a intelixencia artificial imaxinan un pensamento sen carne, sen fame, sen frío, sen necesidade de lugar. Pero precisamente por iso o corpo volve ser o territorio político decisivo, tanto do control como da resistencia. O corpo é o que non se pode automatizar. Ocupa espazo, cánsase, enferma, exponse e vincúlase con outros corpos. Fronte a unha política reducida a pantallas, sentarse nunha praza para reivindicar os dereitos humanos nunca deixou de ser un acto radical que nos lembra algo fundamental que quixeran facernos esquecer; todos os corpos precisan un lugar.