Dende hai máis de dous meses, o número 160 do Paseo da Castellana ten un inquilino moi especial. Chámase Ángel Vadillo e é o rexedor socialista de Alburquerque (Badaxoz). Hai uns meses, decidiu non quedar de brazos cruzados ante a aprobación dun Real Decreto que elimina as primas ás enerxías renovables, e que supón a paralización dun proxecto de termosolares na súa comarca, cun 40% de paro, que frea a creación de oitocentos postos de traballo directos. Chegou a Madrid tras unha marcha a pé de 630 quilómetros o pasado mes de abril, e tras permanecer ás portas do Ministerio de Industria dende entón, hai 21 días decidiu poñerse en folga de fame.
Chegou a Madrid tras unha marcha a pé de 630 quilómetros o pasado mes de abril, e tras permanecer ás portas do Ministerio de Industria dende entón, hai 21 días decidiu poñerse en folga de fame
A fin de semana pasada tiven a oportunidadede coñecelo. Recibiume cun sorriso e unha mirada serena, propia de alguén que sabe que está a facer o correcto. A verdade é que esperaba encontrarme un home canso e débil, pero equivoqueime: a súa axilidade, vitalidade e forza son asombrosas. Angel Vadillo sorprendeume por moitos motivos, pero un deles foi o feito de que a súa loita é por moito máis que a paralización dun proxecto. El é un defensor aférrimo dun cambio de modelo enerxético, da substitución das tecnoloxías contaminantes polas enerxías limpas, e da idea de que o medio ambiente debe deixar de ser considerado unha "maría" e empezar a ser o eixe das políticas deste país.
Nestes dous meses gañou o afecto dos funcionarios, que todas as mañás se concentran con él ás portas do Ministerio para mostrarlle o seu apoio; d@s policías locais, c@s que mantén unha estreita relación, porque aínda que xa o multaron en varias ocasións por ocupación da vía pública, como ben di él "son traballador@s, e nada teñen que ver el@s coas decisións que toman os de arriba"; d@s membros do 15 M; de organizacións ecoloxistas, sindicatos, partidos políticos... E é que abondan tan só uns minutos con el para decatarse de que este home desborda dignidade, coherencia, valentía e un compromiso social capaz de cautivar a calquera.
É un defensor aférrimo dun cambio de modelo enerxético, da substitución das tecnoloxías contaminantes polas enerxías limpas, e da idea de que o medio ambiente debe ser o eixe das políticas deste país
Os únicos que parecen non valorar a súa loita son o Ministro Cañete e os demais membros do Goberno, que actúan coa indiferenza e prepotencia propias daqueles que deixaron pasar para quedar nos seus despachos, os tentáculos das grandes compañías eléctricas. Mentres este Goberno segue sen decatarse de que desta crise só sairemos pola senda dunha economía máis sostible e unha aposta clara polas enerxías renovables, ás portas do Ministerio de Industria hai un Alcalde socialista disposto a chegar ata onde faga falta polo futuro do seu pobo, e a calidade de vida de tod@s nós. #TodosconAngelVadillo