Topoignominia

Conta Anselmo López Carreira que o 16 de marzo do 1850, o Concello de Ourense, a instancias dun edil (non galego, precisa o historiador), muda dun grolo todos os nomes do rueiro do centro histórico da cidade (praza do Campo, rúa da Correaría, da Pixotaría, do Pelouriño, da Canicouva, do Vergal...). Os motivos do concelleiro: adaptarse aos adiantos da época e corrixir "que muchos de esos nombres estaban en gallego". A pegada romana e medieval convértese no purín colonial de nomes como calle de Viriato, de Hernán Cortés, del Dos de Mayo, de Cervantes, de Gravina, de Juan de Austria, de Triunfo, de Padilla... Algunhas outras reciben nomes propios dun poema de Becquer: Peligro, Desengaño, Amargura, Olvido, Primavera, Pájaro... O oprobio aprofundouse logo do golpe de Estado franquista e destacados asasinos como o coronel Ceano recibiron honras até hai ben poucos anos.

Porque aínda que o franquismo acabou bioloxicamente no 1975, na toponimia urbana aínda segue moi vivo. Lugo aínda mudou o nome de oito rúas adicadas a fascistas no 2012; Ourense "limpou" o mapa no 2008

Porque aínda que o franquismo acabou bioloxicamente no 1975, na toponimia urbana aínda segue moi vivo. Lugo aínda mudou o nome de oito rúas adicadas a fascistas no 2012; Ourense "limpou" o mapa no 2008. Na Coruña e en Ferrol hai destacada presenza de franquistas no rueiro, o mesmo que en innumerables concellos nos que a principal e ás veces única avenida leva o nome do Generalísimo, de Carrero Blanco ou dos centos de paseadores locais que resisten o empeño das diferentes asociacións da Memoria Histórica por mostrar a súa verdadeira faciana, nada acorde cos méritos para se inmortalizar no rueiro.

Restituír o rueiro de Ourense e de calquera outra cidade ou vila é hoxe en día, un labor case imposible. A memoria veciñal é limitada e a frase "aquí siempre la llamamos así" pode máis ca o rigor histórico, o sentido común ou a defensa do noso patrimonio. Aínda que poñan malas caras, aínda que protesten os de sempre, a restitución dos nomes tradicionais debería facerse dun xeito decidido e non exento de pedagoxía. Por que motivo ten Ourense que homenaxear nada máis e nada menos que o 2 de maio madrileño? O conto é máis triste aínda porque outras vilas, deduzo que seguindo o ronsel da capital, fixeron o propio. En Xinzo hai unha rúa de Lepanto e outra do 2 de maio; curiosamente, nesa rúa, das máis céntricas, hai un monumentiño e unha placa que recorda os valentes combatentes que se enfrontaron os franceses: "Á memoria dos heroes limiaos que loitaron con valor e morreron con honor na batalla de Xinzo do 23 de febreiro de 1809 defendendo a localidade contra as tropas francesas". Alguén debeu pensar: pórlle á rúa Dous de Maio ten un pase pero mira que chamarlle 23-F!

Contemplar como se perde a toponimia propia é tan doroso coma ver as praias de Silgar ou de Samil co cimento á vista

As palabras forman parte da area da nosa identidade. Contemplar como se perde a toponimia propia é tan doroso coma ver as praias de Silgar ou de Samil co cimento á vista.

Loables son as iniciativas por urbanizar respectando a toponimia rural, tal como fixo Vigo no barrio de Navia, onde brilla unha rúa das Teixugueiras que lles traba a lingua aos foráneos. Recorda Gonzalo Navaza, un dos nosos guerreiros na defensa da toponimia e impulsor da recuperación e a conservación dos vellos nomes de lugar, que cando se urbanizou o campus universitario de Vigo, varias autoridades requicharon o fociño cando leron que ía haber unha rúa do Porto de Bois. "No tiene mucho que ver con la historia de la academia. Mejor llamarle de Galileo Galilei o de la Ciencia". Navaza replicoulle. "Ou de Oxford". "Eso, eso". O que non sabía o tal é que en inglés Oxford non é nin máis nin menos ca Porto de Bois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.