Toponimizar o Bierzo Occidental

Localidade de Fonte da Oliva, no Bierzo © Google

Os medios de comunicación dan todo o protagonismo á localidade segregacionista de Fuente de Oliva. Mais os bercianos galegofalantes do ocidental rexional sempre temos recoñecido Fonte de Oliva (coa pronuncia Fonte doliva). Un novo exemplo de oficialidade idiomática castelá que non respecta o billingüísmo tradicional e histórico do Bierzo.

Hai unha dinámica castelanizadora secular que se reflicte na supresión progresiva da toponimia berciana

Hai unha dinámica castelanizadora secular que se reflicte na supresión progresiva da toponimia berciana. Acontece o mesmo con outros moitos topónimos. Son os casos dos veciños Cantexeira, Vilariños, As Ferrarías, Soutelo, etc.  Curioso resulta o caso da aldea da Lagoa, coñecido algún tempo como Laguna de Castilla, todo un exemplo expansionismo político de Castela. Resulta lóxico demandar o mantemento dos artígos galegos en A Faba, O Cebreiro, A Barosa, A Valouta, A Somoza, etc.

Outras localidades menores relaciónanse cos vilares medievais que tiveron a súa orixe en pequenas explotacións agrarias. Son os casos de Vilar de Corraes (coa pronuncia en Corrais),  Viladepaos, Vilamaior, Vilasinde, Vilafeile, Vilarbón e demais localidades que xamais tiveron a categoría de villas castelás.

Pintada a favor do ensino en galego no Bierzo © obierzoceibe.blogspot.com

Non podemos entender o afán castelanizador de topónimos galegos como Vilaboa (con antigo mosteiro), Vilanova de Valboa, Ponte de Res (reguengo con Puente de Rey), Frieira (non Friera), Portela de Aguiar (xamais Aguilar), Perexe, Pobradura da Somoza (non Pobladura), Porcarizas (de porco berciano), Pieiros, Quilous, etc. 

Cómpre tomar progresiva conciencia do bilingüísmo histórico da rexión do Bierzo. Non respectar os topónimos tradicionais en galego significa colaborar na súa eliminación

A nosa lingua galega do Bierzo está tamén presente na outra toponimia menor. Convén respectar o val e mailo río Valcarce (non Valcarcer), a pena do Seo, as minas romanas da Leitosa, o Castro da Ventosa, Veigueliña etc. Velaí que a nosa orografía montañosa amosa portos, collados, serras, cordeis, coroas, etc. As explotacións agrarias achegan agras, searas, bouzas, etc. Os espazos gandeiros con brañas, algueiras, cabanas, malladas, morteiras, etc. Son arbóreos Teixeira, Noceda, Faixal de Busmaior, Soutogaioso, etc. As matoeiras teñen toixaes, carqueixaes, uceiros, etc. 

A toponimia galega está nas terras do chan berciano. A devesa do Fabeiro foi obxecto de desputas históricas entre a vila de Ponferrada e o mosteiro de Carracedo. Na contorna da capital berciana temos documentados Fontesnovas, Compostela, Quintela, etc. Incluso o topónimo Ponferrada non foi castelanizado. Porque a toponimia galega pode chegar moi lonxe, como en Foncebadón, non leonesizado.

Por todo o dito, convén tomar progresiva conciencia do bilingüísmo histórico da rexión do Bierzo. Temos a obriga de conservar en bo estado esta herdanza cultural. Porque necesitamos un compromiso interxeracional para transmitir este patrimonio cultural de todos. Non respectar os topónimos tradicionais en galego significa colaborar na súa eliminación. Fuxamos de argumentar diversas imposiciónsalleas (oficiais, legais…) porque somos responsables de protexer a nosa toponimia como parte da nosa cultura singular berciana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.