Traballemos como galegos

Aínda que conto con máis de vinte anos de coñecemento da realidade galaica, non agardaba a situación sociolingüística na que me ía encontrar ese ano. Tratábase dun caso curioso de dous británicos residentes na Galiza, pero falantes de idiomas diferentes. Un, o xefe; o outro, empregado. Un, castelán-falante; o outro, galego-falante.

Antes de facerme autónomo, traballei nunha academia de inglés. Para un nativo desta lingua, este tipo de emprego resulta unha maneira relativamente doada de arrincar ao chegar a un país non anglófono. Naquela academia, había alumnado de todo tipo: nenos, adolescentes e adultos que loitaban para sacar o mítico Cambridge First Certificate. Co que respecta aos compañeiros, a maioría deles eran galegos, e algún galego-guiri ou guiri-galego cuxos pais emigraran a un país inglés-falante facía décadas. Só había dous falantes nativos de inglés: eu, galego-falante, e un rapaz, que tamén sabía falar o galego. Nas clases, e nas poucas ocasións nas que eu usaba outro idioma que non fora o inglés para explicar a gramática, facíao sempre en galego e en castelán, por respecto a todos e para garantir a máxima comprensión. O máis interesante desta breve experiencia pedagóxica foi unha discusión sociolingüística laboral que tiven co meu xefe, tamén británico e que leva aquí 20 anos.

Todo empezou un mércores do maio pasado coa cuestión dos boletíns escolares que se entregan aos pais ao remate de cada ciclo (Nadal, primavera) e que tratan do estado da aprendizaxe do inglés por parte dos fillos. O xefe pediu que lle mandásemos os nosos comentarios sobre cada alumno en formato electrónico para que os puidera revisar antes de pasárllelos aos pais. De momento, ben. Ata que lin a seguinte instrución: os comentarios podíanse escribir en inglés ou castelán, aínda que “sería mellor escribilos en castelán para beneficio dos pais”. Isto pareceume algo problemático por dúas razóns principais. Primeiro, o xefe daba por sentado que todos os pais ou as familias eran castelán-falantes por defecto. Segundo, tamén presupoñía que os profesores estaban máis cómodos usando o castelán nos documentos escritos se non usaban o inglés. 

Respondín ao seu correo o mesmo día, e con copia a todo o equipo, para confirmar a política laboral sobre este asunto. Afirmei que eu era galego-falante e que prefería empregar o idioma que uso na miña vida diaria para escribir os boletíns. El respondeu o día seguinte, xoves pola mañá, para informarlle ao equipo que a política laboral na academia era sempre a de redactar os boletíns en castelán, e que nalgunhas ocasións nas que os profesores (nativos) non podían expresarse en castelán, traducíanse os seus comentarios ao castelán. Engadiu que a pesar de dicir o día anterior que se podían redactar en inglés ou castelán, agora quería rectificar esa política para insistir en que só deberían ser escritos en castelán.

Daquela, púxenme en contacto con dous dos máis destacados avogados galegos para solicitar o seu consello, ademais dun experto en sociolingüística da UDC. Os tres coincidiron ao cen por cen na súa análise e asesoramento da situación, que logo formaría a base da miña resposta: que o xefe non podía impoñer semellante política lingüística e que pasase o que pasase, eu tiña que seguir impartindo as clases de inglés tal como facía sempre. E así respondín: agradecinlle ao xefe por clarificar a súa postura, antes de informarlle de que era ilegal prohibirlle a alguén falar ou escribir en galego en Galicia en calquera situación. Fixen referencia ao dereito de falar e escribir en galego tal como queda protexido na Constitución Española (1978), tanto como no Estatuto de Autonomía (1981) e na Lei de Normalización Lingüística (1983), sen recorrer a outras institucións europeas. Afirmei que non quería, en absoluto, que o asunto levase a unha confrontación, aínda que si quería que se respectasen os meus dereitos civís. Rematei a mensaxe asegurándolle que eu ía redactar o boletín en galego e que estaría máis que disposto a reunirme con aqueles pais que tiveran problemas para entender o boletín, co obxectivo de clarificar a súas dúbidas.

Mandei esa mensaxe unhas horas antes de comenzar as clases aquel día, e xa consideraba a posibilidade de que o xefe non quixera que fose traballar ou incluso que me despedise nada máis chegar. Lembrei as palabras dos avogados: o xefe podía despedirme por escrito e esa decisión podía ser sometida a un tribunal posteriormente, xa que toda a lei apoiaba ese dereito básico. Lamento lembrar que o apoio dos meus compañeiros foi case inexistente, a pesar de ser algúns deles galego-falantes. O rapaz inglés que falaba galego contactou por privado para dicir que estaba completamente de acordo comigo pero que non se atrevía a discrepar co xefe publicamente. Despois, souben que unha das profesoras falara co xefe en privado para lembrarlle que algúns dos estudantes ou os seus pais preferían recibir comunicados en galego e que dita realidade debería ser respectada pola academia. Entre os compañeiros reinaba ben o calculismo, o medo ou a máis absoluta indiferenza.

O xefe respondeu a todo o equipo para dicir que a política laboral seguía en pé, aínda que respectaba os dereitos civís dos empregados e que podiamos, se así quixeramos, redactar os boletíns en galego. É máis, recoñeceu que non se fixera unha consulta aos pais sobre a lingua na que preferían ler os boletíns, e que era algo no que había que pensar de cara ao futuro. Cando cheguei aquela tarde á academia, o xefe estaba alí e saudoume con perfecta normalidade. Falamos con calma sobre o asunto. Non é mala persoa e eu cheguei a entender que o auténtico motivo da súa resistencia inicial ao uso do galego tiña a súa base nunha falta de confianza en poder entender e cambiar aqueles comentarios dos seus empregados nos boletíns que el quería modificar. Confesou tamén que tampouco manexaba moi ben o castelán escrito. Eu asegureille que había ferramentas, persoas e cursos á súa libre disposición que lle podían axudar nesta cuestión, e que non tiña que ser obstáculo ningún. Ademais, lembreille que non era consciente de ningún estudo científico capaz de demostrar que o uso do galego por empresas privadas prexudicase á súa base de clientela ou á cantidade das súas ganancias. Con todo, si hai numerosos estudos que confirman que a inclusión ou uso do galego, ata un grao parcial ou completo, nas xestións, negocios, publicidade e documentos empresariais atrae aos clientes e garante unha base de clientes máis plural. Abanca, por exemplo, ben sabe que si deixa de emitir comunicados en galego, unha cantidade significativa de clientes sacará os cartos para levalos á Caixa ou outro lugar.

O meu caso non chegou a ser tan dramático como outros, como por exemplo o de Belén Tajes, que aconteceu uns meses despois no centro infantil coruñés de ensino non regrado, Jungle World. Moi atento ao debate nas redes sociais sobre este asunto, decateime da preocupante ignorancia por parte dos traballadores tanto galego-falantes como castelán-falantes dos seus dereitos. Despedir a alguén dentro da comunidade autónoma de Galicia por usar o galego representa, simplemente e sen máis, un acto ilegal. Ademais das devanditas leis ás que se fixo referencia neste artigo, vulnera, a Lei 13/2008 de Servizos Sociais, que recolle a protección dos dereitos lingüísticos. Non debería haber ningún impedimento á nosa defensa de usar o galego no noso entorno laboral, tanto escrito como falado. Nin inconveniencia de ter que recorrer a trámites legais se nos acosan, e dende logo, nin o medo de sentirse illado ou ameazado. Como calquera dereito civil, hai que defender a liberdade de falar galego todos os días e en todos os lugares por medio do seu exercicio e defensa, e máis que nunca durante a crise e a inestabilidade laboral que trae. Vivir o galego, vivir en galego e facer vivir o galego non deixan de ser a mesma cousa: ser quen queremos ser e vivir a vida que queremos vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.