Traducir ao galego

Portada de 'Cumes Torboentos' © Laiovento

Co gallo da recente aparición da miña tradución dunha novela universal que hai tempo que debera estar traducida ao noso idioma: Cumes Torboentos, xurdiu cun amigo unha discusión, na súa acepción máis amábel de debate, sobor da pertinencia de traducir ao galego libros, e xa por extensión calquera texto, que xa estea traducido ao castelán

Co gallo da recente aparición da miña tradución dunha novela universal que hai tempo que debera estar traducida ao noso idioma: Cumes Torboentos, de certo por alguén máis arteiro ca min, xurdiu cun amigo unha discusión, na súa acepción máis amábel de debate, sobor da pertinencia de traducir ao galego libros, e xa por extensión calquera texto, que xa estea traducido ao castelán, lingua que todo galego coñece –obviamente por imperativo legal, mais a isto nunca se lle chama “imposición”–, por el considerar tal labor como unha tarefa va pró coñecemento da obra e dispendiosa.

Son argumentos válidos se se entende unha lingua como un mero instrumento de transmisión, sen ningunha bagaxe cultural e histórica nin relación afectiva co idioma, o cal evidentemente non se sostén cunha mínima análise científica. Baste citar como exemplo a adopción contemporánea do hebreo como lingua oficial do pobo xudeu no moderno estado de Israel, cando a mesma só perduraba como lingua litúrxica da relixión xudía, sen máis léxico có propio dos seus vellos textos, ao tempo que outras linguas modernas e máis estendidas constituían os idiomas maternos dos xudeus: inglés, francés, italiano, árabe, portugués, ruso etc.; que mesmo crearan dúas linguas como idiomas vernáculos do seu pobo: o yiddish e mailo ladino. Que sentido tivo que os israelís adoptasen e revitalizasen un idioma socialmente morto se non os guiase un sentimento de afectividade e afirmación nacional no feito?

Ao asumir unha tradución en lingua allea, por moito que a entendamos, asumimos á vez a súa verbalización do mundo

Ao asumir unha tradución en lingua allea, por moito que a entendamos, asumimos á vez a súa verbalización do mundo. Acaso non é a través das traducións en castelán que se forman a maioría dos nosos leitores e, por tanto tamén os nosos escritores. O resultado ben que se nota na nosa literatura contemporánea, cada vez máis castelanizada, tanto no léxico coma na morfosintaxe. É evidente que a nosa industria editorial galega non pode competir coa todapoderosa engrenaxe editorial española, mais –como pobo colonizado– tamén temos renunciado a compensar ese enorme desequilibrio ao non botar man da máis podente industria editorial portuguesa, seica porque a nosa “intelectualidade” aceptou servilmente o noso rol de rexión periférica de España, de termos unha lingua rexional, o cal está a levarnos inexorabelmente á paulatina extinción lingüística, aínda que sexa dun xeito paliativo.

Por outra banda, se o portugués podería ser o mellor remedio pra contrarrestar o dominio do castelán con milleiros de títulos editados que a industria galega nunca podería asumir, tampouco é aceptábel o argumento defendido por algúns lusistas de que existindo tradución dunha obra en portugués é innecesaria que a haxa en galego, porque este razoamento non se aplica ao mesmo portugués, onde a existencia dunha obra traducida en portugués brasileiro non empece a súa tradución ao portugués europeo. Acaso a proximidade entre ámbalas variantes non é mor cá que hai entre portugués e galego, mesmo se se usa a mesma ortografía; daquela, por que o que é admisíbel en portugués non o é en galego?

Tampouco é aceptábel o argumento defendido por algúns lusistas de que existindo tradución dunha obra en portugués é innecesaria que a haxa en galego, porque este razoamento non se aplica ao mesmo portugués, onde a existencia dunha obra traducida en portugués brasileiro non empece a súa tradución ao portugués europeo

Amais, ao argumento de que unha tradución en galego achega unha reprodución máis nosa –se se ten o galego como lingua habitual, xaora– do texto alleo, tamén se pode engadir a incoherencia de quen defende argumentacións contra o galego que nin sequera o castelán ou o portugués observan. Así, na procura de documentación e comparación prá miña tradución de Cumes Torboentos comprobei que se fixeran unhas quince traducións da obra ao castelán, todas co mesmo título, e once ao portugués, mais neste con varios títulos. Se se defende a superfluidade de traducir unha obra que podemos ler tanto en castelán coma en portugués, como se xustifica a conveniencia de traducir unha obra que xa está traducida á mesma lingua?

Persoalmente sóame mellor “Cumes Torboentos” ca “Cumbres Borrascosas”, inda que recoñezo que é unha opinión pouco obxectiva, e amais coido que reflicte moito mellor o título orixinal de “Wuthering Heights”; pro, con todo, o seu principal valor é que está na nosa lingua, por moito que entendamos as que están noutras linguas comprensíbeis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.