Transgredide malditos, transgredide

Entre os antigos gregos quen sucumbía á hybris (desmesura) era punido polo destino. Os gregos esforzáranse en dominar a desmesura a través da sociedade (da sociedade liberal atenienese). A proporción servíalles de vieiro perante a perda de límite. Oito persoas, entre as que se manifestaron ás portas do Parlament de Catalunya, veñen de ser condenadas entre tres e 5 anos de cárcere logo de seren absoltas 19 pola Audiencia Nacional. A Audiencia Nacional seica cometeu un “erro patente”, segundo recolle a revogación da sentenza do Tribunal Supremo. A sentenza non muda o relato dos feitos e disque encaixan co artigo 498 do Código Penal e que constitúen un delito contra as institucións do Estado.

Oito persoas, entre as que se manifestaron ás portas do Parlament de Catalunya, veñen de ser condenadas entre tres e 5 anos de cárcere logo de seren absoltas 19 pola Audiencia Nacional

Sobre a sentenza, a lentitude da xustiza española sobrepasa o razoábel ao tornarse destino, xa que unha cousa é o tempo que precisa o garantismo e outra moi distinta que teñan transcorridos catro anos. Delgada é a liña que separa a absolución do cárcere. Entre o acto de liberdade de expresión de crítica aos representantes políticos emulando a coreografía dos piquetes (segundo a sentenza da Audiencia Nacional) e quen afirma que a liberdade de expresión ten límites, debruzándose en exemplos de “destrución da democracia” que comezaron con sitios dos parlamentos (segundo interpretación do Tribunal Supremo). A opinión pública española é moi reactiva a esta cuestión xa que amosa dúas visións contrapostas da liberdade de expresión en situacións de incerteza e fraxilidade social. Que é do que se trata. A sentenza previa da Audiencia Nacional alicerzaba en que a liberdade de expresión, o dereito de reunión e o de manifestación teñen prevalencia no eido constitucional polo que precisan de maior protección ( o seu exercicio precisa dun espazo “xeneroso”) considerando que tanto o protesto como a concentración se “inserían dentro do ámbito constitucionalmente protexido polo dereito de reunión e de manifestación”.

Delgada é a liña que separa a absolución do cárcere. Entre o acto de liberdade de expresión de crítica aos representantes políticos emulando a coreografía dos piquetes e quen afirma que a liberdade de expresión ten límites

A sentenza do TC contrapón a estes dous dereitos fundamentais, o de participación dos cidadáns no órgano lexislativo a través dos seus representantes lexítimos para tirar a conclusión que a AN errou á hora de resolver o conflito pois considera que o exercicio da liberdade de expresión e manifestación non poden servir para banir e neutralizar outros dereitos, entendendo que a Audiencia priorizou aqueles (expresión e manifestación) fronte o de participación política a través dos representantes no lexislativo. Realismo legalista que se axusta a dereito sen estilismos novelescos, coa “clareza” total da escrita xurídica: as condutas delitivas reforzaron a violencia e intimidación sofrida polos deputados impedíndolles o desenvolvemento normal das funcións de representación. Porén, hai na revisión do TC un razoamento que non se basea na interpretación mesurada e xenerosa do exercicio do dereito de expresión, mas  en consonancia coa política do medo imperante. Tres anos de cárcere - quer dicir, de privación de liberdade- é tempo dabondo para nos dar que pensar sobre o sistema penal do estado español. De ollarmos ao redor, en Estados Unidos o endurecemento do Código Penal acabou facendo parte do mercado político-electoral. Non é por acaso que os EUA sexa o país con máis poboación reclusa e España o primeiro dos da Unión Europea.

Logo desta sentenza fica nidio que o PP abriu a veda de caza de cousas que imaxinabamos fora do horizonte como reintroducir a cadea perpetua e ir acrecentando as penas

Logo desta sentenza fica nidio que o PP abriu a veda de caza de cousas que imaxinabamos fora do horizonte como reintroducir a cadea perpetua e ir acrecentando as penas. A razón de Estado é un uso privado da razón de xeito que aínda tendo cometido un delito contra as institucións de representación política (artigo 498) o que non hai que banalizar é a punición imposta, entre tres e cinco anos de cárcere.

Xa que non todas as transgresións son iguais, para alén dos tecnicismos legais a sementeira de desconfianza da cidadanía en gobernantes e dirixentes tivo cumprido percorrido até callar a interpretación como máis unha manifestación da componenda entre poderes. Ao cabo, unha desconfianza derivada da queda do pano: a disparidade no uso privado da razón de Estado, que favorece unhas condutas de risco e castiga con vehemencia instintiva e emocional todo o que o incomoda sen ter que sofrer os efectos secundarios. É por iso que para moitos sexa máis repulsivo unha pancada na cara a un deputado que un ERE que produce un sufrimento en centos de persoas que non vemos. Para dicilo, doutro xeito, logo da sentenza corrixida en termos punitivos polo TC, quen detenta o poder teima en derramar a pouca sensibilidade moral que nos queda en medio dun proceso de corrupción transversal que salpica principalmente o duopolio de poder “dun Estado que se pretende de Dereito para ocultar que xeneticamente segue sendo de dereitas”(Rafael Cid)

É por iso que para moitos sexa máis repulsivo unha pancada na cara a un deputado que un ERE que produce un sufrimento en centos de persoas que non vemos

Pola súa interpretación descontextualizada -que teñan pasado catro anos non é por acaso- a do Tribunal Supremo é incapaz de albiscar nada que non sexa o despregamento da súa técnica xenuinamente disciplinaria. En consecuencia, o Govern e o Parlament reaxiu segundo a propia lóxica de defensa institucional do executivo, ao plantexar recurso á absolución ditada pola Audiencia Nacional. Outro efecto é que a policía non afastara ou habilitara un dos accesos ao Parc de la Ciutadella para garantir un corredor de acceso dos parlamentarios e parlamentarias ás súas cadeiras no Parlament. O que ben podería ser interpretado como un caso de neglixencia policial perante a coacción aos deputados, hai que encadralo tamén nos efectos do momento, o 15M.

A sentenza insírese na vaga de transgresión da norma ética por parte dos representantes. Lembremos que o clima social de indignación veu expresar precisamente a perda de límites da economía para volver encauzala na política e na ética

A sentenza da Audiencia Nacional insírese na vaga de transgresión da norma ética por parte dos representantes (o que se acabou revelando hogano como corrupción estrutural). Lembremos que o clima social de indignación veu expresar precisamente a perda de límites da economía para volver encauzala na política e na ética. Mas a coacción física dos manifestantes sobre os deputados, a diferenza da política económica neoliberal que non admite ningunha lexitimidade exterior a ela mesma, foi retransmitida ao vivo na televisión e no “panóptico dixital”, someténdose de xeito inapelábel á lei da comunicación. Porén, ambos son precedentes perigosos, mas dispares. En tanto a economía política ten efectos deletéreos só visíbeis na datización estatística do paro ou cando os lanzamentos de hipotecas se adxectivan facéndose entón visíbeis nas convocatorias sociais por desafiuzamento ou nas colas de reparto dos bancos de alimentos, a desmesura das paixóns tristes só teñen desempeño como ocupación física no corpo a corpo sob o ditado das leis da comunicación. Caso contrario, non existen.

A nova sentenza do Tribunal Supremo é informativa na súa absurdidade e desproporción. A fuga cara diante da técnica disciplinaria pasa por alto, máis unha vez, os problemas sociais e políticos. Unha sociedade hipersensíbel á corrupción estrutural que asolaga as institucións e os sistemas organizados para enriquecerse persoalmente coa complicidade de cargos públicos, pasmada perante o descontrol do financiamento dos partidos e a ilimitada soberanía do capital financeiro para ditar a política económica dos estados.

Porén, fronte á expansión sen límite do capital, austeridade e contención dos corpos; fronte ao crecemento desaforado, depotenciación da sociedade

Porén, fronte á expansión sen límite do capital, austeridade e contención dos corpos; fronte ao crecemento desaforado, depotenciación da sociedade; e fronte a promiscuidade entre política e diñeiro, imposición do celibato colaborativo das multitudes ou a necesidade de controlarse a un mesmo das paixóns tristes fronte ao poder estatal imposto dende arriba. Non é acaso esa unha das accións fulcrais da ideoloxía hexemónica cando, seguindo a fórmula de Slavoj Zizek, se nos impón unha falsa elección que perante o chamado de atención crítico sobre a igualación das transgresións - que levaría a unha disolución de responsabilidades- ávidas son as voces que o acalan co borrado dos antagonismos principais -“destrución da democracia” di o argumentario do TC-, da liña divisoria que a sentenza desmesurada contribúe a crear, como base “formal” punitiva e privatizada dos excesos “substanciais” que produce a economía neoliberal, xerando concentracións, protestos e escraches e outros nodos de resistencia ou de experimentación de formas de conciencia social.

Velaí o cadro de exixencia e de cinismo que se deriva na sentenza do TC: exemplaridade non restaurativa dunha sentenza con privación de liberdade, malia tratarse duns feitos illados que se pode atribuír á porcentaxe mundial de persoas que adoitan deitar pintura na gabardina dunha deputada ou aquelas que empurran e abofetean os outros diante da policía. E por que haberíamos ter suspicacias?

O legalismo ideolóxico acaba confundindo lei e moral. Que a lei determine o que é legal non significa que por selo se torne moral e, ao revés, que por se acción moral se torne ilegal

O legalismo ideolóxico acaba confundindo lei e moral. Que a lei determine o que é legal non significa que por selo se torne moral e, ao revés, que por se acción moral se torne ilegal. De aí que o argumentario do TC sendo legal segundo a técnica xurídica e o código penal nos resulte inaceptábel politicamente e que a sentenza absolutoria da Audiencia Nacional non impondo sanción xudicial puidera ter tamén a súa reprobación política. Da perda de mesura da sanción xudicial do TC derívase unha grande confusión de responsabilidades porque coloca no mesmo plano do imaxinario colectivo diferentes tipos de transgresión: os de corrupción sistémica, impunidade e miseria moral que indignaron a opinión pública até a carraxe e a de aqueles que acosaron un día aos parlamentarios cataláns ou se negaron un outro dia a executar un despoxo.

Pode a simple transgresión como liña de fuga contravir o emponderamento se non é o suficientemente potente? Servirá para algo a privación de liberdade? É posible que si, para meter medo no corpo. Mas a condición intrínseca da liberdade é a hybris, a disidencia, o estar disposto a arriscarse. Porque a xustiza no estado español non é igual para tod@s.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.