Transición xusta e cambio climático (I)

© Endesa

Loitar contra o cambio climático esixe dunha transición enerxética que faga diminuír drasticamente as emisións de CO2. Un escenario no que queimar carbón non ten futuro.

O pasado 27 de setembro, mentres millóns de persoas, maioritariamente xóvenes, saían ás rúas de todo o mundo para reclamar acción nas políticas contra o cambio climático, en Galicia coñecíase unha decisión empresarial de ampla repercusión: o futuro peche da térmica de carbón que Endesa ten nas Pontes. As dúas cuestións están intimamente ligadas: loitar contra o cambio climático esixe dunha transición enerxética que faga diminuír drasticamente as emisións de CO2. Un escenario no que queimar carbón non ten futuro.

No Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 presentado a principios de 2019 ante a Comisión Europea polo Ministerio de Transición Ecolóxica, -considerado o mellor dos presentados por parte dun organismo independente-, xa se facía referencia ao posible peche das centrais de carbón para 2030 por falta de competitividade derivada da evolución do prezo dos permisos de emisión de CO2, deixando a porta aberta a un máximo de 1.300 MW. 

Mais o proceso semella que se vai adiantar 5 ou 6 anos. Como é posible? A resposta está no odiado dióxido de carbono, cada vez máis caro para a industria de xeración eléctrica. Emitir unha tonelada de CO2 custaba de media uns 5 euros en 2016, hoxe custa máis de 25. Cómpre falar dun prezo fixado dentro dun réxime de comercio de dereitos de emisións, non dun imposto como erroneamente afirmou o presidente da Xunta recentemente. A explicación desta subida está na reforma levada a cabo nese ano sobre o Sistema de Dereitos de Emisión aprobada pola Comisión Europea da man de Arias Cañete, comisario de Acción polo Clima e Enerxía. A reforma cumpriu o seu cometido pois o mecanismo fora deseñado, precisamente, para desincentivar a queima de combustibles fósiles mediante o incremento dos custes de emisión. Por iso a día de hoxe ás eléctricas non lle saen as contas para queimar carbón, nin nas Pontes nin noutras centrais españolas ante o encarecemento deses dereitos de emisión e a competencia doutras fontes de enerxía máis baratas.

Aos galegos e galegas nos asiste unha sensación de estafa cada vez que pagamos o recibo dunha electricidade xerada polo noso aire, os nosos ríos ou polos nosos montes. Pero, nesta ocasión, o dano tamén afecta ao traballo de centos de persoas.

Mais todo o anterior son números e políticas: cómpre non esquecer que todas as decisións de gran calado teñen damnificados. A produción de enerxía en Galicia sempre tivo custes sociais e ambientais a día de hoxe non suficientemente recoñecidos: desde a utilización do noso territorio provocando contaminación e fendas na paisaxe, como o prezo a pagar por unha luz que sobradamente produciamos. En certa medida, aos galegos e galegas nos asiste unha sensación de estafa cada vez que pagamos o recibo dunha electricidade xerada polo noso aire, os nosos ríos ou polos nosos montes. Pero, nesta ocasión, o dano tamén afecta ao traballo de centos de persoas nunha comarca que continuamente sofre procesos de desindustrialización. As reaccións da veciñanza son lóxicas e axustadas á defensa de quen ve ameazado o seu emprego e modo de vida.

Non cabe outra que loitar ante a emerxencia climática, pero sen deixar a ninguén atrás. Por iniciativa do Grupo Europeo dos Socialistas e Demócratas (S&D) medrou na UE a necesidade de dotarse dun Fondo de Transición Xusta, que permita fomentar e financiar alternativas enerxéticas e industriais de futuro en territorios en proceso de descarbonización. A nova Comisión Europea xa ten ese reto encomendado cun amplo apoio a ese mecanismo. Pero o tempo para a cidadanía corre. Aínda que o peche da térmica de carbón das Pontes non sexa inmediato xa hai empresas e traballadores/as afectados/as, polo que necesitamos camiñar xuntos (institucións públicas, traballadores/as, empresas e cidadanía) para buscar alternativas viables máis alá do reparto de culpas ou de intereses partidistas, para que o que agora é unha grave ameaza, se poida transformar nunha oportunidade para o futuro de Galicia.

Continuará...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.