Nas décadas transcorridas dende o remate da II Guerra Mundial existiron moi poucas diferenzas entre as liñas practicadas en política exterior polos distintos gobernos norteamericanos. A chegada de Trump á Casa Branca ten alterado significativamente esa lóxica tradicional nas relacións internacionais, singularmente no primeiro ano do segundo mandato deste dirixente
O acontecido nos primeiros días do novo ano na area internacional (bombardeo dunha parte do territorio de Venezuela, secuestro do presidente Maduro por un comando militar norteamericano; ameazas de intervención sobre Colombia, Cuba e Groenlandia) xustamente cando se cumpren 5 anos do asalto golpista ao Capitolio de Washington protagonizado por manifestantes partidarios de Donald Trump, ilustra sobre os cambios que estamos vivindo a respecto do papel que ven xogando a Administración USA resultante dos comicios celebrados no remate do ano 2024.
Nas décadas transcorridas dende o remate da II Guerra Mundial existiron moi poucas diferenzas entre as liñas practicadas en política exterior polos distintos gobernos norteamericanos (fosen do Partido Demócrata ou do Partido Republicano). A chegada de Trump á Casa Branca ten alterado significativamente esa lóxica tradicional nas relacións internacionais, singularmente no primeiro ano do segundo mandato deste dirixente. A recente publicación da "Estratexia de Seguridade Nacional" establece as prioridades da nova equipa gobernamental, entre elas dúas moi relevantes: a adaptación da vella "doutrina Monroe" para xustificar o máximo control hexemónico do continente americano e unha belixerancia descoñecida contra a UE, condenada a unha explícita subordinación a quen era, ate este momento, un teórico aliado.
Certamente, vivimos nun mundo que non é comparábel ao resultante do último gran conflito bélico. A bipolaridade (USA-URSS) que presidiu durante tantos anos a dinámica das relacións entre os distintos Estados, foi esmorecendo por mor do afundimento do bloque soviético sen que se estabilizara un novo campo de xogo para discutir e negociar os diferentes conflitos que ían agromando por distintas rexións do universo. Ademais, o forte desenvolvemento económico e tecnolóxico experimentado por China ten variado substantivamente o taboleiro internacional.
A recente publicación da "Estratexia de Seguridade Nacional" establece as prioridades da nova equipa gobernamental, entre elas dúas moi relevantes: a adaptación da vella "doutrina Monroe" para xustificar o máximo control hexemónico do continente americano e unha belixerancia descoñecida contra a UE, condenada a unha explícita subordinación a quen era, ate este momento, un teórico aliado
A intervención militar en Venezuela semella constituír a primeira dose na aplicación desa nova "Estratexia de Seguridade" e deriva da firme decisión de neutralizar a presenza chinesa na xestión económica das riquezas naturais que posúe esa nación suramericana As ameazas directas sobre Cuba, Colombia, México e Groenlandia poden catalogarse como un complemento necesario. E tamén se pode formular un corolario implícito: se os USA de Trump teñen "dereito" a decidir o que pasa no seu territorio de influenza -o que no pasado se chamaba "o patio traseiro"- , o mesmo cabería postular nos casos de Rusia e China. Nesa lóxica de reparto territorial ficarían afectados, por exemplo, os conflitos -reais ou potenciais- ubicados en Ucraína e Taiwan. Recentemente, o presidente norteamericano verbalizou o criterio reitor do seu comportamento: no canto de seguir as normas do dereito internacional vixente, fará o que lle dite a súa "moral". Algo así como a reedición actualizada da lóxica hitleriana.
A ruptura das regras existentes nas relacións internacionais que practica Trump coloca á UE ante un verdadeiro reto existencial. Ou é capaz de asegurar a súa independencia apoiándose nas súas fortalezas (capacidades económicas e mantemento de estándares de benestar social superiores aos que se rexistran noutros espazos xeográficos) ou estará destinada a desempeñar un papel subalterno a respecto dos restantes actores que compiten no escenario mundial. Polo momento, non hai indicios para pensar na existencia dunha vontade maioritaria nos dirixentes políticos europeos para adoptar unha folla de ruta que rache coas directrices que emanan de Washington.
A ruptura das regras existentes nas relacións internacionais que practica Trump coloca á UE ante un verdadeiro reto existencial. Ou é capaz de asegurar a súa independencia apoiándose nas súas fortalezas ou estará destinada a desempeñar un papel subalterno a respecto dos restantes actores que compiten no escenario mundial
A involución que representa o trumpismo no ámbito internacional está tendo unha correlación indiscutíbel no interior dos EE.UU. Os dous últimos exemplos son moi reveladores: o apoio gobernamental ao asasinato de Renée Nicole Good, cometido, en Minnesota, por un membro do corpo armado creado para deter inmigrantes e a pretensión de acusar xudicialmente ao presidente da Reserva Federal -Jerome Powell- por non atender as esixencias de política monetaria ditadas polo actual inquilino da Casa Branca. Se botamos a vista atrás e repasamos o que sucedeu hai 90 anos na Alemaña nazi atopamos preocupantes sinais do que podería ser o naufraxio dun sistema democrático. Certamente, esta deriva autoritaria convive coa presenza doutras realidades mais esperanzadoras: o recente triunfo de Mandani nos comicios para a alcaldía de Nova Iorque ou o compromiso dunha parte do sistema mediático coas mellores tradicións liberais norteamericanas.
Dende hai anos, a situación en Venezuela ten sido unha ferramenta importante utilizada pola dereita política e mediática para promover a confrontación no seo do Estado español. O PP -e posteriormente Vox- practicaron un agresivo acoso verbal ás persoas e ás formacións políticas que non compartían os seus puntos de vista sobre os gobernos de Chávez e Maduro. E agora, despois de aplaudir o secuestro do presidente venezolano, ficaron totalmente desconcertados ante a comprobación de que os designios de Trump non coincidían co relato que tiñan construído para consumo dos seus votantes. En poucos días, demostraron que o que mais lles interesaba do conflito venezolano era conseguir a demonización de Zapatero, de Sánchez e de todas as forzas previamente cualificadas de chavistas.
O desconcerto sobre os acontecementos rexistrados en Venezuela tamén habita naquela parte da esquerda que ten manifestado unha intensa afinidade co goberno de Caracas. O pragmatismo que están practicando os actuais dirixentes (encabezados por Delcy Rodríguez) nas súas relacións con Trump non se compadece co discurso que viñan mantendo contra o hexemonismo norteamericano e co papel que se atribuían no espazo latinoamericano.