Tres leccións suízas para Cataluña e España

Todo politólogo coñece algún estudo de política comparada que, malia a súa autoría de prestixio, resultou ser un fiasco espectacular. Sabemos así que calquera intento de tirar conclusións para si mesmo do que se observa noutras latitudes é algo que debe ser feito con moita prudencia. Pero o exercicio non é inútil e pode brindar perspectivas de análise valiosas. Neste sentido, compararmos o que acontece en Suíza co Xura e en España con Cataluña pode parecer ousado, porque as diferenzas entre ambos casos son notábeis. Suíza é unha vella democracia cuxa cohesión nacional ten unhas bases sólidas, e o Xura nunca quixo abandonar a Confederación. En España, pola contra, a democracia perde decote calidade, e o proceso de construción nacional foi historicamente deturpado polas elites extractivas, que, ao tempo que inventaron un discurso patriótico excluínte e anacrónico, priorizaron (e priorizan) en todo momento os seus intereses particulares. Así é como a cuestión nacional –incluído agora o independentismo catalán– segue, xeración tras xeración, na nosa axenda política.

Pero tamén hai certas semellanzas entre os casos suízo e español en que se cadra deberiamos fixarnos. O Xura é unha rexión francófona que se integrou en Suíza en 1815, tras o Congreso de Viena. Entrou a formar parte do cantón xermanófono de Berna, e desde o principio houbo graves problemas que deron lugar ao nacemento de movementos secesionistas e unionistas. E cando falamos de problemas queremos dicir tamén violencia, incluído algún morto. Con todo, o conflito civil non chegou a escalar porque a tensión se canalizou en parte a través dunha serie de plebiscitos cuxos resultados levaron á creación da República e Cantón do Xura. Aínda boxe, o contencioso non está por completo resolto. O 18 de xuño, por exemplo, os cidadáns da pequena vila de Moutier deberán decidir nunha consulta se prefiren seguir pertencendo ao cantón de Berna ou, pola contra, incorporarse ao do Xura.

Unha primeira lección que podemos tirar deste caso é que a democracia per se non evita as tensións territoriais, cuxa abordaxe non é nunca doada. Os ordenamentos xurídicos adoitan estar mal construídos para este tipo de conflitos e as elites políticas do centro teñen normalmente grandes dificultades para entenderen a racionalidade das demandas periféricas. Pero –e esta sería a segunda lección– o que nos aprende o caso do Xura é que estas situacións son manexábeis cando unhas elites pragmáticas e dispostas ao compromiso actúan dentro dun marco legal flexíbel, que permite cohonestar cabalmente o incuestionábel repecto polo ordenamento xurídico coas demandas democráticas atípicas. Con outras palabras: se hai marxe de xogo, os actores teñen incentivos para achegaren posturas que eviten saídas traumáticas e onerosas para todos. E mesmo unha saída traumática é menos custosa cando se decide dentro dun marco, porque se hai algo que sempre esixe un prezo exorbitante é unha revolución. A terceira lección suíza é que non existe unha solución inmediata, gratuíta e definitiva. Os procesos poden durar decenios, demandar importantes concesións e reavivarse. Alguén, en Cataluña e en España, debería tomar nota.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.