Tres notas sobre memoria histórica para Beatriz Sarlo

O venres 8 de abril estivo en Santiago de Compostela a prestixiosa académica e intelectual Beatriz Sarlo, quen visitara hai uns anos a cidade con motivo da celebración dun congreso dedicado a estudar a dobre nacionalidade arxentina e galega, exercidas nos planos civil e cultural, de Luís Seoane. En realidade, Sarlo tivo presenza noutros foros do país antes da conferencia á que me referirei de contado, celebrada no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela con importante presenza de público, en especial de estudantes de distintos niveis formativos. Dun deses foros, a entrevista no programa de televisión Vía V, hai rexistro completo na rede. Visionalo é recomendábel.

Baixo o prometedor título Memoria histórica. Para qué sirve la literatura. Para qué sirven los monumentos a conferenciante desenvolveu unha lectura bastante crítica dos resultados tanxíbeis do que no seu país, e tamén aquí, vimos chamando “memoria histórica”. Fíxoo de forma desinhibida, gráfica, ocorrente, en aparencia sen maiores ataduras ideolóxicas. Aínda que tamén cunha orde interna de nada fácil interpretación e con algo de lixeireza á hora de tratar asuntos delicados, mesmo cunha dose de frivolidade retórica nalgúns momentos, atreveríame a dicir.

Xustamente por ser parte do público, podo explicar aquí con algo de vagar o que experimentei escoitando á publicista arxentina, quen é sabido que ten unha participación importante no debate político no seu país desde hai moito tempo. De feito, Beatriz Sarlo foi unha das voces públicas máis destacadas contra o kirchnerismo, asunto este que nada ten que ver co que aquí se está a desenvolver e no que non entrarei.

Por que digo que Sarlo falou con lixeireza intelectual sobre a memoria histórica? No básico, por tres motivos que paso a comentar.

O primeiro é que suscitou a idea de que o nivel da produción artística e literaria inspirada pola maquinaria da memoria histórica é frouxo. Non dixo que fose naturalmente frouxo ou magro de raíz pero si, cando menos, palmariamente exiguo na práctica. Iso argumentou e quixo documentar. O que ocorre é que os exemplos que empregou non se referiron só á produción artística e literaria no seu país tras o remate da ditadura militar senón tamén a moitas outras coordenadas. Entre elas as da Alemaña que se autocontempla no abismo nazi e no que queda do holocausto e o fai a través de determinados memoriais, de determinada arte pública, que, como todo, gustará ou non a quen a contemple.

En si mesma esta observación avaliativa —ese xuízo de valor— está en dependencia diso que Sarlo estudou de modo proficuo en publicacións pioneiras desde os pasados anos 70 e 80: o gusto, a distinción, vinculados sempre a determinados sistemas axiolóxicos de parte. Tamén a certa hexemonía, cabe sinalar. Ben, non é ese o problema que detecto e polo que agora escribo, non o é.

O problema radica no emprego dese xuízo negativo por Sarlo para concluír que se a arte nacida da memoria histórica é tan limitada nos seus logros é porque a propia memoria histórica é insuficiente como mecanismo perceptivo, epistemolóxico e produtivo. E isto xa é máis serio e por suposto controvertido. Entre outras razóns porque a experiencia histórica directa ou mediada por determinados relatos testemuñais ou exploratorios está detrás, e a carón, de numerosas producións artísticas de enorme entidade e influencia. Máis probabelmente que o que poida estalo unha sistematización do coñecemento histórico iluminada por aparatos conceptuais máis ou menos sólidos ou ríxidos, como o do materialismo histórico, a historia cultural, os estudos poscoloniais e sobre a subalternidade ou outros.

Sen dúbida, igual que a miúdo se fala dos usos da historia poderiamos falar tamén dos usos da memoria histórica. O que non se acaba de entender é o motivo polo cal o uso lúdico que berlineses e sobre todo turistas fagan do Holocaust-Mahnmal de Eisenmann e Happold, fotografándose riseiros entre os bloques de formigón que renden tributo á memoria dos seis millóns de xudeus masacrados polo nazismo, constitúa de seu unha demostración de algo; sexa cal sexa a base psicosocial desa forma de interactuar tales suxeitos coa arte pública.

O segundo motivo asóciase co feito de Sarlo obviar por completo na súa exposición o feito de falar no lugar no que o fixo: a capital dun país que hai oitenta anos foi devastado pola represión fascista tras un sanguinario golpe de estado, un país soterrado logo nas cunetas da historia por axentes e intereses de clase moi concretos. Un país neutralizado por quen se beneficiou daquela devastación e formulou un metadiscurso aínda hoxe ferinte, falsario e —por omnipresente— demoledor para os intereses e os dereitos cívicos, para os procomúns de todos, incluída a cultura pero tamén numerosos bens materiais, usurpados de vez. E, o que é peor, para a dignidade colectiva da xente, da democracia, da nación. Do propio estado de dereito, falido por ser incapaz aínda hoxe de denunciar sen ambaxes a barbarie do franquismo e de disporse de vez a localizar os restos de tanta xente desaparecida, a desagravialos como seres humanos e como cidadáns. A celebradísima transición sentou as bases xurídicas, políticas e morais desta lousa que tanto pesa sobre a nosa democracia.

De aí que deba ser tamén unha memoria colectiva de fundamento histórico, obviamente en diálogo crítico e produtivo coa historiografía científica, quen asuma cando menos unha parte da tarefa de restaurar canto foi espoliado por un estado ditatorial e por toda a súa maquinaria de poder (militar, xudicial, policial, eclesiástico…, tamén educativo e académico). Nese espolio hai que contar obrigatoriamente a propia memoria popular, aqueles relatos que pro domo sua supliron en certos circuítos informativos o silencio e a terxiversación da verdade, tanto relato sacralizado dos vitimarios, dos torturadores, dos asasinos e os seus valedores. Outra cousa soaría entre nós —soa de feito entre nós!— a unha exaltación indecente da desmemoria.

Como Sarlo afirmou, o presente postula o pasado, invéntao en certo modo para xustificarse e lexitimarse. Por suposto que si. E sempre á luz de intereses discursivos, ideolóxicos ou doutra índole de quen exerza como axente enunciador desa historia, sexa este un individuo ligado á academia ou alguén cuxa voz se disipe nesta ou aquela comunidade en maior ou menor medida anónima.

Pois ben, o que aquí quero argumentar é que a referida como memoria histórica non manipula a realidade dos feitos máis que un telexornal emitido por unha corporación multinacional; nin máis que a historia oficial, esa que se ensina logo nas escolas do país; nin sequera máis que a historia académica ou científica. Outra cousa é, poñámonos popperianos durante uns segundos, que esta sexa susceptíbel de corrección ou de refutación documental e aquela non tanto. É posíbel que sexa así; aínda que por recuperar un termo que apareceu con certa recorrencia na conferencia de Sarlo, a memoria histórica carga sempre de oficio coa sospeita de ser inexacta, fragmentaria, parcial, insuficiente, partidaria. Con todo, por riba de todo iso creo que a súa condición fundamental, cando menos no relato que se tratou de fortalecer no marco do estado español, é a de suplemento. A de saberse suplemento humilde pero necesario de todo o non dito.

O terceiro motivo é o máis serio dos tres. Cifraríao nunha sentencia non pronunciada de xeito explícito por Sarlo pero si latente no fondo de todo seu discurso no Centro de Estudos Avanzados, cando menos na percepción de quen isto escribe. Podería formularse como segue: as vítimas non son testemuñas fiábeis da historia. E aínda un complemento: as vítimas son en ocasións asemade vitimarios; algo isto último sustentado por Sarlo en feitos certos e probados, como o da represión interna exercida en determinados sectores da guerrilla latinoamericana durante decenios.

A pregunta inmediata perante esta observación non pode ser outra que a de se iso debería determinalas, ás vítimas, ao silencio público, a non exercer como enunciadoras da súa porción de historia, a non interviren máis. Cónstame que é un debate aberto en todas partes. Tamén que a título individual esa foi a decisión asumida por numerosísimas vítimas do holocausto e de tantas e tantas guerras: calar. Pero unha cousa é a lexítima e irrefutábel decisión de cada quen e outra moi distinta equipararmos a sospeita sobre o relato do vitimario coa correspondente ao relato da vítima. Úsense como se usen e úsense para o que se usen uns e outros relatos. Pensaba que Sarlo asumiría estas palabras, é o que sempre lin nos seus escritos. Pero iso non foi o que dixo aquí o outro día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.