Tribuna sobre o 'informe' do autodenominado Observatorio Feminista Galego

Loitas irmás, non rivais

Hai uns días, o autodenominado Observatorio Feminista Galego publicou un documento que, lonxe de contribuír ao debate feminista dende a responsabilidade e o rigor, recorre a ideas e conceptos obsoletos, fomentando a desinformación e amplificando un clima de sospeita cara as persoas trans. Especialmente grave no caso das persoas máis vulnerables, como é a adolescencia, alimentando medos e prexuizos irracionais. Este tipo de discursos non só exclúen, senón que minan a posibilidade dun feminismo verdadeiramente plural e transformador.

 

Un non informe e sen base científica

A lectura do chamado ‘informe’ revela un enfoque máis ideolóxico que técnico. A súa referencia principal é a polémica Cass Review, un documento británico cuestionado pola súa metodoloxía sesgada e pola exclusión deliberada de estudos avalados. Esa revisión sistemática ignora voces expertas no ámbito da saúde trans e incorpora a opinión de terapeutas con posicións contrarias aos dereitos destas persoas, algúns mesmo vencellados a prácticas que rozan as nefastas terapias de conversión, hoxe prohibidas.

Pero a ‘preocupación’ non remata aí. O documento emprega o termo “trastorno da identidade sexual”, expresión que foi eliminada dos manuais clínicos hai anos. Nin o DSM-V nin o CIE-11 —referencias internacionais en saúde mental— recoñecen xa a identidade trans como un trastorno. O propio CIE-11, da Organización Mundial da Saúde, retirou todo o relativo á disforia de xénero do capítulo de trastornos mentais no ano 2022. Utilizar esa terminoloxía hoxe non é só unha mostra de descoñecemento e falta de actualización, senón que podería mesmo considerarse mala praxe profesional.

 

O mito do “aumento de casos”

Outro dos puntos centrais do ‘informe’ é a denuncia dun suposto aumento de diagnósticos trans, con cifras que falan dun 2.000 % de incremento no SERGAS. Pero ese dato, utilizado sen contexto, só pretende manipular e alarmar onde en realidade hai avances: máis acceso a servizos sanitarios, maior recoñecemento social e menos medo a vivir a propia identidade. Non estamos ante unha “epidemia”, senón ante o resultado dunha sociedade máis xusta e informada.

Un feminismo que exclúe non é feminismo

Non podemos aceptar que se utilice o nome do feminismo para lexitimar discursos que exclúen a parte das nosas compañeiras. As identidades trans non son unha ameaza: son parte do feminismo dende hai décadas, dende os marxes e dende a loita. O feminismo, se non é inclusivo, é patriarcado con outra cara. Defender os dereitos das persoas trans non resta, suma. Non é un capricho, é unha cuestión de dereitos humanos e xustiza social.
 

A quen lle interesa esta división?

O que estamos vivindo non é novo. Cada onda feminista e cada avance en dereitos para quen vivimos nas marxes trouxo consigo unha contraonda reaccionaria. O patriarcado reacciona, reorganízase, e agora —de forma moi astuta— pretende que sexamos nós mesmas quen nos dividamos. A quen lle interesa que as feministas e as activistas LGTBIQA+ loitemos entre nós? A quen lle interesa a desmobilización social? A quen lle interesa que desviemos o foco do verdadeiro inimigo?

O inimigo non son as persoas que nos acompañan na loita. O inimigo é o patriarcado que nos degrada, que nos mata, que nos quere invisibles, caladas e de volta nos marxes.

Como di Alana S. Portero nunha recente entrevista:

“A novidade non é que existamos, senón que agora somos visibles e decidimos que a nosa voz non vai ser silenciada nunca máis, nin polo odio alleo nin polo noso propio medo. Non hai que entender a natureza exacta doutra persoa para respectala. Se non é polo entendemento, que sexa pola bondade.”

Efectivamente. Non pedimos comprensión absoluta, pedimos respecto. E tamén pedimos que non se instrumentalice o feminismo para volver colocar a algunhas persoas fóra. Todas e todes temos tanto que achegar: experiencias, reflexión, alegría, resiliencia. Todas nós, tamén as mulleres trans e as persoas non binarias, levamos décadas loitando xuntas por un mundo máis xusto. Por iso, este intento de fractura non se pode admitir nin avalar. Non o imos soster nós.
 

É tempo de sumar

Diante deste tipo de situacións é o momento de facer un chamamento claro: Non aceptemos supostos informes que sementan sospeita e desinformación. Defendamos un feminismo plural, forte, con base na evidencia e nos coidados. Porque se non é para todas, non é feminismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.