Tributo a Kathy McMahon, fundadora de Irish First Mothers

Vímonos en Dublín o pasado 3 de maio, onde compartimos unha horas que souberon a pouco. Kathy McMahon era unha desas mulleres as que podería estar escoitando durante días e eu estaba ansiosa por entrevistala dende había tempo.

Irish First Mothers fundouse para dar acollida e apoio ás verdadeiras vítimas: as nais primerizas irlandesas que baixo coacción e contra a súa vontade sufriron o roubo e posterior desaparición dos seus bebés

Estaba comezando a traducir a súa entrevista cando a noticia da súa morte repentina rompeume en dous. Ela estaba visitando Xeneva e a súa última foto compartida nas redes sociais foi tomada onde a sé de Nacións Unidas.

A súa experiencia vital e o seu sufrimento impresionábanme enormemente, pero tamén a súa firme determinación á hora de fundar Irish First Mothers (Nais primerizas irlandesas) e dar voz a máis de setenta mulleres irlandesas que sufriron o roubo dos seus primeiros bebes.

Kathy insistía durante a entrevista e posterior conversa que o que querían conseguir é xustiza, reparación e apoio social e público para as mulleres ás que representaba; tamén puidemos analizar as últimas mobilizacións do movemento feminista galego e falar do debate sobre aborto que está tendo lugar en Irlanda e do referendo que se celebrará a finais de maio.

Irish First Mothers fundouse para dar acollida e apoio ás verdadeiras vítimas: as nais primerizas irlandesas que baixo coacción e contra a súa vontade sufriron o roubo e posterior desaparición dos seus bebés.

Tamén puidemos analizar as últimas mobilizacións do movemento feminista galego e falar do debate sobre aborto que está tendo lugar en Irlanda e do referendo que se celebrará a finais de maio

Kathy tivo a sorte de poder reencontrarse coa súa filla case trinta anos máis tarde pero a maioría non tiña esa “fortuna” nin recursos para poder iniciar sequera un proceso de denuncia adecuado. Pobres contra ricos, ese é o resumo.

Conseguiron que o Goberno da República de Irlanda iniciase unha Comisión de investigación pero estaban indignados porque a voz das nais non ía ser escoitada; denunciaba  que dende esta Comisión o que realmente se pretendía era branquear as conclusións con relatos e testemuñas de nenos e nenas que foron subtraídos e posteriormente adoptados por xente adiñeirada e que tiveron unha calidade de vida aceptable.

E esta non era a cuestión fundamental, explicaba Kathy: “queremos que se investigue adecuadamente e en profundidade; queremos amosar ao mundo a terrible realidade que vivimos. Violáronse dereitos humanos;  o noso pode e debe de ser tratado coma un caso de xenocidio e o que queremos é que se coñeza a verdade e que as verdadeiras vítimas non queden deshonradas, rexeitadas, discriminadas nin abandonadas” 

Conseguiron que o Goberno da República de Irlanda iniciase unha Comisión de investigación pero estaban indignados porque a voz das nais non ía ser escoitada

Kathy laiábase de que o tratamento deste tema por parte da prensa era sensacionalista e sempre e unicamente cun enfoque emocional. En canto empezaban a falar de pedir responsabilidades políticas facía presenza ese silencio informativo que tan ben coñecemos.

Ao igual que o Estado español, Irlanda ten un historial traumático relacionado en moitos casos con entidades católicas. O caso das chamadas “mulleres caídas” reflexouse en  filmes coma Las hermanas de la Magdalena; outro caso, o escándalo de Tuam bateu forte en toda a prensa internacional logo do descubrimento de centos de restos de bebés nun antigo centro de acollida para nais solteiras. 

Kathy faloume con detalle das chamadas “Lavandeiras da Magdalena” e das “Casas para mulleres e nenos”.  Dous casos que son moi diferentes que teñen en común que milleiros de mulleres irlandesas foron maltratadas, ameazadas e estigmatizadas e onde tamén milleiros de mulleres e nenos, o eslavón máis feble da sociedade, ficaron en mans de mafias que traficaban con humanos impunemente. Terrible todo.

O caso dos nenos roubados é sen dúbida un tema complexo, delicado e que require de adecuada e responsable resposta por parte dos Gobernos. É unha débeda  histórica que debe ser aceptada, recoñecida e resolta. O papel das institucións relixiosas, segundo as afectadas, foi fundamental neste macabra historia e alguén terá que responder por isto. Non pode quedar no esquecemento.

A Asociación Irish First Mothers queda orfa agora. Outras mulleres seguirán o seu legado ata acadar a xustiza e a reparación que estas vítimas merecen

A Asociación Irish First Mothers queda orfa agora. O voceiro da asociación, o seu home Fintan Dunne, xornalista que conduce o blog Break for news, anunciaba con desolación o pasamento de Kathy e deixaba a mensaxe de que outras mulleres seguirán o seu legado ata acadar a xustiza e a reparación que estas vítimas merecen. Descansa en paz, Kathy.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.