Turismoadictos

Embarcadoiros e turistas na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ola, chámome César, vivo na Coruña e non podo deixar de viaxar.

Ooooolaaaa-Céeeesaaaar!! –contesta ao unísono un grupo de rostros sorrintes desde as súas cadeiras de plástico colocadas en círculo.

Ultimamente non deixo de pensar nunha posible terapia que me libere do hábito de percorrer países engrosando un inmenso exército de viaxeiros frívolo e consumidor. Entristéceme moito que o que viña sendo a procura doutras culturas e vivencias hoxe quedase reducida a un pasatempo de visitas efémeras polo planeta adiante

Imaxino así o comezo da miña primeira reunión de adictos ao turismo. Ultimamente non deixo de pensar nunha posible terapia que me libere do hábito de percorrer países engrosando un inmenso exército de viaxeiros frívolo e consumidor. Entristéceme moito que o que viña sendo a procura doutras culturas e vivencias hoxe quedase reducida a un pasatempo de visitas efémeras polo planeta adiante.

Somos vítimas dunha suxestión que está a facernos crer que vacacións e viaxar son a mesma cousa. Pasar as tempadas de descanso na nosa residencia pode verse hoxe coma unha rareza, e incluso minguar o noso prestixio social. Un sentimento contraditorio, porque temos clara a diferenza entre un viaxeiro motivado e sedento de experiencias fóra da súa área de confort e o turista estándar que nós encarnamos. De aí que camiñar coa cámara de fotos colgada do pescozo entre un colorido rabaño de visitantes xa comece a producirnos certo pudor. O que ocorre é que esa imposición social resúltanos algo insidiosa... pero abondo atractiva. Pese a que o noso sucedáneo de aventura rara vez saia dos escenarios preparados para consumidores transeúntes, ofrécenos experiencias variadas e un produto moi apetecible, a base de curiosidades locais e ducias de fotos que acreditan -alomenos en aparencia- intensas vivencias en terras lonxanas. Quen pode resistirse a iso?

Lembremos que só un 3.5% da poboación pode facer “escapadas” milquilométricas e aproveitar despreocupadamente unha loxística de transporte rápida e destinos asequibles nos 5 continentes. Sen dúbida, todo un exitazo da mecánica capitalista, sempre hábil ocultando os custos inconfesables de acaparemento, hiperconsumo, desigualdade e degradación ambiental

Agora ben, unha cousa é que dispoñamos desta sofisticada forma de desfrute e outra moi distinta é utilizala coma un xeito habitual para pasar o tempo ou disipar o estrés. Non o ven vostedes excesivo e pueril? A viaxe debería entenderse coma un proxecto que teña certo sentido no contexto vital dunha persoa, non coma un servizo máis para encher o tempo de ocio. Sobre todo, se reparamos en que este despilfarro resultaría inviable para a maioría dos habitantes do mundo... 

Lembremos que só un 3.5% da súa poboación pode facer “escapadas” milquilométricas e aproveitar despreocupadamente unha loxística de transporte rápida e destinos asequibles nos 5 continentes. Sen dúbida, todo un exitazo da mecánica capitalista, sempre hábil ocultando os custos inconfesables de acaparemento, hiperconsumo, desigualdade e degradación ambiental. O que xa ninguén pode ignorar é que esta necesidade superflua, esta trivialización do exótico, supón un dispendio de combustible, arrasa espazos naturais e zonas costeiras, elimina xeitos de vida tradicionais e transforma localidades históricas saturándoas de visitantes. Polo tanto, é urxente que comecemos a aceptar que o turismo está a destruír máis recursos dos que crea, e só para o desfrute dunha minoría.

A estas alturas, como suxiren algúns autores, xa deberiamos estar buscando a forma de recuperar o noso propio hábitat (desvertebrado e asocial) no canto de buscar lonxanos entretementos coma paliativo da nosa insatisfacción. A fórmula, simplemente, non funciona. Revisen, se queren as, súas fotos. Aposto a que en moitas delas aparecerán diante dalgunha paraxe coma tantas outras, ou dunha rúa turistificada onde o único contacto humano que mantiveron foi con camareiros, recepcionistas e condutores normalmente cordiais por mera rutina profesional. Moi probablemente, visitar a escape Dubrovnik, Venecia ou Marrakech non enriqueceu de xeito significativo a súa percepción da realidade, nin favoreceu a súa conexión con persoas ou formas diferentes de entender o mundo. Alomenos, na miña memoria xa comezan a mesturarse aeroportos, hoteis, recintos arqueolóxicos, museos perfectamente olvidables e centros urbanos tan masificados e ficticios que perderon calquera rastro do encanto que buscaba.

A “mundofaxia” turística non só representa un contrasentido psicolóxico, sociolóxico e ecolóxico, senón que amosa abondas incongruencias económicas. Como apuntei, os turistas desconfiguramos os lugares que captan o noso interese ata convertelos en invivibles (Santiago, Venecia…) e, lonxe do que se poida pensar, nunca sacou da pobreza a un país humilde (hai cálculos das propias multinacionais do sector que cifran no 80% os gastos que quedan no país de orixe). 

Consciente de todo isto, unha parte do sector xa está a ofrecernos “turismo sostible”. Esquézano: trátase dunha segmentación estratéxica da oferta para clientes ecosensibles que, a pouco éxito que teña, acabará convertido na versión beta do turismo de masas

Consciente de todo isto, unha parte do sector xa está a ofrecernos “turismo sostible”. Esquézano: trátase dunha segmentación estratéxica da oferta para clientes ecosensibles que, a pouco éxito que teña, acabará convertido na versión beta do turismo de masas. En suma: non hai solución. Dentro de 10 anos non voaremos ao outro lado do Atlántico a un prezo asumible. Acataremos, si ou si, fortes restricións de emisións e de consumo, por máis que o turismo aínda aspire a manter ese status de ocio creativo e de xerador de riqueza urbi et orbi.

O tal beneficio económico, que cifrou nun 8% a aportación ao PIB de España (2021), só seguirá lucindo optimista mentres non introduzamos os custos reais da enerxía aplicada aos transportes, dos servizos altamente subvencionados ou pouco gravados (hoteis, Ave, centros comerciais), as carísimas infraestruturas (estradas, aeroportos), a esquilmación amplificada da natureza e os crecentes desaxustes socioeconómicos que encarecen o alugueiro das vivendas e os alimentos. Iso por non falar do incremento dos gastos municipais (auga, residuos), da ínfima calidade de moitos dos empregos que xera e dun factor moi a ter en conta: o comportamento altamente inestable desta área de actividade (atentados, clima, crises…). Acaso nunca sospeitaron de que no segundo país máis turístico do mundo (70-80 millóns de visitantes anuais en España) dificilmente nos achega ao grao de desenvolvemento do aburrido e frío norte de Europa? 

Dito o anterior, aos que se sintan algo sensibilizados co tema confésolles que non lles podo dar a solución para loitar interiormente contra a súa dependencia do turismo. O único que podo facer é animalos a que dean o paso que eu din: aceptar a miña adicción. Polo demais, se alguén se anima a organizar un grupo de desintoxicación, que conte comigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.