Os que intentan rebelarse desde un despacho, diante da pantalla dun computador ou participando nunha colorista revolució dels somriures, non están a tomar en serio o que significa unha revolta
“Alí o exército de Israel foi derrotado polos seguidores de David. A mortaldade foi grande aquel día. Foi de vinte mil homes. O combate estendeuse por toda aquela bisbarra.” Así describe A Biblia a batalla decisiva da revolta falida de Abxalom contra seu pai, o rei David, na foresta de Efraím. Hai tres mil anos xa sabiamos que normalmente unha revolución non se fai descartando o uso da violencia, e que nin sequera un exército garante o éxito. Dinamitar a orde estabelecida é un acto propiamente insurreccional, que os protagonistas pretenden levar a cabo para instauraren un novo réxime máis conveniente para eles. É sabido, porén, que o Estado vai reaccionar.
Porque os Estados adoitan ter unha vocación de permanencia, que na Constitución Española se menciona literalmente no artigo 56. A defensa das institucións gradúase dependendo da agresión sufrida. Pode consistir nunha mera resposta política, escalar até unha activación dos mecanismos xudiciais e desembocar no uso regrado da forza. Isto significa, con outras palabras, que quen queira pór en marcha unha revolución terá que aceptar a necesidade de arriscar vidas –incluída a propia– no decurso do proceso. De maneira que os que intentan rebelarse desde un despacho, diante da pantalla dun computador ou organizando e participando nunha colorista revolució dels somriures, non están a tomar en serio, con madurez política, o que significa unha revolta.
A vangarda independentista pode ser castigada por unha rebelión que non se atreveu a comandar
Pero o sangue –propio ou alleo– non é o único prezo dunha aventura revolucionaria. Lanzar ou implicarse nunha acción desta natureza supón un compromiso persoal e colectivo integral. Porque quen perde o envite –por falta de ousadía ou se o Estado foi máis decidido– non vai poder escribir o relato e vai pasar aos libros de historia nunha simple nota a pé de páxina. A única maneira de lexitimar unha insurrección é, polo tanto, gañándoa, porque a historia se escribe ad maiorem gloriam dos triunfadores.
A ironía do procés está, por unha banda, en que constitúe un intento ruín de implementar unha revolución sen asumir os sacrificios máis onerosos; e, por outra banda, se finalmente se impón a aberrante tese da fiscalía, en que a vangarda independentista pode ser castigada por unha rebelión que non se atreveu a comandar, por covardía, por inxenuidade, por actuar a la manera catalana, cun enfoque posibilista que deixaría estupefactos a Lenin e incluso o mahatma Gandhi.
Quen non quere ir á revolución como un adulto corre o serio perigo de quedar retratado coma o neno que entra na tenda acompañado polos pais e pide un xoguete que sabe que non lle van mercar
Quen non quere ir á revolución como un adulto corre o serio perigo de quedar retratado coma o neno que entra na tenda acompañado polos pais e pide un xoguete que sabe que non lle van mercar. O neno patea, berra e entre saloucos lembra que todos os seus amiguiños teñen o xoguete agás el. E os pais, sabedores de que están en posesión da autoridade e da potestade para tomaren unha decisión, fan o que lles corresponde: deixarlle claro ao neno que o xoguete non pode ser e, a maiores, explicarlle o porqué con paciencia e firmeza. Quizais lles doia non poder atender a demanda do fillo. O rei David chorou amargamente a morte do seu amado Abxalom. Pero seguiu gobernando.