Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direccións, asistiríamos á maravilla dunha mañán única...
Tras 14 anos de dominio absoluto de Alberto Núñez Feijóo sobre Galicia, o ex presidente invicto afronta a súa primeira e se cadra única derrota electoral: os 136 deputados acadados nas eleccións do 23 de xullo son insuficientes – mesmo coa suma dos 33 escanos de VOX– para chegar a conformar goberno en Madrid.
Malia pasar de 88 a 136 escanos, o “efecto Feijóo” é menor do que prognosticaban todas as enquisas, grazas ao mantemento das posicións electorais das forzas que sustentaban o goberno de coalición. O PP consegue recuperar moito voto de Vox e da abstención, pero de maneira insuficiente para contrarrestar a inesperada e moi meritoria resistencia de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz.
Por segunda vez en apenas dous meses, volve constatarse o paradoxo electoral de Galicia: a esquerda gaña en votos, pero converte con menos eficacia o voto en escanos.
Nas eleccións xerais máis galegas, Feijóo acaba de descobrer que Galiza, definitivamente, non é España; nin sequera en termos electorais. A maquinaria do PPdG segue mostrando unha grande fortaleza nas provincias do interior, subindo 225.000 votos, acumulando un 43,5% de apoio electoral total e traducindo con eficacia ese voto en escanos (13). Os tres escanos que perde o PSdeG, gáñaos o PP, malia subir en votos até case os 480.000. Pola súa parte, as restantes forzas, Sumar e BNG, manteñen o resultado en escanos acadado no 2019 (2 e 1, respectivamente). Vox acada 77.000 votos, de novo insuficientes para obter representación, pero suficientes para restarllos ao PPdG. Por segunda vez en apenas dous meses, volve constatarse o paradoxo electoral de Galicia: a esquerda gaña en votos (máis de 20.000 respecto do PP-Vox), pero converte con menos eficacia o voto en escanos.
En todo caso, para os galegos e galegas de esquerdas o resultado do 23 de xullo configura un abrente de esperanza.
Este período abre un tempo precioso para que as forzas da oposición reconfiguren as súas estratexias políticas e organizativas cara a esa confrontación decisiva para o país. A Terra ten semente dabondo. Só faltan labregas boas e xenerosas, que a coiden con cariño.
Á espera do resultado das negociacións políticas para que Psoe e Sumar podan reeditar unha maioría de investidura (cuxa principal dificultade reside no posicionamento negociador de Junts), todo indica que Feijóo deberá permanecer como portavoz da oposición, agora xa con asento no Congreso dos Deputados. Un escenario que non será cómodo nin doado para unha persoa acostumada ao poder, que acumula un desgaste vital notable e –sobretodo– para a cal as bases do PP teñen xa un recambio con maior proxección cara o futuro: Isabel Díaz Ayuso. Non cabe descartar un pacto que garanta a estabilidade interna do PP, no Feijóo ceda o paso á presidenta madrileña a cambio de garantir un retorno a Galicia, como aquel que trouxo de volta a Fraga tras deixarlle o sitio a Aznar para as xerais de outubro do 1989.
O que si parece claro é que, con esta situación, o Presidente Rueda non terá ningún incentivo en adiantar as eleccións galegas de xuño do 2024. Perante o fracaso de Feijóo, Rueda necesita tempo para engranar ben a súa nova maquinaria de San Caetano cos medios de comunicación afíns e os obxectivos electorais do Partido. Os orzamentos que se elaboren no outono do 2023 serán decisivos neste sentido.
Este período de un ano abre un tempo precioso para que as forzas da oposición (PSdeG, BNG, Sumar) reconfiguren as súas estratexias políticas e organizativas de cara a esa confrontación decisiva para o País. Os resultados do 23 de xullo arroxaron un baño de realidade que a oposición non debería, de novo, deixar pasar sen unha seria reflexión de cara ao futuro. Non hai marxe para euforias, nin tampouco para ensimismamentos internos. Cómpre tecer complicidades coas respectivas bases sociais, combinando coherencia ideolóxica con humildade e realismo político. Cómpren liderados políticos valentes, que sexan capaces de facer aradas distintas das feitas nos últimos 14 anos. A Terra ten semente dabondo. Só faltan labregas boas e xenerosas, que a coiden con cariño.
Este 25 de xullo do 2023, confiamos que un abrente de esperanza se abra tamén para as vítimas do Alvia, cunha pronta sentenza que faga lles faga xustiza como merecen, dez anos despois do fatal acidente. A xustiza para a súa memoria, a condena de todos os que coa súa acción ou omisión provocaron tanto sufrimento, é tamén a nosa causa.
Desde aquí, desexamos a todos e todas as nosas lectoras un feliz Día Nacional de Galicia, que ben o imos merecendo.