Un ano cheo de incertezas

A nivel económico e, xa que logo, social o ano 2023 aparece con non poucas incertezas CC-BY-SA Jernej Furman

A nivel económico e, xa que logo, social o ano 2023 aparece con non poucas incertezas. As primeiras están na duración da pandemia da COVID.19 e da guerra en Ucraína cuxos impactos negativos foron extraordinarios pois tanto provocaron a ruptura da cadea de valor a nivel internacional como unha moi forte caída da oferta global que, en occidente maiormente, disparou a inflación e puxo en cuestión os dogmas neoliberais tal que, en non poucos casos como sucede na Unión Europea co ordoliberalismo, tiveron que seren abandonados. Velaí a razón das primeiras incertezas: que vai pasar co guerra en Ucraína?, e coa pandemia?. Todo apunta a que esta guerra vai para longo e a que a pandemia aínda non está controlada.

Neste complexo marco xeral aparecen tamén outras incertezas tales como que decisións en materia de política fiscal e monetaria tomarán neste ano 2023 as autoridades comunitarias (BCE, CE)?. Por caso, en política monetaria, seguirá o BCE empeñado en elevar os tipos de xuro como estratexia para facer fronte as presións inflacionistas?, ou cambiará o rumbo facéndoa menos agresiva?. Seguirá sacrificando o crecemento económico, a creación de emprego e benestar, a supervivencia de moitas pemes e o control das débedas a prol do obxectivo de frear a escalada de prezos?. As sinais que nos chegan das autoridades monetarias europeas non nos permiten ser optimistas nesta materia. Todo apunta a que o BCE manterá o rumbo actual polo que debemos agardar novas subas dos tipos de xuro nos próximos meses cos conseguintes estragos económicos.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen © European Union

En materia de política fiscal manterá a Comisión Europea conxeladas as regras fiscais de déficit e débeda fixados polo TEG? ou, polo contrario, atenderá ás voces que -dende Alamana e os seus satélites: Austria, Dinamarca, Países Baixos- claman pola volta ao rigor fiscal. Combinar austeridade expansiva con restrición monetaria sería un novo desastre pois convertería a crise actual nunha grande recesión.

Seguindo coa Comisión Europea, afrontará esta dunha forma definitiva, e de xeito colectivo, pero con decisión o grave problema da inflación que está compactando nas familias e nas pemes cunha enorme dureza? ou seguirá confiando exclusivamente na política monetaria cando estamos diante dunha inflación de oferta?. Actuará dunha vez sobre os prezos, por caso, dos combustibles e os alimentos que en mans dos oligopolios están restrinxindo a competencia?: a chamada "excepción ibérica" favorecendo que España sexa o segundo pais da eurozona co IPC mais baixo -5,7% fronte a media comunitaria do 9,2%- está poñendo en evidencia tanto en que sectores son mais fortes as presións inflacionistas como que unha inflación de oferta esixe accións polo lado da oferta e non da demanda. Accións como por caso implementar grandes investimentos públicos en enerxías verdes, fixar controles sobre os prezos da enerxía e establecer gravames fiscais ás ganancias extraordinarias das empresas enerxéticas. Neste marco se tomarán por parte da Comisión Europea medidas que aporten melloras reais nas cadeas de produción e distribución, como por caso un incremento significativo -mais aló do NEXT GENERATION- dos investimentos en infraestruturas que sirvan para superar os colos de botella da cadea de subministro?.

Finalmente, actuarán, por unha vez, de xeito coordinado o BCE e a Comisión Europea ou seguirán facendo fronte a crise cada un pola súa conta e con políticas monetarias e fiscais incluso contraditorias?. Adoptará a UE unha política común cunha visión ampla e de luces longas ou, como sucedeu por caso co prezo do gas, seguirán os estados da Unión Europea actuando cada quen pola súa conta rompendo así os fundamentos do que debe ser un mercado único?.

Velaí algunhas das grandes incógnitas e as conseguintes incertezas que, en materia de política económica, nos trae este ano 2023.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.