Un largocaballerista en Compostela

¡Viva la Libertad! © Concello de Santiago

Corrían as primeiras horas do 29 de xaneiro de 1938 e o silencio da madrugada rompíase ás portas do vello cárcere da Falcona ao berro de “¡Viva la libertad!”. 

Hoxe cúmprense, en silencio, 83 anos do asasinato de Fernando Barcia Veiras. 83 anos despois, as institucións da cidade seguen sen recoñecer o sacrificio de quen, durante os difíciles días daquel xullo de 1936, asumiu o mandato de presidir o Comité Executivo de Defensa da República

83 anos despois, ese berro segue a golpear nas rúas de Compostela. 83 anos despois, as institucións da cidade seguen sen recoñecer o sacrificio de quen, durante os difíciles días daquel xullo de 1936, asumiu o mandato de presidir o Comité Executivo de Defensa da República, encargado de organizar a resistencia antigolpista xunto có derradeiro alcalde republicano da cidade, José Germán Fernández. 

A necesidade imperiosa de recuperar a memoria democrática das vítimas da ditadura é unha obriga ética e xurídica que segue sen asumirse. 

Hoxe cúmprense, en silencio, 83 anos do asasinato de Fernando Barcia Veiras. Falamos da persoa que presidiu desde 1931 a Agrupación Socialista de Santiago, do último dirixente posto en liberdade en Compostela despois da Revolución de Outubro de 1934, dunha persoa fundamental na loita polo Estatuto de Autonomía e tamén dunha persoa clave na configuración do sindicalismo educativo en Galicia. 

O seu esquecemento débese principalmente a tres factores. Por suposto á propia ocultación de corenta anos de ditadura. Pero tamén á falta de asunción, chegada xa a chamada transición, por parte das institucións, incluídas as académicas, dos valores netamente democráticos. A adscrición de Fernando ao largocaballerismo fixo que, chegada a transición, a súa memoria non resultara cómoda ao discurso implantado en institucións e partidos, porque representaba valores esencialmente republicanos, liberdade, igualdade, fraternidade, cultura, laicismo, feminismo, e todo isto reflectíase na aposta de Fernando pola construción dun enorme movemento asociacionista, feminista, polo dereito á vivenda, antifascista, etc.

A adscrición de Fernando ao largocaballerismo fixo que, chegada a transición, a súa memoria non resultara cómoda ao discurso implantado en institucións e partidos, porque representaba valores esencialmente republicanos

Finamente, a memoria de Fernando Barcia veuse comprometida polo feito de que, as portadoras da súa memoria son mulleres: a súa compañeira de vida, Ramona Blanco, e as súas fillas. Non podemos negar a importancia deste feito, nunha sociedade patriarcal, a da época e a actual, que relega ás mulleres a un segundo plano tanto na vida social como na política, pero tamén no eido da investigación, onde non se lles da o papel protagónico que teñen como vítimas e como fontes fundamentáis para comprender a historia do noso país. 

No cabodano do seu asasinato as institución deben facer a autocrítica necesaria sobre o silencio, o abandono e o obscurantismo imposto sobre Fernando. Agardar un ano máis suporía continuar sendo cómplices de quen fai oitenta anos colocou a Fernando fronte ao paredón de boisaca, e de quenes fai corenta anos mandaron gardar silencio sobre as vítimas, apagar a súa voz e ocultar os seus valores. Valores tan necesarios neste momentos de fake news e golpistas de whatsapp. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.